Antonio Reigosa: “Pódese dicir que a Pascual Veiga non o acompañou a sorte ao longo da súa vida”

Entrevista a Antonio Reigosa en La Voz de Galicia:
“Moito se falou na historia recente da figura de Eduardo Pondal como artífice do himno de Galicia e do seu gran labor ao escribir unha letra que tanto e tan ben representa ao conxunto da sociedade galega. Non foi así no caso de Pascual Veiga, compositor da melodía que acompaña aos versos de Os Pinos, cuxo traballo pasa con frecuencia desapercibido a ollos do gran público.
Antonio Reigosa (1958), escritor e investigador mindoniense que é coñecedor da traxectoria de Veiga, falará precisamente neste respecto na súa intervención de hoxe durante a última xornada do Simposio Pondaliano, en O Couto (Ponteceso). Xunto a el estarán tamén representantes da produtora Queimán e Pousa presentando un libro-deuvedé en lembranza aos 110 anos de percorrido do texto.
– La Voz de Galicia (LVG): No referido ao himno galego, o nome de Pascual Veiga non soa tanto como debería.
– Antonio Reigosa (AR): En efecto. Por iso son tan importantes accións como estas e por iso levaremos o traballo deste autor a Ponteceso, a terra de Pondal. Veiga foi o artífice de partituras tan célebres como a da Alborada, pero non deixou de ser un home con moi pouca fortuna na vida e que morreu na pobreza, afogado polas débedas, e sen chegar a ver a estrea oficial da súa gran obra: o himno. (…)
– LVG: A piques estivo de ser Curros o protagonista desta historia, pois foi a quen se lle encargou o labor de escribir a letra inicialmente.
– AR: Iso foi un pouquiño posterior a esa primeira toma de contacto que tiveron Veiga e Pondal. Xosé María Fontenla Leal [intelectual galeguista] encargou a Curros, que daquela tamén vivía na Habana, a confección da letra para un himno galego, sendo José Castro Chané para a melodía. A principal circunstancia é que Chané e Curros levábanse a matar por aquel entón, polo que se fixo complicado seguir adiante. Como consecuencia diso, naquel momento alguén lle lembrou a Fontenla que Veiga xa traballara ese asunto con Eduardo Pondal e puxéronse en contacto de inmediato con eles. Fixéronse algunhas revisións á versión orixinal e finalmente estréano na Habana no 1907, un ano despois do pasamento de Pascual Veiga.”

Manuel Núñez Singala: “Moitos actores actuais comezaron no teatro escolar”

Entrevista a Manuel Núñez Singala en La Voz de Galicia:
“A terceira edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que se celebra dende outubro no campus de Ourense, da man da AELG, sobre as potencialidades do teatro na educación infantil, terá hoxe como protagonista a Manuel Núñez Singala, que é responsable do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago.
– La Voz de Galicia (LVG): Que achegará aos mestres?
– Manuel Núñez Singala (MNS): Falarei tanto do teatro como da normalización do idioma. Son autor e unha das miñas obras está orientada a isto, chamase Comedia Bífida e fala sobre os prexuízos lingüísticos.
– LVG: Por que é necesaria a normalización do galego?
– MNS: En Galicia existen dúas linguas oficiais. A maioría dos galegos saben falar castelán, pero hai unha parte da poboación, sobre todo a máis nova, que ten dificultades para comunicarse en galego e sería convinte que fosemos competentes nos dous idiomas, iso nos permitirá logo escoller un ou outro.
– LVG: Como se debe usar o teatro neste sentido?
– MNS: O teatro vai moi ben para dramatizar conflitos. No lingüístico hai actitudes paranoicas cara a lingua. E iso pódese levar á escena e resultar moi pedagóxico.
– LVG: Cando fala de paranoico a que se refire?
– MNS: A determinados prexuízos que existen sobre o galego, como que falalo a alguén que non o fala é de mala educación, aínda que o entenda. Non é tan acusado como hai anos, pero seguen existindo ideas como que o galego non serve para nada ou que é unha lingua inútil, rural… Todas estas cousas séguense pensando. E no caso dos nenos, que son menos hipócritas que os adultos e minten con maior dificultade, é algo moi perceptible.
– LVG: Que poden facer?
– MNS: Interésame transmitir que temos a posibilidade de ser bilingües, como a inmensa parte da poboación do mundo. Os raros son os que falan so un idioma. Con pouco esforzo podemos ter competencia en dous idiomas e iso pode ser una trampolín fantástico para aprender máis. Está claro que neste mundo cada vez máis comunicado, cun único idioma non é suficiente. Sempre se pensa no inglés, pero é mais difícil se so se sabe falar castelán. É algo demostrado cientificamente.
– LVG: É o teatro unha ferramenta boa para todo isto?
– MNS: Si, claro. É unha maneira lúdica de transmitir determinados contidos, de todo tipo. Simplemente aprender a falar en público ou ante un grupo de persoas é algo que na vida adulta é agradecido e bo ter. E é algo que non se ensina de forma habitual.
– LVG: Está presente nos colexios?
– MNS: Hai sitios onde teñen clases de teatro como unha materia. Eu facía teatro porque había un profesor que montou un grupo. Moitos actores actuais comezaron no teatro escolar. Necesita dun esforzo, pero é moi agradecido, porque os alumnos participan e entusiásmanse.”

Rianxo: presentación de O viquingo converso, de Xesús Santos Suárez

Antón Riveiro Coello compila un cento de relatos no seu novo libro

Desde La Voz de Galicia:
“(…) Para coñecer o xerme deste libro [Á sombra dos bonsais] hai que botar a vista un par de anos atrás, cando o escritor afincado en Boiro empezou a publicar en Facebook o que el define como micropostais: «Aínda que me decanto máis polo xénero da novela, arrimeime á vertixe da rede e fun probando con estes textos miúdos». A boa aceptación que tiveron entre o público levou ao autor a seguir creando, ao ritmo que lle ía marcando a deusa inspiración, ata reunir preto dun cento de relatos. Ordenounos de maior a menor, seguindo a forma da copa dunha árbore, e así xurdiu Á sombra dos bonsais.
Antón Riveiro explica que o obxectivo que se marcou foi que o libro fora gañando intensidade a medida que o lector pasara as páxinas: «A intensidade ten que ver neste caso co número de carácteres. Conforme o relato se comprime en extensión, gaña en enerxía». De feito, o último son só tres palabras.
O escritor perseguiu nesta ocasión ofrecerlle ao lector un libro áxil, capaz de provocar un entretemento case instantáneo: «É unha obra diferente ás anteriores, que se le nunha tarde. Está de feito pensada para ser lida dunha atacada, co fin de comprobar precisamente como se vai concentrando a intensidade cada vez nun menor número de palabras».
Riveiro Coello está moi satisfeito con esta estrea no eido dos pequenos relatos: «Foi un proceso vicioso e estimulante para un novelista como son eu». Aínda que recoñeceu que, a diferenza do que lle ocorreu coas obras anteriores, que foron collendo forma case de xeito mecánico, nesta ocasión o proceso da escrita foi intermitente: «Tanto os relatos como as poesías teñen que ser froito da inspiración».
Como non podía ser de outro xeito, o autor xa está en pleno proceso de creación de outro volume. Será una novela longa e aínda non hai data para o seu lanzamento: «Levou case un ano con ela e penso que me quedarán dous máis. Teño que darlle o tempo que precise, sen présa».”

Ledicia Costas reivindica en A señorita Bubble o papel da muller na ciencia

Artigo de Xesús Fraga sobre o novo libro de Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“Unha inventora que tanto embotella bágoas como fai medrar bastóns de caramelo que saben a ceo. É a protagonista do novo libro de Ledicia Costas (Vigo, 1979), A señorita Bubble (Xerais), unha muller que representa as dúas caras da excentricidade: ao mesmo tempo que engaiola coa súa personalidade e artefactos as irmás mozas Noa e Sofi, tamén é vista pola veciñanza con receo e mesmo xenreira. ¿Por que? «Porque é unha muller solteira, viste distinto, ten modais británicos e é un tanto estrafalaria», enumera a autora. A señorita Bubble encarna, xa que logo, a saudable necesidade de desafiar as convencións e os estereotipos e o máis necesario hábito de cultivar o respecto con quen é diferente.
A protagonista préstase a máis lecturas alén das estritamente narrativas. Co seu personaxe Ledicia Costas quixo «darlle unha volta a ese concepto, ese estereotipo do inventor home». A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, tantas veces silenciado historicamente, e aínda hoxe descoñecido ou escamoteado recoñecementos.
Esa calidade extravagante da inventora -traducida a imaxes no libro por Andrés Meixide- achégaa a personaxes en coordenadas semellantes. O nome de Willy Wonka é o dos primeiros que acode ao maxín, pero Costas tamén cita a Eduardo Manstesoiras (outro personaxe da novela chámase Vincent en homenaxe ao creador do protagonista da película de Tim Burton): ambos, como a señorita Bubble, reclúense e prefiren vivir tranquilos, afastados dunha sociedade que os trata cunha mestura de desprezo e medo. No caso da peculiar científica, isto faise evidente en como a alcuman: de meiga a caníbal e comenenos. (…)”

Xosé Luís Axeitos: “Manuel Antonio non morre no 1930, continúa vivo ata os nosos días”

Entrevista a Xosé Luís Axeitos en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como foi o labor de documentación que sustenta esta obra [Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía]?
– Xosé Luís Axeitos (XLA): Foi un traballo de máis de catro anos. Elaborei un cuestionario que fun respondendo co arquivo familiar e o expediente militar. Facendo algunhas interrogacións topeime con respostas documentais que contradicían o meu propio pensamento. Gran parte da documentación é a que pertencía á súa nai. Posiblemente estea purgada, pois todo o mundo rompe algunha carta comprometida. Analicei máis de 400 epístolas e 200 fotografías. (…)
– LVG: Agasallaríanos con algunha curiosidade extraída do libro?
– XLA: Existen moitos aspectos anecdóticos, como que pagou 500 pesetas para librarse do servizo militar. Incluso co nome, sempre existiu a pregunta de se é Manoel Antonio ou Manuel Antonio. Non o explico no libro, pero dos centenares de cartas realicei unha porcentaxe das sinaturas. Dependendo do interlocutor, por exemplo as faccións das Irmandades da Fala na Coruña e Ourense, empregaba un ou outro. Na primeira apostarían por Manuel e na segunda por Manoel. (…)
– LVG: Esta biografía pode cambiar a visión que temos del?
– XLA: É posible, ata eu mesmo tiven ideas e tentacións que non coinciden. Quixen ver un Manuel Antonio anarcosindicalista, pero trala análise atopeime a un autor desencantado coa actividade das Irmandades e con amigos que se alistan na Unión Patriótica de Primo de Rivera.
– LVG: A publicación do manifesto Máis alá foi un punto de inflexión, ¿como o recolleu?
– XLA: O manifesto xoga un papel importante, rompe co oficialismo canónico de Rosalía, Curros e Pondal e coa crítica. Un rapaz que apenas levaba 19 poemas publicados lanza este reto e queda libre para todas as innovacións literarias. Nunca quixo escribir na revista Nós nin en El Pueblo Gallego. Pagou constantemente esa ousadía e non foi acollido por ningún círculo, por iso na posguerra chamábano «poeta aelleiro» e trala súa morte todas as necrolóxicas e obituarios son de escritores mozos, como Luís Seoane ou Otero Espasandín. (…)”