A letra con música entra

Entrevista en Sermos Galiza:
“A referencia tomouna Xurxo Souto de Luísa Villalta quen, no seu libro O outro lado da música, a poesía, explica a historia da literatura galega en clave musical. Ao seu carón tiña a tres das persoas que máis están a revolucionar o panorama musical dos novos tempos. O Leo, de Leo e Arremecaghoná, María Xosé Silvar de Sés e Miguel Mosqueira das Ataque Escampe, que viña de conmemorar o décimo aniversario do grupo. Coñecidas polos seus traballos e polas actuacións en locais diversos, Xurxo revelou un dato que moi pouca xente sabe: licencíaronse en filoloxía. “A literatura é vida e a música é unha das pontes”, comentou O Leo para iniciar o debate. “Necesitamos fórmulas de afirmación identitaria e se son lúdicas mellor” espetou María para quen as cancións fan que “a xente interiorice contidos que doutra forma non faría”. A corpo aberto Sés teorizou coa mesma forza que canta os seus temas e dixo que “a lingua ten unha dobre condición como idioma e como elemento cultural no que o pobo se reafirma e isto en nacións sen estado como a nosa é moi importante”. Temperou o debate Miguel Mosqueira ao falar de música e literatura como “códigos distintos, quen escribe a letra dunha canción non ten que facer un bo poema”. Tamén a distancia se mide na rima. “Na poesía do século XXI será un un por cento a que ten rima consoante e as cancións que non a teñen serán tamén un un por cento, a poesía ten outra liberdade” afirma o músico das Ataque. Pero aí estaba María Silvar para volver achegar os rexistros e recomendarlle ler á xente que fai letras. “Non hai razón para non facer unha boa letra para unha canción agás a incapacidade. Se queres facer música, pois escoita música e se queres escribir letras, pois le”. Así de claro. (…)”

Santiago: XXII Xornadas de Lingua e Literatura

Está aberto o prazo de matricula das XXII Xornadas de Lingua e Literatura. A actividade ten servido, ao longo dos derradeiros 22 anos, como lugar de intercambio de experiencias, de presentación de recursos ou como foro de debate dos principais problemas que afectan á docencia de Lingua e Literatura, sen esquecer nunca a problemática sociolingüística. As Xornadas terán lugar os próximos días 20 e 21 de abril na Facultade de Ciencias da Educación (Xoán XXIII, s/n) de Santiago de Compostela.

PROGRAMA

Venres 20
16:30 h. Entrega de material.
17:00 h. Inauguración.
17:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro á luz dunha biografía. Ramón Nicolás Rodríguez, profesor e crítico literario.
18:30 h. Correlingua: O alumnado como protagonista dunha ferramenta normalizadora.
19:00 h. EL Producións artísticas, compañía de teatro residente no Tal-Teatro Arte Livre de Vigo. Representación da obra de teatro: Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val.

Sábado 21
– De 10:00 a 11:00 h. Seminarios:
* A autora fala da súa obra. Olga Novo, escritora.
* O cartel como elemento normalizado. Pilar Ponte, profesora de lingua e literatura galegas.
* Proposta didáctica para traballarmos nas aulas coas SMS e outros soportes comunicativos. Estefanía Mosquera Castro, filóloga.
– De 11:15 a 12:15 h. Seminarios:
* O autor fala da súa obra. Miro Villar, escritor.
* Presenza das mulleres na literatura galega. Mercedes Queixas Zas, profesora de lingua e literatura galegas e crítica literaria.
Proxecto Ríos de Lingua e Cultura. Iniciativa de recollida e divulgación de nomes populares asociados aos ríos. Virxinia Rodríguez Álvarez, presidenta de ADEGA, coordinadora do Proxecto Ríos.
12:30 h. Mesa redonda: Música e literatura. Xurxo Souto, Sés, Leo de Leo e Arremecaghona e Miguel Mosquera de Ataque Escampe.
13:30 h. Presentación do proxecto xornalístico Sermos Galiza. Presentación da rede socioeducativa Belvís.
16:00 h. Conferencia: Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética de Valentín Paz Andrade. Carlos Callón Torres e Paulo Filgueiras Fachal, profesores de lingua e literatura galegas.
17:30 h. O grupo de teatro da Sociedade Cultural MEDULIO (Ferrol) representa o espectáculo O mundo segundo Rosalía de Castro, como homenaxe e celebración dos 175 anos do nacemento da nosa escritora fundacional. Consiste na escenificación de poemas rosalianos pertencentes a Cantares Gallegos e Follas Novas. Este espectáculo demostra a potencialidade da poesía de Rosalía para a escena e a súa impresionante actualidade, alén de indicar camiños e suxestións para o profesorado e o alumnado achegarse a ela.

Matrícula:
– Socios/as da AS-PG e afiliados/as da CIG-Ensino: 15 €
– Desempregados/as: 36€
– Normal: 60€

Inscrición: Na páxina da AS-PG ou en CIG-Ensino, apartado de formación.

Homologación: Está solicitada a homologación á Consellería de Educación por 10 horas lectivas. Para a obtención do certificado será necesario acreditar unha asistencia de, cando menos, o 85% da totalidade da actividade.

Santiago: Celso Emilio e a dignidade da terra, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 14 de abril, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro e a dignidade da Terra, autor dalgún dos títulos que deixaron unha máis fonda pegada na literatura galega contemporánea, como Viaxe ao país dos ananos, Onde o mundo se chama Celanova, O soño sulagado, e sobre todo Longa noite de pedra, estandarte profusamente musicado desde a nova canción galega dos anos 60’ ate os nosos días. En 2012 conmemoramos o centenario do seu nacemento. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Ramón Nicolás Rodríguez. Profesor e crítico literario. Realizou diversos traballos sobre Celso Emilio Ferreiro e ten a piques de publicar unha biografía sobre o celanovés.
13:00 h. Labregos do Tempo dos Sputniks (35 minutos). Tres colosos do punk (O Leo), do hip hop (García Mc -Dios Ke Te Crew-) e do ska (Vero –Xenreira-) conflúen nunha das bandas máis poderosas da escena musical galega actual, en tributo aos versos de Celso Emilio.

Presenta: Luís Ferreiro, fillo do poeta e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Vigo: nova edición de A hostia en verso

O sábado 14 de xaneiro, ás 22:00 horas, no Bar Hipólito (Avenida de Castrelos, 26) de Vigo, terá lugar unha nova velada poética de A hostia en verso, que nesta ocasión enfrontará a Aliens Vs. Predators. Da man das poetas presentadoras da gala María Lado e Lucía Aldao os asistentes poderán decidir cal das dúas bestas primixéneas será a que poña fin a este mundo. Para a defensa de cada bando contarase coas poetas: Ledicia Costas, Nolim González, Edu Estévez, María N. Soutelo, O Leo de Matamá e Daniel Landesa. Coa actuación musical de Mig Seoane.

Debate, proxección audiovisual e novos libros sobre Lois Pereiro

O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa (R/ San Pedro, 24) de Santiago de Compostela, terá lugar un evento, baixo o título Lembrando a Lois Pereiro, no que participarán Xosé Manuel Pereiro, O Leo, Iago Martínez e Daniel Salgado, moderados por Alberto Ramos. Antes da conversa, está previsto que se proxecte un fragmento da peza artística Corporal (je t’aime), proxecto baseado nunha idea de Antía Otero e Carlos Neira, a partir de poemas de Lois. Desde Cultura Galega.
Esta nova coincide coa saída de dous libros sobre o autor a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas: Lois Pereiro. Dicionario de sombras, de Antón Patiño, editado en Espiral Maior, e o catálogo da exposición Quen corta os fíos do soño?, publicado pola Fundación Luís Seoane. Desde a páxina oficial de Lois Pereiro.

Lugo: Letra das Festas. Historias do San Froilán

O mércores 12 de outubro, ás 19:15 horas, na Praza do Campo Castelo de Lugo, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a coordinación e presentación de Antonio Reigosa, vogal de Literatura de Tradición Oral, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza esta revista de literatura oral ao vivo, coa intervención dos narradores/as orais Elba Requeijo, de Abadín, que recitará romances tradicionais, e Ángel Rivas Veiga, veciño de Orxas (A Pastoriza), para contar algúns contos populares. Dalgunhas historias e anécdotas do San Froilán faláronos o xornalista de Radio Lugo, Paco Nieto, e dos cartaces e programas de festas, o investigador Fernando Arribas. Da literatura, coa lectura de textos referidos ás festas, encárgase Isidro Novo. E na parte musical actuarán Daniel Pando, xove tocador de trompa da Fonsagrada, e Leo i Arremecághona, proxecto musical de Leonardo Fernández Campos, artista polifacético, filólogo, poeta e cantautor punk.

Vídeo da mesa redonda Crear desde a ventá, no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Vídeo da mesa redonda Crear desde a ventá, coa participación de Ana Cibeira, Estíbaliz Espinosa e Leo Fernández Campos, presentados por Antía Otero, dentro do VI Encontro de Escritoras/es Novas/os. Da tinta á pegada dixital, celebrado na Coruña o pasado 17 de setembro:

Vigo: nova edición de A hostia en verso, Neofalantes VS. Paleofalantes

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na A. C. Bou Eva de Vigo (Rúa Terzo de Fóra, 11), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. O día internacional da tradución inspirou esta pelexa, que enfrontará a Neofalantes VS. Paleofalantes. Os poetas-púxiles que participarán nesta intensa velada son: Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Neves Soutelo, Nolim González, Eduardo Estévez e Ledicia Costas, presentados por María Lado e Lucía Aldao. Todo isto estará amenizado por O Leo i Arremecághona!