A Coruña: IX Xornadas sobre Lingua e Usos. Lingua e Tradución, do 28 ao 30 de novembro

Do mércores 28 ao venres 30 de novembro, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Real Academia Galega, organiza as Xornadas sobre Lingua e Usos que este ano alcanzan a súa novena edición. O tema escollido para esta edición é o de Lingua e Tradución.

O prazo de inscrición será até o 21 de novembro, e pódese realizar xa desde aquí. Está solicitado un crédito de libre configuración para o alumnado da UDC que asista a esta actividade. Para obter o diploma de asistencia será preciso acudir ás conferencias programadas.

O programa é o seguinte:

Mércores, 28 de novembro
09:00 h. Recepción e entrega da documentación.
09:30 h. Acto de inauguración.
10:00 h.-11:30 h. Conferencia inaugural: Traducir literaturas transculturais, por Dora Sales Salvador.
12:00 h.-12:30 h. A internacionalización da cultura galega, por Xosé Luís Méndez Ferrín.
12:30 h.-14:30 h. Políticas de tradución no caso galego, por Silvia Montero Küpper e M.ª Jesús Lorenzo Modia.
16:30 h.-18:30 h. Evolución das traducións publicadas en galego, por Gonzalo Constenla Bergueiro e Ana Luna.
19:00 h.-20:30 h. Tradución e interpretación profesional en diferentes linguas, por Lara Santos (AGPTI), un representante da APTIC (Catalunya) e Bego Montorio (EIZIE) (Euskal Herria).

Xoves, 29 de novembro
10:00 h.-11:30 h. Tradución e ideoloxía: os enfoques feministas e poscoloniais, por María Reimóndez.
12:00 h.-14:00 h. A tradución do galego ao portugués e do portugués ao galego a debate, con Carlos Paulo Martínez Pereiro, Carlos Quiroga e Áurea Fernández.
16:30 h.-18:30 h. Mesa redonda: Tradución e literatura galega, con Manuel Bragado (Xerais), Eva Mexuto (OQO) e Moisés Barcia (Rinoceronte Editora).

Venres, 30 de novembro
10:00 h.-11:30 h. Interpretación e normalización lingüística no caso das linguas
subordinadas
, por Robert Neal Baxter.
12:00 h.-13:30 h. Conferencia de clausura: Para alén de Nós: a tradución dunha cultura emerxente, por Iolanda Galanes.

Pegada de tradución

“As versións en galego de obras doutras literaturas e, ao revés, as traducións internacionais feitas desde a nosa lingua non deixan de medrar. A tradución revélase como un fenómeno cunha importancia crecente na configuración do noso sistema literario. A coincidir coa celebración do Día Internacional da Tradución, repasamos as cifras deste fenómeno da man da Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo. Unha porcentaxe cada vez maior de obras literarias están dispoñibles en galego. Desde o comezo do período autonómico rexístrase nada menos que o 95% das traducións que existen cara á nosa a lingua e desde a mesma. O ámbito ten cada vez máis importancia na configuración do noso sistema literario, tanto á hora de definir un canon (mediante o recoñecemento exterior dunha obra) como ao permitir o contacto dos nosos autores con outras letras. Por non falar do feito de que obriga aos nosos autores a competir, na súa propia lingua, con traballos recoñecidos de xeito internacional. A analizar este fenómeno, a Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo (BITRAGA) leva un exhaustivo reconto que permite cuantificar o volume de obras e ollar as tendencias do fenómeno. A coincidir co Día Mundial da Tradución, presentan a monografía Traducción de una cultura emergente, un traballo que repasa os grandes números das bases de datos desta investigación nunha serie de artigos de Áurea Fernández Rodríguez, Iolanda Galanes Santos, Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küpper.
Unha das tendencias que máis caracterizan a evolución do fenómeno das traducións nos últimos trinta anos é o crecente peso, desde os anos 90, das obras de tradución inversa, é dicir, as que desde o galego pasan a outras linguas. En total este fluxo supón un 33,61% de todas as obras traducidas desde e para a nosa lingua. “A importancia da tradución non é unha anécdota, trátase dunha realidade asentada, e estas cifras supoñen unha afirmación do noso sistema literario”, asevera Ana Luna, unha das responsables da BITRAGA. (…)” Desde Cultura Galega.

A tradución, ás claras

Reportaxe de Iago Martínez en El País:
“(…) Ana Luna, Áurea Fernández, Iolanda Galanes e Silvia Montero traballan dende 2004 na construción da Biblioteca da Tradución en Galicia (Bitraga), unha exhaustiva base de datos centrada polo de agora nas tres décadas transcorridas dende a aprobación do Estatuto de Autonomía (1981) e a posterior Lei de Normalización Lingüística (1983). É ese traballo de campo o que permite agora abordar unha análise cuantitativa e cualitativa. Das máis de 4.000 traducións contabilizadas, tanto cara ao galego como en sentido inverso, o 95% aparecen no marco do proceso autonómico.
A exportación literaria supón, de media, o 33,6% dos fluxos de tradución que atravesan a lingua galega. A narrativa segue a ser o xénero con maior peso, moi por enriba da poesía —o único no que se traduce cara a fóra máis do que se trae para o galego, iso si—, o teatro e o cómic. A que vai dirixida ao público infantil e xuvenil (LIX) confírmase neste contexto como a verdadeira punta de lanza, estimulada pola demanda do sistema educativo, os premios e as estratexias de coedición, nunha primeira etapa, con outros selos españois e europeos. A diferenza do que acontece no conxunto do sector, onde a internacionalización dos contidos nunca foi parella á das estruturas comerciais e editoriais, selos como Kalandraka ou OQO actúan xa como plataformas multilingües.
A literatura galega está hoxe presente en 37 idiomas e 47 espazos lingüísticos con sorte diversa, aínda que o marco preferente segue a ser o ibérico. As que máis traducen do galego son as comunidades do castelán, o catalán, o éuscaro e o portugués, seguidas das do italiano, o inglés, o asturiano, o francés, o alemán e o ruso. En sentido contrario, no galego as máis abondosas son as obras escritas orixinalmente en castelán, inglés, francés, catalán e alemán, por enriba do italiano, o portugués, o éuscaro o ruso e o asturiano. Grazas á profesionalización dos tradutores e á apertura de novos mercados, constátase que a mediación do castelán é cada vez menos necesaria. (…)”.

Un curso revela traducións inéditas de Carlos Casares

Desde Cultura Galega:
““Lembro unha noite sentados diante da porta de Brandemburgo ás catro da mañá, na que Carlos estaba a planificar os cambios da Revista Grial e o proxecto dunha gran biblioteca de clásicos entre Xerais, que eu dirixía daquela, e Galaxia, que nunca se chegou a facer”. Esta anécdota do editor Víctor Freixanes sobre Carlos Casares resume parte das características deste poliédrico escritor clave no sistema cultural galego. Agora, un curso redimensiona o seu legado cando se cumpren dez anos do seu pasamento e ofrece novidades sobre a súa produción literaria. “Era un home tranquilo, programaba as cousas que logo se facían cos seus tempos” incide Freixanes, intelectual e amigo persoal do escritor. Ata tal punto deixaba que as cousas tiveran o seu ritmo, que Iolanda Galanes, investigadora do grupo Bitraga da Universidade de Vigo, revisando os seus arquivos persoais atopou dúas traducións ao francés de Ilustrísima. “Son claramente dúas autotraducións feitas en diferentes momentos, con cambios e variantes que podemos datar por referenciar persoais manuscritas” explica Galanes que estuda o fenómeno de Casares dentro dun proxecto de investigación que analiza os fluxos de tradución (as obras galegas que se traducen a outras linguas e o fenómeno contrario, as obras que se traducen ao galego). No fondo é a continuación do “catálogo que Casares iniciou como presidente do Consello da Cultura Galega” insiste Galanes sobre un proxecto que presentarán a final de mes e do que avanza unha cifra. “A tradución supón os 35% dos fluxos de edición que existen no noso país e convértese nunha realidade asentada”. Casares é unha parte importante do papel que a tradución xoga no sistema literario galego tal e como revelaron diferentes personalidades presentes neste encontro organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo e celebrado na biblioteca do Consello da Cultura Galega. (…)”

Santiago: encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, do 5 ao 7 de setembro

A UIMP organiza o Encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, entre o 5 e o 7 de setembro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. O curso pretende lembrar a obra e a faceta intelectual de Carlos Casares cando se cumpren dez anos do seu pasamento cun dobre obxectivo: o de reanimar o interese do profesorado de ensino secundario pola lectura e o estudo da obra de Casares, incentivando a recuperación dalgunhas das súas novelas como lecturas recomendadas para o estudantado dese nivel educativo, e o de suscitar o interese do alumnado universitario pola investigación académica do escritor e a súa produción. Con esta dobre finalidade realízase un percorrido en profundidade polo máis destacado de dita produción e unha achega a aspectos menos coñecidos (a relación de Casares coa cultura catalana) que amosen a amplitude do seu labor intelectual. A dirección corre a cargo de Dolores Vilavedra.
O importe da matrícula é de 129 euros. Para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo haberá unha redución do 50% (64,50 euros). A data límite para a solicitude da beca é a do 5 de agosto de 2012. O valor académico é de 20 horas, con recoñecemento do curso en créditos de libre escolla. As prazas son limitadas. Para máis información, matrículas e bolsas, pódese contactar coa Secretaría de Alumnos da UIMP (Fundación Luís Seoane, Rúa San Francisco, s/n., 2º andar, C. P. 15001 da Coruña). O teléfono é o 981140830, o fax 981140825, e o correo electrónico galiciasa@uimp.es.

PROGRAMA

Mércores 5 de setembro:
18:30 h. Inauguración a cargo de Dolores Vilavedra e Xosé Luís Barreiro Rivas.
19:00 h. A obra narrativa de Carlos Casares, por Ángel Basanta Folgueira.

Xoves 6 de setembro:
10:00 h. Xornalismo(s) e arredores na obra de Carlos Casares, por Iago Martínez.
12:00 h. O diálogo de Casares co mundo da infancia, por Montse Pena Presas.
13:00 h. Debate.
17:00 h. Carlos Casares tradutor, mediador e axente literario na historia contemporánea da literatura galega, por Iolanda Galanes e Ana Luna Alonso.
19:00 h. A achega de Carlos Casares ao ensaísmo galego, por Olivia Rodríguez González.

Venres 7 de setembro:
10:00 h. Carlos Casares e Nós, á luz de Deus sentado nun sillón azul, por Álex Alonso.
12:00 h. Casares e Galaxia, Casares en galaxia, por Dolores Villanueva.
13:00 h. Debate.
17:00 h. Os espazos literarios de Carlos Casares, por María López Sández.
19:00 h. Clausura e entrega de diplomas, por Dolores Vilavedra e María Esther Regueiro Fernández.