O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede

“Xa están na rede. Aquela brava agrupación de escritores costeiros, mozos e non tan novos, mariñeiros, estudantes, funcionarios, traballadores… teñen xa un espazo na internet que convirta en eternas e accesibles as súas creacións, no espazo oficial dentro do Finisterrae, onde xa podemos atopar a publicación dos 4 números publicados do boletín Feros Corvos e o libro comunitario Nós. E todo cando se cumpren 10 anos da publicación dun libro que ficará nas nosas memorias, que recuperamos agora a través da rede. Iremos recuperándoos en QPC boletín a boletín, nome a nome, para lembrar aos Marilar Alexandre, Suso Bahamonde, Pilar Beiro, Concha Blanco, Moncho Bouzas Tobío, Fernando Cabeza Quiles, Sesé Canirot, Ana Canosa Blanco, María Canosa Blanco, Xosé María Casais, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Gus García, Rafa García, Víctor Manuel Gómez Traba, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, María Lado, Tomás Lijó, José Luís Louzán, Abel Mendes Bujeiro, Xoán Alberte Moure Insua, Paulina Mouzo, Alexandre Nerium, Helena Pérez García, Marcos Seoane Vázquez, Paco Souto, Miro Villar e Rafa Villar.” Desde Que pasa na Costa, a foto é de Vieiros.

Carballo: actividades do sábado 25 e domingo 26 na Praza dos Libros

Finaliza a Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o sábado 25 e domingo 26:

Sábado 25
20:30 h. Presentación dos libros Primavera de navallas, de Xurxo Chapela, e Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García, publicados conxuntamente na nova editora Que Queres, coa participación dos autores.

Domingo 26
12:00 h. Sinatura de exemplares do libro Follas de Carballo, publicado pola A. C. Lumieira, por parte dos seguintes autores e autora: Xurxo Borrazás, Fernando Cabeza Quiles, Rosalía Fernández Rial, Farruco Graña, Henrique Mariño, Ignacio Silva e Xurxo Chapela.
12:30 h. Presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, O’Mighelo tocará varias pezas de acordeón acompañando ao autor.
19:30 h. Presentación da película e álbum de banda deseñada Engurras, publicado por El Patito Editorial, coa participación de María Arochena, Gemma Sesar e Suso Villar.
20:30 h. Concerto-presentación de Rapoemas, de Aid, publicado en Galaxia. Xunto á autora, participa Francisco Castro.