“Era
a única candidatura presentada e a asamblea do Pen Clube de Galicia aprobouna por unanimidade. O escritor Luis González Tosar foi reelexido como presidente, no que estará acompañado de Úrsula Heinze como vicepresidenta, Miro Villar, como secretario e Bieito Iglesias como tesoureiro. Entre as primeiras medidas, o reelexido presidente reivindicará ante a Consellaría de Cultura a inclusión a comisión do libro, así como buscará apoios para celebrar a cuarta Bienal Internacional do PEN que ten previsto celebrarse en Santiago en xuño de 2012.” Vía Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Luís González Tosar
Luís González Tosar: “Hoxe Galicia é unha potencia literaria”
Entrevista
a Luís González Tosar en La Voz de Galicia:
“A punto de cumprir o cuarto de século, o Pen Clube de Galicia é un dos centros máis activos nesta organización internacional de escritores. “Hai estados que non teñen a creatividade e a productividade de Galicia, que hoxe é unha potencia literaria”, afirma o seu presidente, Luís González Tosar. El e o tamén escritor Bieito Iglesias representan desde hoxe a Galicia en Belgrado no Congreso Mundial de Escritores.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é o obxectivo do congreso?
– Luís González Tosar (LGT): Vaise aprobar a nova redacción dunha carta internacional sobre a pluralidade lingüística e a necesidade de que, nos casos nos que conviven varias linguas, se protexan as máis desfavorecidas. Sempre se debe dar prioridade á lingua máis débil.
– LVG: ¿Que outros temas abordarán?
– LGT: Imos participar en debates con destacados autores serbios. Alí tamén se ultimarán detalles da próxima edición do festival Free the Word, que se celebrará en Santiago. Teremos invitados de excepción e intentaremos dialogar non só coas culturas minoritarias, senón con todas as literaturas do mundo.
– LVG: ¿Cal é a situación da literatura galega nese contexto internacional?
– LGT: A literatura galega nunca estivo tan ben. O mérito é das novas xeracións que escriben en galego, falan idiomas e traducen. A galega non é unha literatura subvencionada, como pensan algúns, senón que xera riqueza incluso en tempos de crise. Por iso sería un erro que, nos recortes, se lles ocorrese suprimir a Consellería de Cultura ou fusionala. A identidade de Galicia ten como base a cultura propia.”
Acto conmemorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, o sábado 30 de xullo
O
sábado 30 de xullo, ás 12:30 horas, no Cemiterio de Boisaca (diante da campa onde está soterrado o poeta) de Santiago de Compostela, terá lugar un acto conmeorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, organizado polo Centro PEN de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Consellería de Cultura e Turismo, co seguinte programa:
– Palabras de presentación a cargo de Luís González Tosar (escritor e presidente do PEN Galicia).
– Intervencións de:
* Luciano Rodríguez. O pó dos días de Aquilino.
* Xurxo Martínez González. Pervivencia da poesía de Iglesia Alvariño.
* Xosé Luís Méndez Ferrín (Presidente da Real Academia Galega).
– Recital de poemas a cargo de: Miro Villar, Bieito Iglesias e Salvador García-Bodaño.
– Palabras de agradecemento de Aquilino Iglesia Ferreirós (fillo do homenaxeado).
– Ofrenda floral e interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia.
Crónica posterior en Galiciaé.
As distincións Setestrelo 2011 da Insua dos Poetas entregáronse este sábado no Carballiño
Extracto da acta de concesión das Distincións Setestrelo 2011, entregadas na III Festa da Palabra na Insua dos Poetas o sábado 9 de xullo:
“Reunido na data de hoxe na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño, Ourense) ás 12:00 hs. do mediodía, o xurado encargado de outorgar as distincións Setestrelo 2011 da Insua dos Poetas, integrado por: Luís González Tosar, Maribel Outeiriño, Xosé Cid, Xan Fonseca Moretón e Antonio Piñeiro, actuando como secretario do xurado, con voz e sen voto, Xabier Castro Martínez, logo de examinar e debatir as diferentes propostas por parte dos membros do xurado, acordan, por unanimidade, conceder os galardóns Setestrelo 2011 ás seguintes persoas e institucións:
– Instituto de Estudios Carballiñenses.
– Arturo González Gil.
– Arximiro Marnotes Rodríguez.
– Galicia Hoxe.
– Manuel Gallego Jorreto.
– Antón Lamazares.
– Prof. Xesús Alonso Montero.
Todos sete, de aí o Setestrelo, destacan pola súa entrega e polo seu labor de difusión e promoción da cultura, pola súa sensibilidade co proxecto da Insua dos Poetas. Todos sete, cada un ao seu xeito, veñen sendo partícipes deste soño, deste diálogo permanente entre a literatura, as artes plásticas, a música… en xeral a creatividade, neste espazo natural, neste locus amoenus que medra, ano a ano, nesta fraterna xuntanza entre cultura e medio ambiente.
Na Esgueva, a 8 de xullo de 2011.
A Coruña: entrega do IX Premio de Poesía Novacaixagalicia a Emma Pedreira, e recital poético
O mércores 29 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro Social Novacaixagalicia (Avenida da Mariña, s/n.) da Coruña, terá lugar o acto de entrega do IX Premio de Poesía Novacaixagalicia a Emma Pedreira, tras o que a autora recitará poemas do libro premiado Antítese da ruína.
Santiago: recital poético en conmemoración do 950º aniversario da institucionalización da primeira unión homosexual en Galiza
O mércores, cuarta feira, 13 de abril, ás 19:00 horas, na Cafetaría Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) de Santiago, terá lugar un recital, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, en colaboración co Colectivo Gai de Compostela e a asociación BOGA – Lésbicas de Galiza, que conmemora o 950 aniversario da institucionalización máis antiga dunha unión homosexual conservada en Galiza. No acto participarán Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Callón, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Lois Diéguez, Luís González Tosar, María Rosendo, Marica Campo e Rosa Enríquez. O lema da convocatoria é unha expresión latina que se encontra no documento de unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz: “in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora”; isto é: “en todos os días e todas as noites, para sempre”.
Santiago: recital de celebración do Día Mundial da Poesía 2011
O luns 21 de marzo, ás 19:30 h., no Auditorio da Biblioteca da Cidade de Cultura, o Centro PEN Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan un recital para celebrar o Día Mundial da Poesía 2011, presentado como unha ollada de luz no vento Lois Pereiro, coa presenza de Marilar Aleixandre, Olalla Cociña, Luís González Tosar, Manuel Rivas e Salvador García-Bodaño.
Luís González Tosar pide unha poesía crítica ao recibir o Puro Cora
Luís González Tosar gaña o premio Puro Cora de xornalismo
Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente
O
sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

