“Encher
as paredes de Compostela de carteis con poemas. Esta é, basicamente, a proposta de A Compostelana, un proxecto de poesía mural que comezou este martes na Cidade do Apóstolo e que se vertebra con outras iniciativas deste tipo en Madrid, Bos Aires e París. A proposta nace da man de Picaversos, iniciativa de Branca Novoneyra e Olalla Cociña que desde hai algo máis dun ano está a levar recitais ao pub Modus Vivendi de Compostela. Un texto de Estevo Creus e outro de Lupe Gómez serán os primeiros que se poderán ler nas rúas da cidade.” Desde Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Estevo Creus
O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede
“Xa
están na rede. Aquela brava agrupación de escritores costeiros, mozos e non tan novos, mariñeiros, estudantes, funcionarios, traballadores… teñen xa un espazo na internet que convirta en eternas e accesibles as súas creacións, no espazo oficial dentro do Finisterrae, onde xa podemos atopar a publicación dos 4 números publicados do boletín Feros Corvos e o libro comunitario Nós. E todo cando se cumpren 10 anos da publicación dun libro que ficará nas nosas memorias, que recuperamos agora a través da rede. Iremos recuperándoos en QPC boletín a boletín, nome a nome, para lembrar aos Marilar Alexandre, Suso Bahamonde, Pilar Beiro, Concha Blanco, Moncho Bouzas Tobío, Fernando Cabeza Quiles, Sesé Canirot, Ana Canosa Blanco, María Canosa Blanco, Xosé María Casais, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Gus García, Rafa García, Víctor Manuel Gómez Traba, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, María Lado, Tomás Lijó, José Luís Louzán, Abel Mendes Bujeiro, Xoán Alberte Moure Insua, Paulina Mouzo, Alexandre Nerium, Helena Pérez García, Marcos Seoane Vázquez, Paco Souto, Miro Villar e Rafa Villar.” Desde Que pasa na Costa, a foto é de Vieiros.
Vila Nova de Cerveira: presentación da colección DiVersos de Positivas
O
sábado 22 de setembro, ás 18:00 horas locais, na Livraria Porta XIII de Vila Nova de Cerveira, terá lugar a presentación conxunta da colección DiVersos de Edicións Positivas. No acto participarán Paula Carballeira, Estevo Creus, Rosalía Fernández Rial, Alfredo Ferreiro, Serxio Iglesias, Samuel L. París e o editor Paco Macías, acompañados pola música do grupo De outra margem.
Sarria: entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño e Roteiro literario a Lóuzara, o 7 e 8 de xullo
O sábado 7 de xullo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, terá lugar a entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, organizado pola Asociación Cultural Ergueitos. No acto, xunto á autora premiada este ano, Cristina Ferreiro, participan Estevo Creus, Antía Otero, Francisco X. Fernández Naval e Xerardo Quintiá, coa colaboración da bailarina Amparo Novas e o músico Iván Ouro.
O domingo 8 de xullo terá lugar unha nova edición do Roteiro literario a Lóuzara, con saída ás 11:30 horas. Para inscribirse nel e ter máis información pódese contactar con María Casar (teléfono 678601550 e correo mariacasar@hotmail.com) ou con Xerardo Alvaredo (teléfono 677429225 e correo gerardoalvaredo@gmail.com).
Pontevedra: xornada do sábado 21 no PontePoética 2
O
Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra organizan a segunda edición do Festival de Poesía PontePoética, que se celebra o venres 20 e o sábado 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa do sábado 21 de abril (aquí pode descargarse completo: PontePoética 2 2012).
– 17:00 horas. Recital dos poetas Estíbaliz Espinosa, Veronika Dintinjana e Nuno Júdice.
– 18:30 horas. Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética: María Eloy-García, Eduard Escoffet, Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Edorta Jiménez, Estevo Creus, Veronika Dintinjana, Estíbaliz Espinosa e Nuno Júdice.
Pontevedra: xornada do venres 20 no PontePoética 2
O
Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra organizan a segunda edición do Festival de Poesía PontePoética, que se celebra o venres 20 e o sábado 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa do venres 20 de abril (aquí pode descargarse completo: PontePoética 2 2012).
– 18:30 horas. Recital dos poetas Dores Tembrás, Edorta Jiménez e Xosé María Álvarez Cáccamo.
– 20:00 horas. Recital dos poetas Estevo Creus, María Eloy-García e Eduard Escoffet.
Cristina Ferreiro gaña o XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
“O xuri do XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Antía Otero, Estevo Creus, Francisco X. Fernández Naval, Francisco Pérez e María Casar, reunido na Casa do Concello de Sarria o sábado 14 de abril ás 11:00 horas, tras realizar a derradeira deliberación á que chegaron 12 poemarios resolveu conceder o premio á obra presentada baixo o lema: Abecedario póstumo, do que resultou ser autora Cristina Ferreiro.
O xuri destaca que o premio Fiz Vergara de poesía chegue a esta edición cunha enorme vitalidade, demostrada polo número de orixinais presentados, así como pola elevada calidade dos seus textos, o que o converte no centro das olladas de moitas e moitos poetas e un referente no panorama literario da poesía galega.
Esta obra foi destacada polo seu ritmo, por tratarse dunha peza non compartimentada, na que estamos ante un poema longo que inclúe textos de prosa poética e no que se reflicte a contemporaneidade máis actual. É, en certa medida, unha testemuña deste momento histórico, non como denuncia senón como receptora da realidade que vivimos. Reveladora e en certo modo visionaria. Nela trabállanse moi ben os silencios e as pausas, deixando espazos para o lector.
O xuri destacou que hai no libro un latexo de cidade asolagada que entronca co mito das cidades asolagadas galegas e co momento de incerteza e cambio que vivimos.” Vía A. C. Ergueitos.
A Coruña: actos do mércores 20 de marzo en CoruñaMayúscula
O
mércores 21 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, e dentro do programa CoruñaMayúscula, terán lugar as seguintes actividades con presenza galega:
– 11:00-12:00 h. No Auditorio, recital poético de Antía Otero, Gracia Iglesias e Antón Castro.
– 19:30 h. Na Aula 9, mesa redonda co título Poesía, futuro, coa presenza de José María Paz Gago, Yolanda Castaño e Guillermina Royo-Villanova.
– 20:30 h. Na mesma Aula 9, combate verbal entre Manuel Vilas e Camilo Franco.
– 22:00 h. Recital 11×6. Participan Sofía Castañón, Antón Castro, Estevo Creus, Gonzalo Escarpa, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Gracia Iglesias, Elena Medel, Antía Otero, Ángel Petisme e Estelle Talavera Baudet, presentados por Pedro Ramos.
Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición
Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.
Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:
Narrativa:
– Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
– Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
– Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Ensaio:
– Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
– Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía:
– balea2, Estevo Creus, Positivas.
– Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
– Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.
Teatro:
– A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
– Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
– Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
– Anxo Tarrío.
– Bieito Iglesias.
– Iago Martínez.
– Ramón Chao Rego.
– Santiago Jaureguizar.
Literatura Infanto-Xuvenil:
– Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
– Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
– O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.
Tradución:
– Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
– Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
– Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.
Mellor Blog Literario:
– As crebas, Miro Villar.
– Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
– Criticalia, Armando Requeixo.
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.


