Letras en familia, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo 2015 Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) Galicia tamén deu ao mundo familias literarias de mérito. Só cómpre lembrar o rexionalista Uxío Carré Aldao e os seus tres fillos Uxío, Leandro e Lois Galo Carré Alvarellos; os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, fundadores e destacados persoeiros das Irmandades da Fala; Vicente Risco e o seu fillo Antón; Álvaro Cunqueiro e o seu fillo maior César; Fermín Bouza Trillo, o seu fillo Bouza-Brey e o seu neto Bouza Álvarez; e, mais nos nosos días, os irmáns De Toro (Suso, Xelís e Antonio Raúl), Villar (Miro e Rafa) ou Valcárcel (Xulio e Xesús Manuel), Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán e as poetas Cristal Méndez Queizán e Oriana Méndez; Uxío Novoneyra e a súa filla Branca; Roberto Vidal Bolaño e o seu fillo Roi Vidal Ponte ou, por non ser prolixo, as Brontë galegas, as tres irmás poetas Andrea, Lara e Marcela Porto Mato.
Agora ben, se hai un caso entre nós que destaca pola súa admirable recursividade ese é o da familia Álvarez, insólita saga recollida no libro Escolma de familia (2000). Unha historia literaria que se remonta ao século XIX co bisavó dramaturgo e ensaísta Emilio Álvarez Giménez, que pasa polo avó poeta Xerardo Álvarez Limeses, os seus fillos Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez ―polígrafo consumado que tiña un curmán, Emilio Álvarez Negreira, tamén escritor― e os fillos deste, Afonso, Xosé María e Celso Álvarez Cáccamo, poetas e narradores.”

A Estrada: presentación do libro Homenaxe a Olimpio Arca Caldas. Un mestre do pobo

Cj5KHqvWYAE4nFR.jpg:large

Vimianzo: 3ª excursión do Roteiro paisaxístico-literario Costa do Solpor

AV-Costa-do-Solpor-copia-2O sábado 28 de maio terá lugar o terceiro Roteiro Costa do Solpor, organizado polo CAFI, ao que asistirán arredor de 50 profesores, que acuden de diversos puntos de Galicia (Monforte de Lemos, Vigo, Baiona, Santiago de Compostela…) e que, ao longo de todo o día, percorrán os principais espazos nos que se desenvolve a novela, co seguinte programa:
– Relator: Xosé María Lema Suárez.
– Acompañarannos: Alexandre Nerium e Miro Villar.
– Saída diante do Concello de Vimianzo ás 9:30
Percorrido:
– Vimianzo
– Ruínas do Pazo de Boallo (Berdoias-Vimianzo)
– Paso polo lugar onde estivo a Casa do Camiño de Vilar de Toba (Cee)
– Praia da Langosteira (Fisterra)
– Porto de Fisterra
– Cabo de Fisterra
– Corcubión
– Cabo Touriñán
– A Casa do Crego Sabio (en Santa Mariña de Coucieiro) e a Parroquia de San Cibrán [de Vilastose]
– A Furna da Buserana e a [Praia] da Arnela
– A vila fantasma cun nome maldito
– A ponte da Ponte do Porto
– O Cabo Vilán
– Costa Norte do Concello de Camariñas: do Cabo Vilán a Santa Mariña.

Miriam Ferradáns gaña o XX Certame Francisco Añón de poesía

Francisco Añón 2016 1Francisco Añón 2016 2Francisco Añón 2016 3-0-0

Convocatoria de textos literarios éditos ou inéditos para o Pico Sacro

“Santiago de CompostelaPicoSacro, 30 de marzo de 2016

Estimada/o amiga/o:

A través deste escrito convídamoste a participar nun proxecto editorial que xorde por iniciativa da Asociación Cultural “Mestre Manuel Gacio” (http://www.aaccmestremanuelgacio.gal/) e que coordinamos os escritores Xosé Manuel Lobato, presidente da entidade, e Miro Villar.

O noso obxectivo vai ser a publicación dunha antoloxía literaria, cuxos beneficios económicos (se os houber) serán integramente destinados ás campañas da devandita entidade para a divulgación do patrimonio do Pico Sacro.

A achega de cada escritor/a será un texto literario (poema ou relato) xa publicado ou orixinal e inédito que mencione ou se inspire no Pico Sacro. Se se tratar dunha novela débese extractar un fragmento significativo.

Xa temos compilado algúns textos literarios, mais cómpre agrandarmos o volume para crearmos unha obra importante na cantidade e na calidade textual.

A extensión e a forma dos textos ten absoluta liberdade, porén recomendamos que a colaboración non exceda da páxina nas narracións e dos 100 versos nos poemas e a poder ser escritos en caracteres Times New Roman a tamaño 12.

E cada autor/a debe ceder todos os dereitos de reprodución do texto literario para esta edición, o que non será impedimento para que poida dispoñer do texto da súa autoría para o publicar noutro libro propio ou colectivo.

A fin de irmos organizando todo o material que integrará o volume, cómpre que nos fagas chegar, o antes que che sexa posíbel, a túa creación. Se desexas participar neste proxecto, o prazo de envío remata o vindeiro 30 de xuño.

Os textos literarios (publicados ou orixinais e inéditos) deben enviarse a calquera destes dous enderezos:

codinaenxebre@gmail.com

ou

mirovillar@gmail.com

Adiantando a nosa gratitude por colaborares nesta antoloxía, recibe unha aperta atlántica.

Xosé Manuel Lobato e Miro Villar (coordinadores)”

(Fotografía tirada do sitio web da A. C. Mestre Manuel Gacio)

A Coruña: recital de Miro Villar e Ana Blandiana no Ciclo Poetas Di(n)versos

OMiro Villar lunsAna Blandiana 14 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Miro Villar e a poeta romanesa Ana Blandiana. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos decembro 2015.

Manifesto Queremos Galego na administración local de Cee!

DesdeCeeEuQueroGalego-300x212 Crebas, blog de Miro Villar:
A Mesa Pola Normalización Lingüística vén de convocar un acto de apoio ao Regulamento de promoción do uso do galego no Concello de Cee, que foi rexeitado no último Pleno. Para este acto, que vai ter lugar o domingo 15 de novembro ás 12:00 h., diante do Concello de Cee, participei na redacción deste Manifesto que xa conta con moitas adhesións, nomeadamente de xente da cultura e doutros ámbitos da Costa da Morte, e que tamén se pode partillar aquí. E ao que seguirá o luns unha táboa redonda na Casa da Cultura, que contará coa presenza da sociolingüísta e profesora da UdC Pilar García Negro, da profesora de dereito da USC Alba Nogueira López, de Nel Vidal Barral, presidente da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua, e Marcos Maceira, presidente da Mesa.

MANIFESTO QUEREMOS GALEGO NA ADMINISTRACIÓN LOCAL DE CEE!

Gonzalo López Abente, sobranceiro escritor e académico muxián, traballador da banca «depurado» polos franquistas polo seu galeguismo, foi quen de reivindicar a defensa do uso da nosa lingua aínda en pleno vigor do réxime, cando o 27 de xullo do 1941 pronuncia en galego o seu discurso de entrada como membro numerario na Real Academia Galega (RAG) no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co título A Terra e a poesía de Eduardo Pondal. Nun dos seus parágrafos sobre o uso da nosa lingua afirma:
«Non usala nesta hora adicada á sua recordanza non sería doado, mais ben sería un pecado cometido contra o Bardo e contra a terra en que se erguéu altivo e sonoroso como un pino lanzal. (…) que non caia sobre nós a sua condenación cando excrama irado:
A lingua tiveran,
por lingua de escravos;
esqueceran os patrios acentos,
suidosos e brandos,
dos propios acentos,
tiveran vergonza
Gonzalo López Abente aínda conservaba o espírito das Irmandades da Fala (1916), entidades das que axiña imos conmemorar o seu centenario, que naceran para visibilizar a nosa lingua en todas as vilas e cidades galegas, na procura de novos ámbitos de prestixio, de socialización e de uso.
A día de hoxe existen outros colectivos e persoas (dos propios acentos, / tiveran vergonza) que se encabuxan en lle poñer atrancos aos temesiños avances da nosa lingua, como é o caso de quen teima en frear unha ordenanza que pretende a normalización do galego no concello de Cee e para iso fan uso de cativos e trapalleiros argumentos sobre a suposta marxinación do castelán.
Unha ordenanza que só pretende favorecer actitudes positivas a prol da normalidade no uso da lingua galega, que os máis recentes inquéritos oficiais sinalan en constante devalo no seu uso, por mor da ausencia de medidas e de políticas de protección.
De pouco serve que todos os partidos con representación parlamentaria asinasen unha Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega, na que se insta a votar a favor do impulso mínimo á nosa lingua galega para desenvolver disposicións legais como a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego.
De pouco serve se isto non vai acompañado de políticas activas, que promovan o empoderamento da lingua galega, para a converter en lingua de comunicación habitual na administración e nos servizos públicos, na educación, na sanidade, na xustiza, nos medios de comunicación, no comercio, na industria ou en calquera ámbito.
Hai que darlle a volta ao menosprezo de quen queren coutar a nosa lingua máis unha vez ao ámbito coloquial e familiar, coma acontecía no franquismo, e para iso cómpre defendermos os dereitos lingüísticos con lexislación como a proposta para a súa aprobación no concello de Cee e, despois, con medidas activas e orzamentos axeitados para facermos do galego un idioma natural na súa comunidade de falantes.
Caso contrario, han continuar os prexuízos sobre o uso da nosa lingua que están a favorecer a perda da súa transmisión interxeracional e, como consecuencia, a desgaleguización dunha parte da nosa mocidade e da sociedade no seu conxunto.
Como xa ben dicía Gonzalo López Abente, nun artigo publicado na revista Nerio (Corcubión, 1921): «A fala nai, abafada moitas veces por fillos desleigados, e esquecida as máis, por fillos inconscentes; uns e outros desexosos, ao parecer, de dar terra á vella que aínda gusta das tradicións e do arrescendor das mazáns gardadiñas nas lacenas, antre a roupa branca».”