A Coruña: actos literarios destacados do luns 4 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia luns 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

20:00 h. Presentación do libro O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Galaxia.
20:00 h. Jorge Emilio Bóveda presenta o seu libro Divina de la muerte. Asasinato no centro comercial na caseta de Consorcio Editorial.
21:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.

A Coruña: actos literarios destacados do domingo 3 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia domingo 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

13:00 h. Actividade infantil. Presentación do album ilustrado …3, 2, 1 … de Pepablo Patinho e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
13:00 h. Presentación do libro Textículos dramáticos, do escritor Afonso Becerra, publicado por Laiovento. Xunto co autor, participará no acto Francisco Pillado. Os actores Gloria Rico e Xosé Luís Bernal, Farruco, da Cia. TEP Teatro en Punto realizarán unha lectura dramatizada de textos do autor.
19:00 h. Dores Tembrás asinará na caseta de Editores Coruñeses.
19:00 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, do escritor Eduardo Sanches Maragoto, publicado por Edicións do Cumio.
20:00 h. Presentación do libro Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado, publicado por Galaxia.
21:00 h. Xabier López López asinará exemplares do seu libro 1989, publicado por Biblos Clube, na caseta de Editores Coruñeses.

Rianxo: actividades destacadas do sábado 26 e domingo 27 na Feira do Libro

OIMAXE FEIRA LIBRO RIANXO WEB sábado 26 e domingo 27 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza de Castelao), con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 19:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

Sábado 26
13:00 h. Presentación, na casa do concello, do libro As crónicas de Bran, Vol. II: A porta de Annwn, de Xosé Duncan. Xunto co autor, participará no acto Adolfo Muíños.
19:30 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de
Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka. Na Biblioteca
da feira.
20:30 h. Presentación, na casa do concello, do primeiro número do proxecto
Caderno de Literatura popular de Rianxo, adicado a Francisco Rodríguez Gey. Participarán no acto Eulalia Agrelo Costas, Carla Morano e Adolfo Muíños.
21:30 h. Concerto na Praza Rafael Dieste. Presentación do traballo discográfico Toc Toc, a cargo de Pablo Díaz e Banda. (Programa Rede Cultural Deputación da Coruña).

Domingo 27
13:00 h. Presentación da Antoloxía Poética de Evaristo Martelo, a cargo de Pepe Blanco Alborés, responsable de Plan B Editora e presentado por Adolfo Muiños.
19:30 h. Presentación, na Biblioteca Infantil, do álbum ilustrado O libro dos bicos, de Xosé Luna e Nuria Díaz.
20:30 h. Presentación, na Biblioteca Infantil, do libro Salseiros, de Suso Lista, publicado por Edicións Embora.

Lousame: presentación de A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo

O domingo 27 de xullo, ás 19:00 horas, no Centro Social Pepa de Vicente (Aldea Grande de Lousame), preséntase a novela A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Teresa Villaverde e Maite Sobradelo Creo. Durante a presentación actuarán membros do Conservatorio de Lousame.

Discurso de Ramón Villares co gallo do 70 aniversario do Sempre en Galiza

Desde Galaxia:
“Grazas á colaboración que desde o principio nos prestou a Fundación Castelao e á hospitalidade do Parlamento de Galicia, celebramos hoxe este acto de lembranza e de recoñecemento dun autor e dunha obra esencial para a Galicia contemporánea. Con este acto institucional, abrimos no Consello da Cultura Galega un programa de actividades de sensibilización e de difusión da obra máis emblemática de Castelao, Sempre en Galiza, que vai ter continuidade a partir de hoxe. Ímolo facer a través das nosas páxinas web, para poder chegar a novos públicos. Coa colaboración da Editorial Galaxia, estará dispoñíbel o texto enteiro de Sempre en Galiza, en edición dixital, que, pola súa vez, se verá enriquecido coa edición tamén dixital dos estudos introdutorios e dos cadernos publicados con motivo da edición crítica do libro, por parte do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago, en 1992. Alén diso, engadimos outros recursos, como vídeos e fotografías, unha biografía do autor e lecturas de Sempre en Galiza feitas por persoas, galegas ou non, que moran lonxe de nós. (…)
Este acto ten, con todo, unha orixe moi precisa, que cadra moi ben coa práctica rememorativa que é propia dos nosos tempos. Hai setenta anos, moitos centos de galegos que moraban en Bos Aires acudiron á chamada dos amigos “porteños” de Castelao (Rodolfo Prada, Manuel Puente ou Xosé Abraira) para festexar a publicación dun libro que xa daquela se anunciaba como un contributo esencial á cultura galega, escrito na súa maior parte no exilio. O libro era Sempre en Galiza, título que a última hora substitúe ao previsto de Co pensamento en Galiza. Acudiron a un banquete para honrar un libro e para escoitar o seu autor, un líder indiscutíbel do galeguismo republicano. Foi un acto que só se podía organizar nunha urbe como Bos Aires, a cidade que era daquela a capital da “Galicia ideal”, tal como a definiu o propio Castelao cando embarcaba en Nova York rumbo á capital do Prata, en 1940. A Galicia “real” nin tiña capital nin liberdade.
Aquel banquete merece ser recordado porque aquela xente quixo facer un acto de afirmación no ideal político que representaba o primeiro dos exiliados galegos nunha cidade chea de “emigrados”, que tal era Castelao. Hoxe recordamos un acto de irmandade celebrado en Bos Aires, pero recordamos, sobre todo, un libro que marcou o pensamento político de sucesivas xeracións galegas, da Terra e do exterior, desde a súa aparición ata hoxe. E co libro recordamos un autor que se volveu xa en vida un guieiro e que despois da súa morte sería convertido nun símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade, algo ben difícil nunha Terra moi dada a ter ollada de mordomo respecto dos seus líderes. Castelao foi quen de traspasar esta fronteira, coa súa executoria biográfica exemplar, coa súa capacidade para entender a política desde os sentimentos e as emocións e pola sinxeleza con que expresaba as súas ideas: “falaba co corazón na man”, diría tempo andado Lois Tobío nun texto evocador do guieiro.
A biografía de Castelao é a historia dunha extraordinaria mutación. De “xenial artista” chegou a ser un auténtico líder político, grazas ás oportunidades abertas pola II República para o exercicio da política, galeguista e democrática, por parte dunha espléndida xeración, a dos homes maduros de Nós e a dos máis novos do Seminario de Estudos Galegos, que acabaron atopando en Castelao o leme que precisaban para a súa navegación política. Nos tempos da República, Castelao foi definido, por Wenceslao Fernández Flórez, xornalista non moi adepto, como un “Gandhi” galego. E no exilio, para propios e alleos, Castelao acabou por representar o mellor do espírito e da alma de Galicia: “Los vascos le queríamos mucho”, dixo nun texto necrolóxico Manuel de Irujo, porque “el era el verbo de Galicia”. E V. Paz-Andrade, autor do memorable poemario Pranto matricial dedicado á memoria do irmán Daniel, confesáballe a Luís Seoane, en agosto de 1954, que Daniel “coma mito medra día e noite, alem e aquem do mar”. Ese mito chegou ata nós, e beizón aos que o fixeron posíbel, porque Galicia precisa de referentes fortes e Castelao, con Rosalía, é un deles… (…)”
Deste home é do que nos estamos a ocupar no día de hoxe. Pero sobre todo dun libro inmorredoiro que, por superar o paso do tempo, se tornou en obra clásica. Foi un gran legado o que Castelao lle fixo á cultura e ao pensamento político de Galicia. Porque a súa executoria política podería ficar esvaída nunhas lembranzas fuxidías e nos trazos brillantes dunha caricatura, dun mitin ou dun discurso como lles aconteceu a tantos políticos da altura. Pero Castelao tivo a coraxe de escribir un libro, como Sempre en Galiza, que ao mesmo tempo é un relato das experiencias políticas do autor, un ensaio que anovaba decisivamente a “teoría do nazonalismo galego” de Vicente Risco, e un longo catálogo de propostas para o porvir inmediato e, mesmo, de “utopías galegas”. Sen este texto, seriamos máis pobres intelectualmente e menos dignos politicamente…

Taboleiro do libro galego (XXIV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Unha entrega máis neste 2014 do «Taboleiro do libro galego» e que será o último ata o que recolla as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas do vindeiro mes de setembro. Grazas, nesta ocasión, ás once librarías que participaron nesta ocasión: Suévia, Miranda, Carricanta, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Couceiro, Libros para soñar, Librouro e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
2º-. Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf (tradución de Celia Recarey), Irmás Cartoné.
3º-. Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar, Xerais.
4º-. O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
5º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
6º-. Chovida do ceo, Alfredo Conde, Edicións Xerais e A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.

POESÍA
-. Dun lago escuro, de Marta Dacosta, Edicións Xerais.
2º-. A segunda lingua, de Yolanda Castaño, Pen Clube-Xunta de Galicia.
3º-. Remontar o río, de Helena Villar Janeiro e Luz Darriba, Tirar do fío Edicións.
4º-. Kid Salvaxe, de Carlos G. Reigosa, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-.Non temos medo, de Rodri Suárez, Nicetrip edición.
2º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
3º-. E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, de Henrique del Bosque, Edicións Xerais.
4º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, Através.
5º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
6º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.

XUVENIL
-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-.Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
-. Dragal IIIde Elena Gallego, Edicións Xerais.

INFANTIL
-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.
-.Volvo! O regreso de Usha, de María Reimóndez, Xerais.
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-.A burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.
-. O fío vermello, de An Alfaya, Edicións Xerais.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
4º-. Cantos animais, de Susa Herrera, Primera Persona.
5º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A Torre dos Mouros / Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo, Demo Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Luzes, nº 6, maio 2014.”

O Consello da Cultura difunde o Sempre en Galiza cun acto institucional e varias accións polo 70 aniversario

Desde o Consello da Cultura Galega:
““Sempre en Galiza é un libro, pero tamén é un texto que pode ser comentado, twitteado, retwitteado e difundido de múltiples formas” apuntou Ramón Villares na rolda de presentación das diferentes accións encamiñadas a dar a coñecer esta obra. Unha proposta que conta coa colaboración da Fundación Castelao, cuxo presidente, Carlos Mella, destacou a súa pertinencia porque “Castelao cítase moito pero non sempre se entende ben e invéntase un Castelao para cada ocasión”. Foi Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia, quen situou a obra no seu contexto. “É un dese libros de referencia que marcou a varias xeracións” incidiu Freixanes ao tempo que destacou que “pouco libros tiveron tanta influencia política e emocional”. Ademais, o director da editorial Galaxia fixo referencia ao carácter poliédrico da obra, que “pode ser un libro de memorias, de pensamento político, pero sobre todo é un libro de aposta de futuro e de propostas que segue a ter unha dimensión mobilizadora”.
Co gallo do 70 aniversario da primeira edición da publicación, terá lugar no Parlamento de Galicia un acto institucional o vindeiro 4 de xullo. Alí, Xusto García Beramendi, Ramón Máiz e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, explicarán o significado da obra. Nese acto terá lugar unha lectura colectiva de varios extractos e servirá de mostra das lecturas realizadas por personalidades galegas ou descendentes de galegos que viven fóra de Galicia, como son Miguel Cabanela, prestixioso traumatólogo; Nadia Calviño, directora xeral de presupostos da Comisión Europea, ou Francisco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.
Outra das iniciativas é a edición dixital aumentada do texto. Unha app para tablets e móbiles Apple e Google Android, de descarga gratuíta, editada polo Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela. A app contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais, como estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.
Todo estes contidos están a disposición dos usuarios no web conmemorativo preparado especificamente para a ocasión e que estará operativo a partir do vindeiro 4 de xullo.
As actividades de difusión arrincaron o pasado 20 de maio cunha acción encamiñada a difundir a obra de Castelao nas redes sociais. Co hashtag #sempreengz todos os días, a través do twitter do Consello da Cultura Galega e de culturagalega.org, así como do Facebook das dúas webs, ofrecemos unha escolma de frases extractadas da obra para facilitar o seu coñecemento e que se difunden a máis de 15 000 persoas.”