A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 4 e 5 de agosto

O 4 e 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 4
18:00 h. Estefanía Padullés presenta Max e Lea. Obradoiro para debuxar un dinosaurio.
18:00 h. Bea Lema asina exemplares de O corpo de Cristo, XII Premio Castelao de Banda Deseñada, publicado pola Deputación da Coruña. Na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Marcelino Fernández Mallo asina O bolseiro de Ingatex, na caseta de Lume.
19:00 h. Xoán Babarro asina O baúl de Domingo Quintas na caseta de Hércules Edicións.
19:00 h. Presentación de Mael. Máis alá da Fraga de Cornanda, de Uxía Meirama e Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.
19:45 h. Presentación de O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado (na carpa de infantil).
20:00 h. Sinatura de Yolanda Castaño na Libraría Azeta.

Domingo 5
13:00 h. Presentación de Patacas e máis patacas. O misterio da Casa Grande, de María Acosta.
19:00 h. Héctor Cajaraville asina Nova Nursia, na caseta de Lume.
19:00 h. Presentación do libro Lingua de Eva e Adán. Sobre poesía e poetas, de Xavier Seoane, publicado por Espiral Maior. Participan Eva Veiga, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Paco Nogueiras asina Radio Bule Bule e Brinca vai!, na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Negro sobre negro. Conversa de Diego Ameixeiras, autor de A crueldade de abril, publicado por Xerais, e Nieves Abarca, autora de El beso de Tosca.
20:00 h. Xurxo Souto asina na caseta de Lume.
20:30 h. Presentación dos novos títulos da colección Mulleres Bravas da nosa historia, con María Reimóndez, Eli Ríos, Andrea Jamardo e Andrea Barreira.

Ferrol: Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, en abril e maio

O Grupo Ouriol homenaxea a Avilés de Taramancos

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O grupo Ouriol homenaxeou a figura de Avilés de Taramancos na Noia natal do poeta. Un espectáculo co gallo dos 25 anos do pasamento de Avilés con música, pintura e os textos na voz de Eva Veiga. Con ela falamos, precisamente, desta montaxe multidisciplinar para lembrar ao poeta. A entrevista pode verse aquí.”

O cuarto de… Eva Veiga

Artigo de Eva Veiga desde A Sega:

TODOS OS CUARTOS

A procura dun cuarto propio estivo sempre aí como horizonte, mais dun xeito subrepticio, durante a miña infancia e primeira xuventude. Nacín e medrei nun ámbito rural sendo a maior dunha familia numerosa, con todo o que iso significa. A casa familiar era adoito un bulicio incesante porque ademais a rapazada da veciñanza viña xogar á nosa aira. Xa que logo non resultaba doado illarse naquel ambiente tan vitalista e axiña aprendín a abstraerme mesmo mentres realizaba calquera tarefa, sobre todo as relacionadas co cultivo da terra. Terra das Fragas do Eume que levo aínda debaixo das unllas e tamén na cerna mesma como un bosque de símbolos e metáforas. Pois procuramos sempre o que non está. E foi esa relación tan realista co medio natural a que precisamente propiciou a miña querenza pola reflexión abstracta, polo imaxinario. Dese xeito, todo aquel universo de vales e montes, de río e mar, foi e segue a ser o meu inmenso cuarto privado, seguramente o máis inspirador pois del, ou con el, xurdiron esas preguntas fundamentais para as que continúo a buscar respostas
Mais cando tiña tempo para ler ou escribir -algo que comecei a facer moi cedo- agochábame tanto no faiado coma na habitación onde madurecían as mazás de inverno entre a palla -velaí un arrecendo perdido para sempre, agás para a memoria- ou ía ao monte acompañada do noso can Rin que sabía gardar silencio e tamén alertarme cun simple aceno das invisibles presenzas que poboaban o piñeiral. As miñas lecturas daquel tempo están intimamente ligadas a eses espazos. Como está a poesía de Aleixandre, da que fun devota adolescente, á aquela habitación que só contiña un grande armario de cerdeira con tres lunas; diante dese espello recitaba en voz alta unha e outra vez os versos do libro Historia del corazón. Ou, desdobrada na imaxe, sostiña arrevesados e reveladores diálogos coas diferentes voces que todxs somos.
E non podo non mencionar aquí os autobuses de liña onde sempre esquecía algo “por andar nas Batuecas”, pois dende os dez anos estudei fóra e a miña vida afíxose a unha constante itinerancia. E asemade foi o Castromil na ruta Santiago-A Coruña o meu cuarto preferido durante os anos intensos do meu traballo na TVG xa que era nesas escasas dúas horas de ir e vir onde atopaba acougo para pensar e apuntar versos. Porque, en realidade, a meirande carencia da miña vida foi adoito o tempo devagar. Até que chegou un día no que o diagnóstico dunha leucemia paralizou ao cronos devorador e, de modo paradoxal e perentorio, os minutos, as horas e os días que acadaban escapar das fauces do cancro -contados polo persoal sanitario como centímetros dunha cinta de medir- dilatábanse ad infinitum para a miña íntima experiencia. Nesa habitación de illamento achegueime ao meu propio corpo coa demora e a atención necesarias para escoitalo e así reencontrarme con aquela capacidade aparentemente perdida da infancia cando era quen de meditar e case levitar de maneira intuitiva. Foi o mellor opiáceo para a dor e seguramente unha axuda inestimable para a rexeneración celular. (…)”