Premios da Crítica de Galicia 2023

Compostela: “Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela”, do 29 de setembro ao 1 de outubro

Moaña: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Unha formiga baixo a cama, con Míriam Ferradáns

O Obradoiro de creación literaria Unha formiga baixo a cama, impartido por Míriam Ferradáns, cunha sesión especial con Ismael Ramos, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de Moaña e o patrocinio da Xunta de Galicia.

Unha formiga percorre o chan do cuarto. Sobe polas paredes. Regresa áxil e veloz pola cabeceira e métese baixo a cama. Só é un escuro insecto minúsculo. Un diminuto insecto minúsculo. Entón, por que nos interpela? Que sabe de nós? Da nosa estrañeza? Por que sentimos que se trata dunha sombra que medra?

Quizais só o poema pode atopar a formiga baixo a cama. Quizais debamos intentalo.

Terá lugar na cMo – Casa da Mocidade de Moaña (Rúa María Martín).

Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, pode realizarse, indicando nome e apelidos, no correo electrónico oficina@aelg.org

Calendario e horarios
Sábados 9, 16, 23 e 30 de setembro; 7 e 14 de outubro de 2023, de 10:30 a 13:30 h.
Sábado 21 de outubro de 2023, de 11:00 a 13:00 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

A Coruña: actividades do 3 de agosto na Feira do Libro 2023

Míriam Ferradáns gaña o VI Premio de Xornalismo Lueiro Rey

“O artigo Un maínzo de sal, da autoría da escritora Miriam Ferradáns, resultou o gañador da VI edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelos de Montes para textos de denuncia social. O xurado destacou a calidade dos textos presentados nesta convocatoria do certame.
O artigo iníciase cun episodio protagonizado por un neno chamado Raúl para se adentrar no tema da pobreza infantil, eixo central do texto gañador do premio. O xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e Carme Carreiro, que actuou como secretaria, destacou a calidade da lingua do artigo e tamén a temática abordada que, desde a reivindicación social, fala da exclusión na infancia a causa da pobreza.
“O texto achéganos a un tema moi duro como é a pobreza infantil desde a primeira persoa, desde un dos protagonistas, que non só non ten cubertas as necesidades básicas senón que sinte a necesidade de ocultar a súa condición de neno pobre para que non sexa unha causa que o afaste dos seus compañeiros e compañeiras”, apunta o xurado.
O xurado destaca tamén que o artigo nos aproxima a unha inxustiza que afecta á infancia e que ten unha importante presenza na nosa sociedade. “Moitas veces as persoas pensan que a pobreza infantil é doutros territorios mais, como nos relata o artigo de Miriam Ferradáns, está a nosa beira”, sinala o xurado que destaca o interese da combinación entre a historia persoal do protagonista e os datos que falan da alarmante cifra de crianzas que padece pobreza alimentaria.
Ademais, o xurado destaca o uso de metáforas que enriquecen o texto e a calidade literaria do artigo co que Miriam Ferradáns gaña unha edición que, segundo apuntan, contou cunha altísima calidade e unha ampla variedade de temas de carácter social.
O premio será entregado en Fornelos de Montes nun acto que se desenvolverá no transcurso da Semana Cultural de agosto.”