Arquivos da etiqueta: Lucía Aldao
Boiro: Xornada A cultura é un dereito. Cultura sustentable. O reto postcovid
A Gargalleira (Silleda): Escrita en directo
Vilagarcía, Cidade do Libro 2021: actos destacados do 21 e 22 de xuño
O 21 de xuño comeza Vilagarcía, Cidade do Libro (na Praza da II República e no Parque de Miguel Hernández), organizada polo Concello de Vilagarcía, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Luns 21
– 12:00 h. Na Illa de Cortegada, presentación de Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, publicado por Galaxia.
A partir das 19:30 h., na Praza da II República, o autor asinará exemplares da súa obra.
Martes 22
– 19:00 h. No Escenario de Autoras-es da Praza da II República, A ovella Engracia, contacontos a cargo de Lucía Aldao e María Lado.
– 21:00 h. No Escenario de Autoras-es da Praza da II República, Encontro literario moderado por Montse Fajardo, con introdución dunha lectura poética de Andrea Fernández Maneiro, coa participación de Marilar Aleixandre, Arantza Portabales e Nieves Abarca.
Previamente, ás 19:30 horas, as autoras asinarán exemplares das súas obras.
Foz: actuacións de Aldaolado, os 23 e 24 de abril
Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2021
Desde o Concello de Pontevedra:
“O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil retoma a súa actividade logo de pechar as portas a principios da edición pasada. por mor da pandemia. “Emerxencia Literaria: os libros salvan o planeta” terá lugar do 23 de abril ao 9 de maio entre as instalacións do Pazo da Cultura, Illa do Covo e parroquias da cidade con todas as medidas e protocolos.
Comentábao a concelleira de Cultura, Carme Fouces que quixo empezar a rolda de presentación do programa, que podes descargar aquí, agradecendo o traballo de toda a equipa “tanto polas complicacións xurdidas pola pandemia como as derivadas do porceso de reestruturación do Pazo da Cultura”.
O segundo punto a destacar, “complicado nun evento de tal magnitude e con tantas actividades”, foi a implicación das Escolas Unesco “en lugar do país convidado quixemos convidar a todo o Planeta e Pontevedra, conta coa excelencia para accesder a todo o mundo a través das Escolas Unesco. Recibimos colaboracións de máis de 15 países, en múltiples idiomas, etc. que estarán colgadas na canle de Youtube do Salón”. De seguido Fouces destacou a participación –con traballos en formato video e podcast– dos centros colaboradores de Pontevedra e parroquias e tamén algúns da comarca que “quixeron manter a vinculación pese as circunstancias de non poder asistir presencialmente. Contaremos todas as mañás do Salón con contacontos en streaming para as escolas e ás colaboradoras do Concello de Pontevedra, enviarémoslles contacontos presenciais. O Salón é un proxecto colaborativo con escolas que va moito máis aló do disfrute ou da oferta de lecer para as familias. Non podíamos deixar de facer este esforzo este ano para cubrir esa pata”.
Antes de debullar o programa e os protocolos necesarios para participar das actividades do Salón este ano, a concelleira puxo o foco no cartaz, deseñado pola ilustradora viguesa Aída Alonso “que traballa co collage e fixo esta preciosidade que representa o que significou e significa a pandemia pero ao tempo está cheo de optimismo”.
O Salón manterá como espazo principal o Pazo da Cultura no que permanecerá ambientada, de xeito acorde ás circunstancias, a Sala de Exposicións pero “apostamos este ano por espallarnos tamén a lugares ao aire libre como a Illa do Covo, onde faremos unha gran parte da actividade se a climatoloxía o permite e tamén ás parroquias, evitando a un tempo os desprazamentos de xente e por outro lado facilitando o acceso a quen non vive en Pontevedra mesmo. Levaremos a biblioteca en forma de furgoneta, “Rodalibros” polas parroquias onde terán lugar actividades e contacontos. Tamén por toda a cidade contaremos coa “Orbil Parade” composta polas 8 figuras de Orbil colocadas en puntos clave, en torno aos que se organizarán roteiros”
Carme Fouces salientou a aposta pola presencialidade nas actividades, con todas as medidas hixiénicas, control de accesos, aforos, etc que “estamos seguros a cativada vai cumprir sen problema porque xa demostraron nas escolas que son moi responsables e están afeitos, así que pedimos a colaboración das familias para que estean atentas tanto á forma de acceder as actividades este ano –con reserva previa, de balde na web– e ás indicacións do monitorado e persoal da organización.
“Haberá exposición do Museo do Videoxogo (MUVI) de Kiko da Silva e Helena Vilar que por mor do peche do ano pasado non puideron recibir a homenaxe merecida, Faladoiros en formato presencial e streaming con Miguel Anxo Prado e Pablo Prado, Ledicia Costas e a moza escritora Mariña Maceiras, buscando o diálogo entre xeracións, con Montse Pena, AGPI, Montse Fajardo, etc. Esteas como a de Baobab Teatro “Ás para Álex”, o Seminario Permanente de Jazz, Lucía Aldao e María Lado “A auténtica vida salvaxe”, deseñado en exclusiva para o Salón como o espectáculo de inauguración a cargo de Marcelo Dobode e coro da Xunqueira e o de clausura da man do RockLab, “Imos cambiar o mundo”, baseado no libro de Fina Casalderrey Lingua Guapa ou a estrea para bebés, que contarán este ano con máis actividades, “Feira de sementes” de Babaluma.
Antes de despedirse Fouces salientou a necesidade de colaboración e responsabilidade da cidadanía para asistir: “este ano todo será de balde, incluso a pequena aportación que se facía outros anos para algúns espectáculos, desapareceu. Fixemos este esforzo polas circunstancias, a redución de aforos, etc., pero estas mesmas circunstancias obrigan á inscrición obrigatoria do público asistente para facilitar os rastrexo no caso de que fora preciso. Contaremos no web www.salondolibro.gal no apartado de programación cun sistema de “venda a custo cero” de entradas que se activarán de semana e semana, de mércores a mércores a partir do 21 de abril. Aí é onde pedimos que se finalmente as persoas que reservaron as entradas non poden asistir, chamen ou contacten coa organización para poder liberalas e que non se desperdicien. Xa que contamos con aforos reducidos, alomenos que se cubran porque o contrario sería unha mágoa.””
Na Biblioteca de Galicia lese poesía
Desde a Xunta de Galicia:
“O Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia é o escenario para que cinco das nosas poetas: Yolanda Castaño, Antonio García Teijeiro, Alba Cid, Aldaolado (María Lado e Lucía Aldao) e Rosalía Fernández Rial fagan unha libre interpretación da súa obra.
Sós ou acompañados de música —como no caso de Yolanda Castaño co guitarrista e compositor Isaac Garabatos— de imaxes ou da palabra doutros creadores da súa elección, cinco escritores realizarán unha lectura das poesías, súas ou alleas, que consideren mellores para celebrar os dez anos da Biblioteca de Galicia. Nesta programación especial polo décimo aniversario da Biblioteca de Galicia non podía deixar de ter protagonismo o xénero literario que lle deu ás nosas letras algunhas das súas obras máis senlleiras.”
Aquí hai máis información sobre as intervencións de Yolanda Castaño e Antonio García Teijeiro.
María Lado: “Tomei como reto persoal escribir algo moi lírico, poesía seria, con palabras moi da rúa”
Entrevista de Montse Dopico a María Lado en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que o título Gramo Stendhal?
– María Lado (ML): Cando levaba xa uns poucos poemas do libro escritos comecei a preocuparme por como se podería titular. Tiña en mente que o libro falaba de cousas fermosas pero fráxiles, momentos de beleza como flashes, que enseguida desaparecían. Sabía que era un libro triste pero chapuzado de pequenos brillos efémeros. Entón pensei en que o título debería levar esa palabra, “beleza”, pero todo o que se me ocorría me parecía espantoso. Pensei en chamalo “un gramo de beleza”, que é un dos versos dun poema, pero como título non me enchía. Entón ocorréuseme Gramo Stendhal, polo síndrome Stendhal.
O autor francés describía que sentira vertixe e se lle acelerara o corazón ao ver unha basílica en Florencia, e de aí lle vén o nome ao síndrome. Esa idea, a de enfermar fisicamente ante a beleza da arte, é algo do que Aldao e eu sempre rimos, porque é moi esaxerado, pero que funcionaba para dicir beleza sen empregar esa palabra. Beleza enfermiza. Quero dicir, que a xente escoita Stendhal e pensa no síndrome antes que no autor francés. Gramo Stendhal soábame ben, pero non estaba segura. A mesma tarde que se me ocorreu, nunha conversa por whatsapp con Lucía Aldao comezamos a facer coñas sobre a cantidade de droga que aparecía nalgúns poemas. Entón díxenlle o título que barallaba e a ela pareceulle que soaba ben. E quedoulle. A verdade é que respondía ao que eu quería contar.
– P: Nada máis comezar, o libro remite ao pasado, a memoria. Cal é a relación de Gramo Stendhal coa memoria?
– ML: Tiña dúas intencións claras mentres escribía o libro. Unha era facer un poemario xeracional, que puidese representar a xente da miña idade. Xente que estamos nese momento no que nos decatamos de que xa medramos, que as nosas vidas mudaron e, tal vez, renunciamos xa a algúns soños ou emprendemos camiños insospeitados. E lidamos con iso.
Outra era falar da importancia da linguaxe e da literatura como elementos creadores de realidades, aproveitando para reflexionar sobre que a autora non é o eu que fala nos poemas, que hai unha ficción de por medio, algo que semella esquecerse sempre que lemos poesía. Ninguén dubida que a narrativa é, ou pode ser, ficción, pero na poesía semella que se queres que se lea como tal o tes que explicitar.
Os recordos e a ficcionalización do pasado teñen esta función no libro, serven para facer esta reflexión. De feito, eu creo que os recordos que temos son aquelas cousas que contamos, son creacións feitas a través da linguaxe, fundamentalmente. Exemplifican á perfección a idea de que a palabra é quen de construír certo tipo de realidade. Son cousas que existen porque as contamos, pero que non tiveron por que pasar desa maneira. Nin sequera tiveron que pasar. Eu non estou nestes poemas contando a miña biografía, senón creando un relato, coma se dixésemos que moldeo un personaxe que pode parecerse a min (mesmo podo regalarlle algo propio para construílo) pero non son eu. O que lle ocorre a ese personaxe é algo que non é a miña vida, algo que eu invento. (…)”