Desde o Concello de Bueu:
“Eugénio Outeiro Lojo, Cláudia Morán e Manolo Broa son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este sábado 4 de outubro pola mañá, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Eugénio Outeiro Lojo coa obra Réquiem; e a Cláudia Morán e Manolo Broa coa reportaxe ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’, publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Xosé Luís Mosquera, poeta e gañador da edición anterior, Silvia Penas, poeta, e Manuel Forcadela, crítico literario, escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Da lectura dos 44 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Outeiro Lojo, da que se sobranceou que “está ben artellada e moi acaída para o significado do premio convocante, cunha estrutura e arquitectura poética traballada, delicado no tratamento, nada panfletario que engancha por unha musicalidade evidente, de vocación trobadoresca e que conecta coa oralidade”. Así mesmo, trátase dunha poética máis clásica e diferente da cultivada na actualidade e que formula unha proposta de verdadeiro acto de memoria histórica.
Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Lois Pérez, gañador da anterior edición, Diana López Varela, xornalista pontevedresa, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os dezaseis traballos presentados ao certame, a gañadora foi a reportaxe de Cláudia Morán e Manolo Broa, de cuxo traballo o xurado valorou “a análise das aldeas sen case veciñanza, cunha perspectiva orixinal sobre os tópicos do lume”. A reportaxe establece a correlación entre o despoboamento e os incendios, e o contraste entre o urbano e o rural, así como as distintas vagas de lumes. Atópase, ademais, a análise entre a responsabilidade cidadá e política e o impacto sobre o territorio, ofrecendo unha visión directa do conflito e establecendo unha progresión eficaz no contido da reportaxe. A perspectiva trasloce un proxecto máis global, no que se achegan datos e contexto a un problema non sinxelo como é o despoboamento do rural e os incendios. Chama á reflexión dun xornalismo que reivindica o valor fundamental como elemento democratizador e emancipador da cidadanía contribuíndo á súa autonomía e conformador do espírito crítico.
O xurado desta categoría ademais fixo unha mención especial do traballo presentado por Míriam Ferradáns Ferradás titulado Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria, publicado no Nós Diario.
A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará ao longo deste ano. (…)”
Arquivos da etiqueta: Manuel Forcadela
Nigrán: Xornadas “Alfonso Álvarez Cáccamo na memoria”, do 25 ao 28 de xuño
Couso (Gondomar): Poemas para Luísa. Recital en lembranza de Luísa Villalta
Vigo: actividades do 6 de xullo da Feira do Libro 2024
Vídeo da presentación en Gondomar de Lacan en Compostela, de Manuel Forcadela
Vídeo da presentación en Vigo de Alta mar, mar aberta, de Alberto González-Garcés
Vídeo da presentación en Vigo de Onde ferve a memoria, de Xavier Rodríguez Baixeras
Gondomar: estrea do documental As lecturas poéticas da MINI
O 24 de novembro, ás 20:00 horas, no local do Instituto de Estudos Miñoráns (Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira 10, Gondomar), terá lugar a estrea do documental As lecturas poéticas da MINI. Para a súa presentación contaremos coa presenza do coordinador das lecturas, Xosé María Álvarez Cáccamo e máis de Manuel Forcadela, autor do documental.