A AELG quere manifestar o seu máis profundo pesar polo pasamento de Luz Fandiño, Mestra da Memoria en 2018


A nosa lingua e a nosa cultura, por suposto tamén a través da nosa tradición oral, axúdannos a sermos máis libres e de seguro a sermos máis felices porque contribúen a refacer o noso pensamento. E Luz Fandiño foi quen, nun contexto moi adverso, de vencer as fronteiras do pensamento e acadar precisamente algo de luz, que compartiu con xenerosidade con todas e todos aqueles que a trataron e que usou guiada por un profundo sentimento de solidariedade e xustiza social.

O pensamento foi feito para rivalizar co soño nesta viaxe que todas nós facemos ao imposíbel. E de viaxes ao imposíbel e de cruzar fronteiras soubo moito Luz, nomeada Mestra da Memoria da AELG no 2018, que, entre outras cousas, soubo e puido vencer nesa eterna loita que as persoas libramos entre a condena ao escuro e o desexo da luz.

Luz Fandiño naceu no ano 1931 no barrio do Sar e medrou nunha pequena casa canda a súa nai, súa avoa e súa irmá. Padeceu unha educación fortemente marcada pola fanatismo relixioso e polo fascismo tristemente triunfal daqueles anos. Nos arquivos da web da AELG pódese encontrar a gravación que a Asociación realizou no seu domicilio en 2018 con motivo da distinción de Mestra da Memoria. Nela, Luz explica que a influencia de súa nai e de súa avoa foron determinantes para modelar o seu carácter e combater as miserias daquel tempo.  O que con seguridade foi algo así como unha sororidade de supervivencia, ben antes de que usásemos a palabra: unha sorte de pacto tácito das mulleres da súa familia pra se apoiaren e saíren adiante; e que parece que quedou xa para sempre gravado no seu xeito de ser e de se conducir polo mundo adiante o resto da súa vida.

Luz emigrou con 21 anos á Arxentina incitada polas súas curmás, nunha terríbel viaxe chea de penurias e dificultades a bordo do Santa Fe. Alí bota doce anos en Buenos Aires, doce anos de intenso debate entre a supervivencia, o sufrimento e novas miserias. Pero tamén onde vai adquirir unha fonda conciencia de país a través do contacto co Centro Galego de Buenos Aires e cunha persoa en especial (refírese sempre ao señor Ares, un dos responsábeis da biblioteca e do Centro). Neses anos de penuria hai tamén outras faíscas de máis luz, coas emisións dominicais dunha hora integramente en galego de Radio Carve de Montevideo. Vai ser en Buenos Aires onde Luz Fandiño entra en contacto coa poesía galega, cando descobre a Biblioteca do Centro Galego, marcándoa profundamente a figura e a obra de Rosalía de Castro, ademais de moitas outras autoras e autores. Tamén agromará aí o gusto pola escrita na nosa lingua, hábito que xa a acompañará para o resto dos seus días.

No ano 1963 abandona Arxentina e viaxa a Francia, cunha pequena parada en Vigo. En París vai formar parte do entorno da Casa de Galicia e vai asistir de primeira man aos acontecementos do maio do 68, onde afonda na súa conciencia de clase, na súa condición de muller e se reafirma tamén nos valores do compromiso cos de abaixo e coa loita social. Nese tempo volve con frecuencia cada verán á súa terra para retornar definitivamente ao noso país no ano 1979.

Dende entón, Luz nunca deixou de escribir e de se mobilizar dando guerra e firme na loita, sen deixar de celebrar a nosa lingua e a nosa cultura en todo tipo de actos e foros ao ancho e longo de todo o país. Foi unha extraordinaria comunicadora, declamadora e recitadora, unha dicidora puntual, entre outras, ás súas citas cos solsticios de inverno celebrados anualmente na Eira da Xoana, pero tamén a moitos outros festivais ou eventos que, especialmente nos últimos anos, viñeron recoñecer a súa valía en todos os eidos, sendo celebrada tamén polas novas xeracións, quen identificaron nela unha proxección inequívoca da vontade popular de supervivencia do país e do seu anhelo de superación con plena conciencia de pertenza á clase obreira galega. Con Luz Fandiño marcha unha loitadora, non só pola lingua e pola nosa cultura, senón pola conquista dunha sociedade máis xusta e dun país algo mellor do que encontrou.

A luz do Sol leva miles de anos iluminando o camiño das persoas, pero tampouco é que nos axudase a avanzar gran cousa. É probábel que precisemos outro tipo de Luz, talvez precisemos a luz da lúa. Esa Luz azul que ilumina algunhas das nosas noites e que cae con  respecto e delicadeza sobre as cousas e as persoas e nos pon en contacto co noso lado feminino, axudándonos a mudar o noso xeito de mirar.

Dixo a poeta que non precisamos o renacer do Sol. Precisamos o renacer dos nosos corpos, o renacer da nosa terra, o renacer da nosa lingua… E se tal cousa acontecese algún día, será grazas ao esforzo e sacrificio de moita xente anónima, pero, sen dúbida será tamén grazas a persoas como Luz Fandiño.

Lois Pérez, responsábel da Sección de Literatura de Tradición Oral, en representación do Consello Directivo da AELG, abril dos caraveis de 2024″

Falece a poeta e activista Luz Fandiño


Desde Nós Diario:
“Defíníase a si mesma como poeta analfabeta, mais poucas persoas coma ela, nas súas mesmas circunstancias, tiveron tanta fame de saber e tanto orgullo pola cultura galega.
Ela era Luz Fandiño, a poeta insubmisa, unha muller, como dicía ela, demasiado rebelde como para, por exemplo, estar nun partido político: “Eu vou co pobo porque son pobo. Nin a bandeira nin o himno nin a loita polo país son de ningún partido”.
O domingo 28 de abril pola mañá, a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, confirmou a través da súas canles nas redes sociais o pasamento aos 92 anos dunha muller que, ademais de no eido da poesía, significouse como activista feminista.
Nada na capital galega en 1931, concretamente no barrio de Sar, en 1952 fixo as maletas para desembarcar na Arxentina, desde onde emigra a Francia en 1962.
O retorno á Galiza foi en 1979, onde agroma a súa produción cultural, participando en volumes colectivos como Xuro que nunca volverei pasar fame. Poesía escarlata (2003) e lanzando libros de poemas individuais, como Farangulliña de neve (1998) ou O pracer de envellecer (2014).
En 2018 foi galardoada co premio Mestres da Memoria, distinción outorgada pola sección de literatura de tradición oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e coa que se recoñece o labor de “informantes de literatura popular.
Xa o pasado ano 2023 recibiu, na modalidade ‘Traxectoria’, o Premio “Begoña Caamaño” á acción cultural pola igualdade de xénero. Este certame, que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña, busca recoñecer e pór en valor as traxectorias de colectivos e persoas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura, tanto no ámbito territorial da provincia como no conxunto do país.
O xurado definira Fandiño como un “exemplo de coherencia, rebeldía e dignidade, pola súa loita polos dereitos das mulleres e por ser inspiradora para as novas xeracións, que a seguen a buscar para escoitar a súa abraiante peripecia persoal”.”

A poeta Luz Fandiño recibirá o XX Premio Ramón Piñeiro Facer país

Desde Cultura Galega:
“A escritora e activista Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931) é a gañadora da vixésima edición do Premio Ramón Piñeiro Facer país. A Asociación Cultural Val de Láncara presentou o venres 14 de outubro no Consello da Cultura Galega (CCG) o fallo da vixésima edición deste premio, que recoñece o labor dunha persoa ou entidade galega a favor do desenvolvemento da comunidade. “Quixemos destacar, nesta ocasión, a unha muller combativa en favor da lingua e da cultura do país”, destacou o profesor Xurxo Rodríguez Lozano en nome da asociación. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o “valor deste certame, que nace desde o propio pobo e que ten un meritorio carácter popular e participativo”. A Asociación Cultural Val de Láncara convoca este galardón, que busca poñer en valor tanto a persoas, entidades e empresas como a colectivos ou institucións que destacaron “polo seu labor de promoción, defensa e vertebración” da comunidade autónoma de Galicia. O galardón non ten dotación económica e é escollido por unha vintena de asociacións culturais das comarcas de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes. A entrega do premio será en novembro, no marco dunha xuntanza de confraternización na que os anteriores galardoados, Luar na Lubre, entregarán o premio á gañadora desta edición. (…)”

Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2022 en Compostela

Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2022 en Compostela, que tivo lugar o 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

“Luz Fandiño, poesía para o pobo”

Entrevista a Luz Fandiño no Diario Cultural da Radio Galega:
“Conversamos coa poeta Luz Fandiño, que aos seus 90 anos logra conectar de maneira especial coa xente moza coa súa voz auténtica e comprometida. Fandiño empezou a escribir poemas cando era emigrante na Arxentina, despois de ler a Rosalía, Curros e Cabanillas no Centro Galego de Bos Aires. A realizadora Sonia Méndez retrata esta poeta comprometida no documental A poeta analfabeta que se proxectou no Teatro Colón da Coruña. A entrevista pode escoitarse aquí.”