Arquivos da etiqueta: Mercedes Leobalde
“Obradoiros e prácticas da escritura”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevistas a Manuel Forcadela, Carlos Negro e Antía Otero, entre outros/as escritores/as sobre Obradoiros e prácticas da escritura. Pode accederse á entrevista aquí.”
A Coruña: presentación de Limaduras de prata, de Luísa Abad
A Coruña: Espazo Literario na Feira de proxectos de vida feministas Laborando
Dentro da Feira Feminista Laborando, que terá lugar o sábado 26 de novembro, no Mercado de San Agustín, na Coruña, a Livraria Suévia organiza o Espazo Literario, coas seguintes actividades previstas:
Estarán asinando as súas obras:
– 12:00 h. Eli Ríos: Marta e a píntega. Conta-contos infantil.
– 12:30 h. Mercedes Leobalde: Funambulistas.
– 13:00 h. Dores Tembrás: Auga a través.
– 13:30 h. Rebeca Baceiredo: O canto da Sibila.
– 17:00 h. Andrea Barreira (Non hai luz sen escuridade) e Vanesa Santiago (Ninguén lembra). “Obradoiro para a bruxa moderna”.
– 17:30 h. Emma Pedreira: Corazón e demais tripas.
– 18:00 h. Beatriz Maceda: O álbum de Garrincha. Conta-contos infantil.
– 18:30 h. María Reimóndez: A dúbida.
– 19:00 h. María Canosa: Cando cae a luz.
– 19:30 h. Charo Pita: Oxalá estiveses aquí. Conta-contos infantil.
Malpica estrea o Fondo Lugrís cos poetas eróticos do Premio Illas Sisargas
Desde Que pasa na Costa:
“Ata o 15 de xuño estará aberta no Centro Cívico de Malpica a exposición O desexo. Esta mostra conxunta de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro estrea así o Fondo Lugrís, no novo espazo expositivo do segundo andar do Centro Cívico. Unha sala circular pensada para albergar unha mostra permanente das obras de arte adquiridas polo Concello de Malpica ao longo dos últimos anos e das que poidan incorporarse no futuro.
O desexo é un proxecto plástico e literario asinado por Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro, pero tamén por Ramón Neto, Verónica Martínez, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Ríos, Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, Alberte Momán, Antonio G. Teijeiro, Miguel Mato, Paco de Tano, Xosé Iglesias e Paco Souto, é dicir, 13 dos 15 poetas que gañaron o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas ao longo dos seus dez anos de vida. E igual que o premio literario, a exposición O desexo é froito da colaboración entre a Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica.
Dadas as limitacións do espazo, na exposición inagurada este domingo non figuran as máis de corenta obras creadas por Maside, Riveiro e Pardiñas para O desexo, pero si todas as incluídas no catálogo editado, no que cada obra pictórica vai acompañada dun poema. Algúns dos autores deses versos ofreceron un pequeno recital no acto de inauguración, ao que tamén asistiron os pintores Riveiro e Pardiñas.”
Carballo: inauguración da exposición O desexo
Héctor Cajaraville gaña o XVIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole
Desde Fervenzas Literarias:
“O Concello de Lugo deu a coñecer o gañador do XVIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, premio que recaeu en Héctor Cajaraville pola obra Once portas, presentada baixo o lema Amelia I.
O xurado estivo formado pola escritora Mercedes Leobalde, o escritor Antonio Reigosa e o director de Xerais, Manuel Bragado, baixo a presidencia, con voz e sen voto, da concelleira de Cultura Carmen Basadre, e como secretario o coordinador de Publicacións do Concello de Lugo, Darío Xohán Cabana. (…)”
Funambulistas, de Mercedes Leobalde, por Eli Ríos
Desde A Sega:
“Hai xa tempo que quería desmiuzar un chisco Funambulistas, de Mercedes Leobalde, porque me impresionou a súa lectura, pero había algo que me inquietaba e non tiña moi claro qué era. Así que, como os bos viños, deixei repousar o tema ata que chegase o momento. E chegou. Chegou en forma de conversa sobre unha técnica escultórica: a da cera perdida. Esa era a chave que me faltaba para comprender este conxunto de 25 relatos.
Concordo con todo o que se leva escrito sobre Funambulistas: Relatos curtos (algúns relacionados entre eles) sobre a fraxilidade contemporánea cunha prosa sintética, divertida e que emprega unha diversidade de voces.
Concordo. Si, pero… Sempre hai un pero… A construción que a autora moldea en cada texto ten un baleiro fóra da estrutura que procura a interacción directa coa persoa que le. Hai, incluso, relatos como “Cúmulos” nos que o protagonista será devorado polos tiburóns dependendo de quen estea no outro lado da páxina.
Así, aos poucos, a autora deliña maxistralmente a forma coas palabras. Constrúe ese formato de libro e relato que nos permite ver un obxecto cunha prosa sintética e divertida. Esa que contén os baleiros que nós, como lectoras, enchemos de forma natural para levar o que nos conta ao noso terreo, ao dos afectos, os odios ou as incomprensións. Xusto alí, nese punto, no que facemos nosos os relatos. Como quen moldea un vaso ou unha pota na olaría e, logo, retira a cera do seu interior para que sexamos nós mesmas, no proceso de lectura, as que decidamos que poñerlle dentro. (…)”
A Coruña: actividades destacadas do venres 18 en Abecedari@. I Salón do Libro e a Lectura
Do xoves 17 ao domingo 20 de decembro celébrase no Mercado de San Agustín da Coruña Abecedari@. I Salón do Libro e a Lectura, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 horas, e con entrada libre e gratuíta para o público interesado, evento organizado pola Asociación de Editores Coruñeses. Estas son as actividades destacadas do venres 18 dentro do seu programa: Abecedari@ 2015:
– 18:00 h. Contacontos Suleimán e Salúa, con Ali Ali e Francisco X. Fernández Naval.
– 18:30 h. Mercedes Leobalde asina exemplares das súas obras no espazo da Livraria Suévia.
– 19:00 h. Mesa Crítica Literaria en Galicia. Con Ramón Nicolás, Armando Requeixo, Dolores Vilavedra e Teresa Seara (coordinadora).
– 20:00 h. Antón Riveiro Coello asina exemplares das súas obras no espazo da Livraria Suévia.
– 21:00 h. Concerto: Sempre en Ibiza, con Lucía Aldao e María Lado.
Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
Desde o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”