O
13 de marzo, ás 20:30 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos 16-18, 1º), inaugúrase a exposición de pintura sobre a serie Mulleres, de Perfecto Estévez, realizada en colaboración coa AELG.
Ese mesmo día agasallarase tamén cunha publicación realizada para a ocasión con textos dos seus amigos: Ignacio Basallo, Margarita Ledo, Manuel Lourenzo, Francisco Rodríguez, Felipe Senén e Henrique Tello.
Perfecto Antonio Estévez García, nado en Ourense o 27 de xullo de 1955 e falecido o 5 de maio do 2010 na Coruña, foi un pintor, cartelista e escenógrafo galego. Deseñador da editorial Espiral Maior e de A Nosa Terra. Colaborou con traballos gráficos co Concello da Coruña e coa Universidade, numerosos concellos galegos e tamén con distintas editoriais como Baía Edicións, ou Edicións Xerais de Galicia.
Foi tamén xeneroso colaborador realizando cartelería para un gran número de asociacións culturais.
Arquivos da etiqueta: Manuel Lourenzo
Outeiro de Rei: representación de O palco e as lúas, de Manuel Lourenzo
Este sábado, 23 de febreiro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, Elsinor Teatro presentará O palco e as lúas, escrita e dirixida por Manuel Lourenzo.
A Coruña: representación de Macbeth. O ruído e a furia, de William Shakespeare (versión de Manuel Lourenzo)
Compostela: Homenaxe a Díaz Pardo no seu sétimo cabodano
Desde
Sermos Galiza:
“No sétimo cabodano da súa morte, un monllo de amigas e persoas achegadas -organizadas como Academia Real Isaac Díaz Pardo- volven homenaxear o artista, intelectual e creador de Sargadelos. Será este domingo, 13 de xaneiro, no cemiterio de Boisaca, en Compostela.
O acto comezará ás 12.30 horas e constará de tres bloques, precedidos dunha “procesión cívica até a tumba de Díaz Pardo” ao son da Marcha do Antigo Reino de Galiza interpretada polos Catro de Vigo e a lectura do poema de Lorenzo Varela Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados a cargo de Isabel Fonseca.
As alocucións constitúen a primeira parte da homenaxe. Pronunciaranas o xornalista Perfecto Conde, o filólogo Gregorio Ferreiro, o dramaturgo Manuel Lourenzo e o deseñador Carlos Núñez. Despois haberá un recital de poesía en que participarán Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Sabela Hermida, María Xosé Queizán, Manuel Landeira e Manuel Ucha.
Unha ofrenda floral pechará a xornada, canda a solta de pombas e as palabras de clausura de Alonso Montero. O ramo serán “os tres himnos de Isaac”: o Galego, o de Riego e a Internacional.”
Crónica videográfica da III Xornada de Literatura Dramática (III)
A
III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas, actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña, tivo lugar o 24 de novembro de 2018 Espazo Normal da Coruña.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Festival Pezas dun teatro do porvir: Malcriada, unha historia de amor, Esther F. Carrodeguas:
– Festival Pezas dun teatro do porvir: Pulso, Paula Sanmartín:
– Festival Pezas dun teatro do porvir: Proxemia 45 (posible título), AveLina Pérez e Manuel Lourenzo:
– Festival Pezas dun teatro do porvir: Infinito Conxugado, Gloria Rico:
Crónica videográfica da III Xornada de Literatura Dramática (I)
A
III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas, actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña, tivo lugar o 24 de novembro de 2018 Espazo Normal da Coruña.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Inauguración. José Manuel Sande García, Concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Cilha Lourenço, coordinadora da Xornada:
– Mesa redonda A literatura dramática galega no último cuarto do século XX (primeira parte). Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Henrique Rabuñal:
– Mesa redonda A literatura dramática galega no último cuarto do século XX (segunda parte). Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Henrique Rabuñal:
Gena Baamonde dirixirá a nova produción do CDG a partir de dúas pezas de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte
Desde
Agadic:
“Neorretranca e posmorriña será o título da próxima produción propia do Centro Dramático Galego, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se se lle dá publicidade á convocatoria do proceso de selección das 10 actrices e actores que porán en escena o novo proxecto da compañía pública, con data de estrea prevista para o 11 de abril.
A reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Bases
Segundo as bases publicadas no web da Agadic, os intérpretes interesados en optar ás 10 prazas de actrices e actores convocadas –catro con categoría de protagonistas e seis de principais– teñen de prazo desde mañá e ata o mércores 19 de decembro para presentar as súas solicitudes xunto con toda a documentación requirida.
Para seren admitidos, os aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ben solicitando unha avaliación lingüística específica.
O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá nun baremo dos méritos profesionais dos aspirantes. Para esta valoración, na que se poderán obter ata 20 puntos, teranse en conta as capacidades interpretativas para espectáculos teatrais (titulación, cursos de formación, interpretación en espectáculos profesionais e afeccionados de artes escénicas, premios…), así como a achega de materiais audiovisuais a través dun videobook de resumo dos traballos en artes escénicas e audiovisuais ou a gravación de traballos puntuais.
Audicións
As persoas que acaden as cinco mellores puntuacións de cada un dos personaxes convocados accederán a unha segunda fase de audicións, con ata 30 puntos en xogo. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de audición oral/avaliación lingüística e unha segunda de interpretación.
Os textos e indicacións para esta valoración estarán dispoñibles en www.agadic.gal con tempo suficiente para a súa preparación por parte dos actores e actrices que accedan á segunda fase.
As diferentes etapas deste proceso faranse públicas no web da Agadic e no taboleiro das súas dependencias: http://www.agadic.gal/Avisos/detalles/558.”
A obra gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais vaise representar en 23 concellos
Desde Sermos Galiza:
“O proxecto presentado pola compañía Teatro da Ramboia está realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista.
A compañía formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín foi declarada gañadora o pasado 28 de novembro no Teatro Rosalía da Coruña. Obtivo un premio de 2.000 euros por parte da Fundación Manuel María e o compromiso pola parte dos concellos e deputacións colaboradoras de que a obra se inclúa na súa programación teatral.
Os concellos adheridos son A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo mentres que as Deputacións son as de A Coruña, Lugo e Pontevedra.
O xurado desta primeira edición do Certame destacou entre os valores da obra o amplo abano de público ao que se dirixe así coma a probada calidade artística do elenco e a diversidade de espazos nos que pode ser escenificada.
Neste caso, estivo presidido polo actor e director Manuel Lourenzo Pérez. Os vogais que tiveron parte na votación foron a produtora e presidenta de Escena Teatral, Belén Pichel, e o actor e director, Francisco Cadaval.”
III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas
A
III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas é unha actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.
Terá lugar o 24 de novembro de 2018 no Espazo Normal (Paseo de Ronda, 47 –como chegar-), A Coruña.
Matrícula para o certificado homologado:
O prazo de matriculación está aberto desde o 29 de outubro até o 21 de novembro (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).
Destinatarios-as do certificado homologado: Profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes.
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación (certificado homologado):
Prazas reservadas: 25% Número máximo de prazas: 25%
Matrícula para o certificado emitido pola AELG:
Desde 17/10/2018 até 22/11/2018 (oficina@aelg.org)
Destinatarios-as do certificado emitido pola AELG: Outras persoas que queiran un certificado de asistencia.
PROGRAMA
O programa completo previsto é este:
Mañá
09:45 Apertura da III Xornada.
- Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
- Cilha Lourenço Módia.
10:00 Mesa redonda A literatura dramática galega no último cuarto do século XX.
- Breve presentación: Xesús Pisón.
- Ponentes: Manuel Lourenzo e Henrique Rabuñal.
11:25 Mesa redonda O teatro nas aulas.
- Moderación: Rosalía Fernández Rial.
- Ponentes: Raquel Castro e Fran Godón.
12:45 Mesa redonda A literatura dramática galega nas primeiras décadas do século XXI.
- Moderación: Afonso Becerra de Becerreá.
- Ponentes: Eva Ferreira e AveLina Pérez.
Tarde
16:00 Festival Pezas dun teatro do porvir. Procesos abertos de escrita dramática.
Convocatoria aberta a 4 dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público amosando un fragmento ou mostra desta.
Terá lugar unha exposición ou mostra dun fragmento da peza (máximo de 15 minutos), e haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto (máximo 15 minutos).
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o considere máis axeitado á peza que vai amosar a través dun fragmento desta.
No breve debate posterior ás presentacións buscaríase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o, o acabado desas pezas en proceso.
18:30 Clase maxistral a cargo de José Maria Vieira Mendes, recoñecido dramaturgo portugués. Presenta: Cilha Lourenço Módia.
Aberto a todas as persoas interesadas. O autor falará sobre as relacións entre literatura e o teatro, centrándose nos textos e contextos no teatro portugués actual, e posteriormente manterá un coloquio co público asistente.
Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.
Manuel Lourenzo: “O teatro leva moito tempo inventado e aínda ninguén puido con el”
Entrevista
de María Obelleiro a Manuel Lourenzo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que é para vostede o teatro? Comezamos forte.
– Manuel Lourenzo (ML): (Ri) É unha forma de estar na vida, como pode ser outra. É unha forma moi activa de estar presente, de porte nun lugar, diante do público e mostrar comportamentos e expresarte a través dunha máscara que tes diante, aínda que non se vexa, e con ela falar das cousas que queres e tes necesidade de falar, e non de bobaxes.
– SG: Como foron os seus inicios no grupo de teatro do Facho, ligado á agrupación cultural homónima?
– ML: Eu viña reuníndome cun amigo meu, Pancho Pillado, falando horas, e horas e horas de teatro. Falando de que había que facer un teatro en galego, para Galiza, e de que a nosa xeración tiña que ser a que arrancase. Aquilo non podía ser, duraba demasiado, e había que espertar, non chegaba con ler libros e facerse culto, había que comunicarse cos demais en voz alta, é dicir, co teatro, e inventar unhas formas de expresión que permitisen que chegase esa mensaxe que queríamos dar sen que nos metesen no cárcere.
– SG: A estudosa Laura Tato marca a creación do grupo de teatro do Facho como o inicio do Teatro Independente Galego, comparte esa opinión?
– ML: Enteiramente. É a época en que a min me chamaron os amigos para que levase o grupo do Facho –eu non era socio– e usabamos un local na Cidade Vella da Coruña para ensaiar. Así comezou todo. Despois fixemos traducións, lecturas dramatizadas de Cousas, de Castelao… até que chegou o momento en que nos reunimos tres amigos en Fisterra, Alfredo Ferreiro, Xan Cejudo e eu, e dixen que había que facer un teatro que puidese saltar a barreira da censura e á vez que nos permitise contar o que queriamos contar.
– SG: Porén, o recital de Rosalía que organizaban prohibíronllo. Que aconteceu?
– ML: Estaba feito cunha forma de teatro da que gosto moito, o teatro central. Había exclusivamente como atrezzo unha luz nun cubo translúcido e iluminaba quen estabamos ao redor, uns oito ou dez. Esa luz era para traspasar as cousas que Rosalía dixera e que non tiñan nada de morriñento, era unha posta ao día sobre a situación das galegas e galegos ante a vida e a sociedade. Fíxose a estrea e aquilo prohibírono radicalmente. Conseguín saber por que. O papel non mo deron pero houbo un señor, en Información e Turismo, que mo deixou ler. Dicían que atentaba contra “la unidad de la común nación española” e que presentaba “una Galicia de emigración y cementerio que en absoluto se correspondía con la floreciente región actual”. Nese momento, decateime de onde estaba metido. Eu tiña a sensación de que o franquismo ía durar sempre e de que o tirano era eterno. Non podía explicarme a min mesmo como podía chegar a ser unha democracia. O que eu coñecera, en Alemaña, era unha sociedade que eu tampouco desexaba, en que o individuo estaba ninguneado, unha sociedade dos cartos, cartos, cartos, produción, produción, produción. Non quería iso aínda que se chamase democracia porque non deixaba respirar. Eu quería unha vida en que se respirase. A sombra dese señor aínda me dura hoxe, aínda teño que loitar contra ela e ser consciente de que loito contra ela, porque en calquera momento vén un sombrón deses e tápanos. (…)”


