A coraxe de se dedicar á escrita

ReportaxeBienal Literaria PEN Clube 1 de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“O propio encontro de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Nélida Piñón e máis o presidente do Pen Club, Luís G. Tosar, fixo da clausura da Bienal Literaria que se desenvolveu na Cidade da Cultura unha cita inusual por xuntar algúns dos nomes máis representativos da nosa literatura. (…)
Mostraron que o oficio da escrita se asenta en trabes febles, nun grande entusiasmo mais tamén nunha dúbida que case nunca se converte en seguridade. A propia Nélida Piñón, cunha manchea de premios e recoñecementos definiu o feito creativo como unha emoción única. “Todos nós temos a ilusión de que ao menos algún conto, algún poema, perdure. Estamos celebrando a literatura, celebramos que os escritores son capaces de perdurar, de escribir sen garantías”, dixo da súa experiencia na creación dunha obra da que manifestou non ter nunca certeza da permanencia, da capacidade de provocar a emoción de quen a lea. (…)
E da mesma maneira que o noso Adrián Solovio andou arredor de si da man de Otero Pedraio, Rivas referiuse ao autor do Manifesto antropófago, Oswald de Andrade, que fuxiu de Brasil a París con vontade de ser cosmopolita para acabar descubrindo na capital francesa que o que deixara era o mellor país do mundo. “Somos anfibios e a nosa literatura tamén, é un xeito desa denominación do local/universal ao que lle acae un aforismo que Miguel Torga dixo nun debate, “mais que é o universal senón o local sen paredes?””, relatou o autor de Os libros arden mal. “Un libro ten que golpear”, sinalou o escritor máis coñecido da nosa literatura quen defendeu, á maneira tamén de Piñón no feito creativo a “valentía, a coraxe para se adentrar sempre na descuberta”. (…)
“Cando cheguei a vello dinme conta de que o meu peor inimigo era a saudade, que a miña vida era un pelexar continuo contra ese sentimento que pode desfacernos”, comezou Xosé Luís Méndez Ferrín, que manifestou saudade tamén “de palabras coas que medrei e estou vendo morrer, soidá, morriña… palabras que desaparecen, que se van extinguindo e que determinan este estado de ánimo”, dixo. Talvez por iso aceptou o convite de Luís G. Tosar de relatar o capítulo no que o Pen internacional o designou como escritor perseguido do ano 72 nesta ocasión na que se conmemoraba o 25 aniversario da constitución da sección galega.
“A policía estaba perseguíndome polas miñas actividades políticas mais o pretexto foi acusarme de escribir unha novela, que non se publicou nunca. Foron collela a miña case e, a pesar de estar inédita, o tribunal de orde pública acusoume con dous anos de prisión. Son o único escritor da península que estivo en prisión por escribir un texto literario que non se publicou”, relatou, dunha novela que continúa sen saír á luz e, pola súa vontade, non sairá impresa mentres viva. (…)
“Seguiremos mantendo a idea de liberdade e literatura que coincide coa idea que teñen os que a fixeron grande e seguirán tendo os que veñan, porque hai futuro”, dixo Tosar, ao tempo que anunciou a preparación da obra completa de Úrsula Heinze, unha das trabes da creación do Pen galego. (…)”

Santiago: VI Bienal Literaria en Compostela

Bienal Literaria PEN Clube 1Bienal Literaria Pen Clube 2

Ars dedicandi: Nélida Piñón

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“A autora de A República dos Sonhos asinou hai case trinta anos este libro en Montreal a un seu amigo que hoxe tamén a acompañará na entrada á RAG. A escritora estampou naquela dedicatoria non só o seu afecto polo poeta Luís González Tosar, senón tamén o inmenso amor por unha terra que hoxe a recibe con honores na súa máis simbólica institución.”

ars-dedicandi-Nelida-Piñón

Ingreso de Nélida Piñón como Académica de Honra na Real Academia Galega

DesdeNélida Piñon a Real Academia Galega:
“O discurso fúnebre de Pericles e os relatos do avó Daniel ao pé da lareira ostentan unha xerarquía semellante no altar literario de Nélida Piñón, quen atopou na experiencia da emigración, coñecida en segunda persoa a partir do relato dos seus pais, emigrantes galegos no Brasil de primeiros de século, un tema preferente na súa escrita, que había cristalizar en 1984 coa publicación d´A República dos Soños.
A nova académica literaria da Real Academia Galega centrou boa parte do seu discurso de ingreso na descrición do seu proceso de descuberta e coñecemento de Galicia e, nomeadamente, do lugar natal dos seus pais, Cotobade (Pontevedra). O contacto con esta realidade e eas súas xentes dotouna dun novo sentido literario: “obrigando-me moralmente a lhes atribuir uma vida romancesca com o propósito de resgatá-los da obscuridade em que viveram”.
Pola súa parte, o membro de número da Academia Ramón Villares, logo de definir a Nélida Piñón como unha escritora “transcontinental” que soubo trenzar na súa escrita as dúas beiras do Atlántico, describiu A República dos Soños como unha epopea migratoria que contribuiu a resituar a importancia da emigración na conformación da identidade brasileira.
O discurso de Nélida Piñón pódese descargar aquí.”

Nélida Piñón, académica de honra da RAG

Desde a Real Academia Galega:
“Na sesión plenaria da Academia celebrada o 28 de marzo, a escritora brasileira Nélida Piñón foi elixida membro de honra de Academia.
Para alén do seu recoñecemento internacional que innúmeros premios, galardóns e distincións en países Latinoamericanos así como en Galicia, España, Francia ou Portugal acreditan, esta figura das letras e da acción cívica brasileira acolle un valor singular para a Real Academia Galega non soamente pola reivindicación explícita, pública e reiterada, da súa orixe galega, senón por situar a mesma en termos contemporáneos, é dicir, como constituínte da súa identidade persoal, expresiva e intercultural.
A maior abondamento, esta escritora -referencia na listaxe de finalistas á candidatura ao Nobel de Literatura- é unha intelectual que toma posición a prol da cultura e a lingua galegas, cualificando esta como “lingua de seu, soberana”. Velaí a súa participación activa en diferentes eventos e manifestacións culturais en Galicia e na promoción da versión galega de obras como A República dos Soños, unha novela que os estudosos e estudosas cualifican como a literatura con maiúsculas da nosa emigración que, ademais, é a obra máis premiada da autora, tanto pola crítica como por institucións e asociacións profesionais.”

Cuestionario Proust: Manuel Bragado

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Manuel Bragado.

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A paciencia, aínda que tamén a perdo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A vontade e a tenrura.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A sinceridade e a lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión, quizais por pretender facer máis do que o tempo permite.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Viaxar polo mundo coa miña muller e a miña filla.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perdelas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Síntome un privilexiado por realizar o traballo de editor.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que teño a fortuna de vivir.
10.– A súa cor favorita?
– Azul celeste.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia.
12.– O paxaro que prefire?
– A andoriña.
13.– A súa devoción na prosa?
-Ademais dos narradores e narradoras que edito, Rafael Dieste, Carlos Casares, Anxo Rei Ballesteros, Nélida Piñón, Bernardo Atxaga, Julio Cortázar, Ian McEwan, Margaret Atwood, Tabucchi, Jean Echenoz, Thomas Bernhard, Enrique Vila-Matas, Eduardo Mendoza, Isaac Rosa, Rafael Chirbes e moitos e moitas máis…
14.– E na poesía?
– Federico García Lorca, Ramiro Fonte, Antonio Gamoneda, José Ángel Valente…
15.- Un libro?
– Nunca hai un só libro. Marcáronme moito algúns dos que lin na adolescencia e que sei non revisitarei. Ao longo da vida cada lector percorre un camiño de lecturas único e irrepetible. O último libro que me entusiasmou foi O livro das horas de Nélida Piñon.
16.– Un heroe de ficción?
– Un dos moitos detectives literarios que admirei.
17.– Unha heroína?
– Hélène Jans, a protagonista de Herba moura de Teresa Moure.
18.– A súa música favorita?
– Gosto da MPB, conta con xenios como Paulinho da Viola ou Antònio Carlos Jobim.
19.– Na pintura?
– Aposto pola plástica galega, Colmeiro, Antón Pulido, Menchu Lamas, Antón Patiño, Antón Sobral, Guillermo Monroy, Xosé Freixanes, Fino Lorenzo …
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os heroes anónimos, como o persoal educativo e sanitario ou todas as persoas que se ocupan dos coidados persoais a outros seres humanos.
21.– O seu nome favorito?
– María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Respecto os hábitos doutras persoas, aínda que non soporto os comportamentos que supoñan abuso.
23.– O que máis odia?
– Incomódame a intransixencia e o fanatismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de todos os ditadores.
25.– Un feito militar que admire?
– Creo que ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don de linguas, do que carezo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Consciente e acompañado polas persoas que me queren.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Esperanzado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Esa vaidade “tan humana”.
30.– Un lema na súa vida?
– “Aposta pola hipótese máis favorable en cada momento”.”

Nélida Piñón: “O galego é unha lingua de seu, soberana, distinta do portugués”

“Estou moi cansa. Erguinme ás catro da mañá e non durmo ben dende que saín do Brasil”, advirte Nélida Piñón (Vila Isabel, Río de Janeiro, 1937) ao comezo deste encontro. Leva case toda a semana promocionando o seu novo libro, Corazón andariego, publicado en castelán por Alfaguara, e o esgotamento reflícteselle no rostro, pero non afecta ao seu carácter aberto e falador. Nunha conversa que mestura galego, portugués e sobre todo castelán, tres linguas que a autora d’A república dos soños considera como entes diferenciados. Nesa Babel na que todo se entende, a escritora fala, coma se nunca o contara antes, de como a memoria construe unha ficción co pasado de un, ou de como unha visita a unha Galicia “fabuladora” con dez anos cambiou a súa visión da vida.[Ler entrevista completa de Arturo Losada a Nélida Piñón en Xornal de Galicia]