Marica Campo: “Coido que, literalmente, Manuel María conseguiu quedar na paisaxe, ser un con ela”

EntrevistaMarica Campo a Marica Campo na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Marica Campo (MC): A primeira, é obvio, a extensión. Non teño noticia de ningún autor galego que escribise tantos libros de poemas. E, como é sabido, aínda que este fose o xénero que cultivou en maior medida, ten tamén unha significativa obra teatral, xornalística, narrativa e mesmo de ensaio. En segundo lugar, e tomando o título dun libro de Gloria Fuertes, foi un poeta de garda, é dicir, sempre dispoñíbel, ao servizo de Galiza, das causas humanas, e da nosa lingua. A terceira, a multiplicidade de rexistros. Por exemplo, o mesmo podemos achar poemas filosóficos, existencialistas, de gran beleza e fondura, que ler outros de intención satírica, con ripios buscados adrede para facer máis eficaz a burla. E por último, aínda que podería estenderme moito máis, a sinxeleza, cousa ben difícil de conseguir, a carencia de hermetismo, o que lle permite, ademais de expresarse, comunicar.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– MC: Para min iso que non me atrevo a chamar panteísmo nin falacia patética (proxección dos propios sentimentos sobre as cousas), senón comuñón coa terra. Hai un verso del no que declara querer quedar na paisaxe, ser un con ela. Coido que, literariamente, o conseguiu. Quen teña conversado con el un camiño, un lugar, unha comida ou unha copa de viño “competente”, seguirá a velo nesas cousas. (…)
– RAG: Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
– MC: Coido que mo deu a coñecer miña irmá Teresa, que traballaba e vivía en Monforte a mediados dos sesenta. A partir de aí xa me interesei pola súa obra. Despois acudín a conferencias súas organizadas pola asociación cultural Sementeira, de Viveiro, e presentáronnos Xulia Canoura e Francisco Luís R. Guerreiro, un matrimonio de mestres moi implicados na cultura e a política galegas. Máis tarde chameino para que lle falase ao alumnado do C. P. de Xove e ficaron el e mais Saleta na miña casa do Torrillón. Ao día seguinte era o Pilar, o meu santo, e fomos celebralo a Estaca de Bares. Desde aquela, sempre o festexamos xuntos. O 1 de xaneiro, onomástica dos chamados Manuel, tamén eu acudía a cear na súa casa xunto cuns poucos amigos e amigas. Era, como se sabe, un gran conversador e coñecía moita xente. Eu fiquei moi sorprendida de que soubese máis ca min dunha rama da familia de miña nai, os Maseda. Nun seu artigo de “Andando a terra” relata unha anécdota dun deles, alcumado O Tranquilo, que eu descoñecía. Para min foi, non só un mestre de literatura, senón un catedrático de amor á terra e coñecemento do noso país. Prologou, xunto con Pilar Pallarés, a miña primeira antoloxía persoal. Manuel María era, sobre todas as cousas, un home bo. Podería relatar situación vividas con el que evidencian a súa carencia de rancor e a ausencia total de autopropaganda, mostra da súa humanidade e humildade. (…)”

Compostela: programa da IX Xornada dos Clubs de Lectura, 2016

A IX Xornada dos Clubs de Lectura terá lugar na Sala Obradoiro do Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.

Programa_web

Taboleiro do libro galego XLIV (maio de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de xuño velaquí unha nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas, nesta ocasión, ás trece librarías colaboradoras: Paz de Pontevedra; Andel, Casa do Libro, Libros para Soñar e Librouro de Vigo; Aira das Letras, de Allariz; Miranda de Bueu; Biblos de Betanzos; Lila de Lilith (Compostela); Moito Conto e Suévia da Coruña; Trama de Lugo e, finalmente, Cronopios (Santiago e Pontevedra).
O Taboleiro do libro galego modifica, desde hoxe, a súa periodicidade e pasará a ter un carácter bimensual.

NARRATIVA
1º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
2º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
3º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
4º-. Xavier Queipo, Os kowa, Galaxia.
5º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
6º-. Manuel Núñez Singala, Camiños na auga, Galaxia.
7º-. Carlos Meixide, Inge e Robbie, Ed. do autor.
8º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
9º-. Xesús Constela, A rotura das paisaxes, Xerais.
10º-. Xosé Duncan, Negruña, Urco.

POESÍA
1º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
2º-. Manuel María, Os soños na gaiola, Xerais.
3º-. Manuel María, Terra chá,  Fundación Manuel María.
4º-. Manuel Veiga e Xosé Lastra, Manuel María. Versos e rebeldía, Xerais.
5º-. Manuel María, Poemas escollidos, Fundación Manuel María.
6º-. Antonio G. Teijeiro, Poemar o mar, Xerais.
7º-. Carlos Negro, Masculino singular, Xerais.
8º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
9º-. Ismael Ramos, Os fillos da fame, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, Galaxia.
3º-. Emilio Xosé Insua, A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), Baía Edicións.
4º-. Jorge Mira, María Canosa, Dani Padrón, ¿A que altura está o ceo?, Alvarellos.
5º-. Manuel Veiga, Manuel María buscando un país, Xerais.
6º-. Pablo Vaamonde, A comercialización da saúde, Laiovento.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Carlos Vila, O enigma de Caronte, Galaxia.
3º-. Elena Gallego, Dragal IV, Xerais.
4º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Mariana Ruiz, A viaxe de mamá, Kalandraka.
5º-. Érica Esmorís – Dani Padrón, Nena e o mar, Xerais.
6º-. El Hematocrítico, Feliz Feroz, Xerais.
7º-. Patacrúa & Javier Solchaga, A princesa do Caurel, OQO.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Casa-Museo Manuel María.
2º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
3º-. Nani García / Manuel María, A berenguela, Galaxia.
4º-. Pirilampo, Teatro de Guiñol, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. Jacobo Fernández Serrano, Marcopola 3, Xerais.”

Ollares en Manuel María

ReportaxeManuel María en Cultura Galega:
“A Editorial Galaxia acaba de tirar á luz Labrego con algo de poeta, a biografía sobre o autor homenaxeado no Día das Letras este ano. No libro, Mercedes Queixas desenvolveu un traballo complexo co que tenta dar conta dunha obra inxente e dunha vida intensa. O feito de se enfrontar a un persoeiro aínda vivo na memoria e na sociedade galega supuxo, segundo, recoñece a autora un factor de complexidade engadido a este labor. “A verdade é que me resultou moito máis cómodo, doado, accesible e tranquilizador abordar biografías como a que no seu día elaborei sobre Sarmiento. Nese caso púidenme centrar en analizar o personaxe a partir da súa obra, de estudos e de investigacións varias. No caso de Manuel María había bastantes retos. Cando me propuxeron desde Galaxia enfrontar unha biografía breve e divulgativa parecíanme palabras moi atinadas pero que tamén facían moi difícil abranguer un fenómeno como é Manuel María“. (…)
A estreita relación entre o traballo e o percurso biográfico no autor preséntase como unha das ideas focais da análise que realizou Queixas. “Temos que ratificar esta idea. Manuel María era un comunicador nato. Tiña a necesidade de transmitir e de contar o que observaba e o que valoraba, e a escrita foi sempre o seu espazo natural de comunicación. Canto máis o leo máis me ratifico na idea de que o seu é un binomio perfecto entre escritor e home. Ler a súa obra é ler a súa vida, hai unha simbiose perfecta. Era moi transparente e os seus principios están claramente definidos na execución da palabra”. Isto facilita que “cando falo del apóiome na súa obra para explicar en que momento da súa vida estamos. Por iso participo da idea de que hai que o ler, máis do que falar sobre el”. Esta perspectiva emparenta en boa medida a Manuel María con formas narrativas propias de Internet como os diarios en liña ou os blogs. “Penso que foi un pioneiro nesta vinculación, neste entender a vida e a obra, a paixón pola palabra, como unha relación íntima de vasos comunicantes. A min mesmo acontécenme cousas no día a día e véñenme á cabeza fragmentos das súas obras. Semella que o seu traballo, esa visión súa de alguén que camiña día a día a pensar na vida e na escrita, quedou aí para o traer á nosa realidade”. (…)
Como resumo sobre o homenaxeado, Queixas salienta que se trata “dun traballador incansable da palabra é resulta imposible botar conta das horas que Manuel María nos dedicou da súa vida. É un autor que hai que ler, a grande descuberta deste ano, o grande reto é que nos fican abertas as portas a unha obra e todos imos entrar. Cómpre insistir na importancia do traballo que está a facer a Fundación Manuel María e a Casa Museo, que van conseguir que Manuel María non desapareza definitivamente como acontece ás veces coa celebración do Día das Letras, que semella o certificado de defunción definitivo do autor”.”

Lois Diéguez: “Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta”

EntrevistaLois Diéguez a Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“(…) “Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta”. Lois Diéguez cóntanos no libro-DVD, Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, a vida do poeta nestas tres facetas á que se lle suma a de viaxeiro. (…)
Diéguez explicou que a orixe deste documental parte dunha peza audiovisual que se lle adicou un ano despois da súa morte: “Considerabamos que podiamos melloralo, entón fixemos unha versión máis corta. Esta de 25 minutos, o anterior de era de 45. E nestes 25 fixemos un estudo das imaxes máis racionalizado, máis no seu contexto e seguindo a cronoloxía da súa vida. Inicio, desenvolvemento e morte.”
A cinta discorre partindo dende a súa casa natal en Outeiro, pasando pola súa estadía en Lugo, Monforte e A Coruña, onde acaba, despois de pasar por todo o mundo. Lois Diéguez aludiu ao valor sentimental das fotografías “Hai imaxes moi interesantes recollidas de viaxeiros que foron, e fomos, con Manuel María por Exipto, Israel, Palestina, tamén Grecia e Italia que eran o centro da cultura clásica que el coñecía tanto e despois regresamos a casa, a Outeiro que é onde morre.
Xoan Carlos Garrido, realizador do documental, incidiu en que “O concepto do DVD era ilustrar con imaxes a poesía de Manuel María, o seu xeito de pensar e de vivir”, ademais quixo destacar a perspectiva viaxeira desta peza: “Entendendo a vida como unha viaxe, dende as súas casas, até os lugares que visitou e dos que se interesou e rematando na súa tumba. Xa que en moitas persoas Manuel María segue vivo e é alí onde o visitan.”
O vídeo remata, precisamente, ofrecendo unha rosa en Outeiro: “Un acto que fixemos daquela en 2005 e eran miles de persoas depositando a rosa na sepultura, entón é un recordo histórico da xente que pasaba por alí”, segundo Diéguez, quen identificou o vídeo como unha peza moi nostálxica “tal como era a súa poesía: Moitas veces triste e, nos primeiros tempos, máis alegre.”
No libro explícase todo isto dun xeito máis xenérico: Introduce, primeiro, a figura de Manuel María. O que representou na nosa cultura e na nosa política, como nacionalista e como poeta. Logo hai unha parte de estudo de Manuel María como viaxeiro, dos libros que adica a elas e, finalmente, explica as características do DVD.”