Arquivos da etiqueta: Manuel Rei Romeu
Ferrol: “Benito Vicetto, 200 anos. Vicetto como poeta, novelista e autor teatral”
Ferrol: presentación do caderno 80 anos do Sempre en Galiza, de Manuel Rei Romeu
Ferrol: presentación de Autogoberno e Sistemas de Financiamento. O papel da Nación Galega, de Xosé Díaz Díaz
Vídeo da presentación en Vigo do caderno 80 anos do Sempre en Galiza, de Manuel Rei Romeu
Vigo: presentación do caderno 80 anos do Sempre en Galiza, de Manuel Rei Romeu
A Coruña. Cidade da literatura 2023. “A literatura nos xardíns”
Ferrol: presentación de Aura 1964, de Ignacio Vilar
Manuel Rei Romeu: “Sempre en Galiza é exemplar como culminación patriótica dunha traxectoria vital, fronte a calquer tipo de posíbel manipulación”
Entrevista de Xoán Costa a Manuel Rei Romeu en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que di que Sempre en Galiza é a obra imprescindíbel do nacionalismo galego?
– Manuel Rei Romeu (MRR): A vontade de Castelao cando empeza a escribila é recoller a experiencia daqueles anos iniciais do nacionalismo, sobre todo cando comezou a haber práctica política organizada nos tempos da II República, e fornecer a Galiza dun legado ideolóxico clarificador e concienciador. Tiña en mente completar a obra cunha segunda parte, que ficou inconclusa a raíz da súa morte en 1950, pensando sempre nuns “herdeiros políticos” nacionalistas e nese ideal de servizo ao pobo. Imprescindíbel é, en definitiva, porque así o recibiu e considerou o nacionalismo galego xurdido a mediados da década de sesenta do século pasado e así seguimos a consideralo.
– ND: Que relación hai entre a obra e a traxectoria vital de Castelao?
– MRR: A súa redacción está intimamente ligada a unha época determinada, é produto dunha etapa de activismo político nacionalista que se inicia coa fundación do Partido Galeguista. A maiores, acrisola o aval anterior do home artista comprometido que participa desde o inicio na fundación deste movemento a través das Irmandades da Fala. Ao mesmo tempo, o Sempre en Galiza é exemplar e inequívoco como vontade de ser, como resultado final ou culminación patriótica dunha traxectoria vital, fronte a calquer tipo de posíbel manipulación.
– ND: Cais son esas necesidades e quen son os destinatarios?
– MRR: Como vimos indicando, é complexa a redacción do Sempre en Galiza; obedece a circunstancias cambiantes e a estados de ánimo ou expectativas ben diferentes, tanto antes como despois da Guerra. Como pasa con calquer obra, se queremos entendela na súa xusta medida, temos que contextualizala como é debido. Ás veces hai que esculcar entre liñas para ver a quen van dirixidas as mensaxes e con que intención se dirixen. E podemos encontrar desde destinatarios “circunstanciais”, como son as chamadas forzas do internacionalismo proletario, galegos antifascistas, até destinatarios “máis transcendentais” como son os todos os galegos de boa vontade.
– ND: Cal sería a intención última do Sempre en Galiza?
– MRR: Aínda a costa de incorrer en simplificación excesiva, a intención última é recoñecérmonos como galegos e exercermos como tais, sendo conscientes de que Galiza é una nación con dereito a gobernarse conforme aos seus intereses e a decidir libremente o seu futuro (dereito de autodeterminación).”
Manuel Rei Romeu: “Poucas nacións teñen un referente desta dimensión”
Entrevista a Manuel Rei Romeu en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Que lle parece a chegada a Galiza da obra A derradeira lección do mestre, de Castelao?
– Manuel Rei Romeu (MR): En primeiro lugar, hai que dicir que este é un logro da ILP aprobada hai tres anos; en segundo, que as autoridades no momento da desembalaxe da obra falan de proxección de futuro, e non de refrescar a memoria aos galegos e galegas.
– SG: Que elementos simbólicos destacaría?
– MR: Estamos diante da imaxe máis impactante da obra de Castelao. Bota man de aspectos potentes: o mestre asasinado, unha figura especial, un mártir por ser leal aos seus principios ideolóxicos, os do Partido Galeguista; dalgún xeito falamos do alter ego de Castelao. Ninguén discute ver nela a imaxe de Bóveda. Destaca tamén a presenza dos nenos, que en Castelao teñen unha simboloxía clara; un chora, outro ampara. A idea é que son a esperanza do porvir e a semente de futuro. Coido, con todo, que o símbolo máis potente son as dúas árbores podadas, mutiladas, mais que non están mortas. Son carballos, con vida e cheos de forza malia seren mutilados.
– SG: Só estará na Galiza até marzo. Que opina?
– MR: Evidentemente, o lenzo tiña que quedar aquí. A Xunta di que hai que respectar a emigración, mais coido que se xestionaron a súa chegada foi con certa molestia porque dalgún xeito se viron forzados pola ILP de 2015. A obra de Castelao está espallada por centos de lugares e o lóxico sería que estivese compilada nun museo. Falamos dun referente dunha dimensión que poucas nacións teñen e a súa obra debería proxectarse da forma que merece.”