Arquivos da etiqueta: Olga Patiño Nogueira
A Coruña: Espazo compartido, no Día das Letras Galegas
Neste esvaradío universo de multiples historias a imaxe non é o que está diante, senón detrás, ou máis aló, na fuxida, cara a unha existencia imaxinaria, son trazos de soños esquecidos. Foi unha tarde de liñas onduladas na que un fato de amigos/as apoiamos incondicionalmente a idea que tivo Xabier Docampo para festexar o -Día das Letras Galegas- (sen institucións de por medio) na cidade de A Coruña. O proxecto era moito máis que un xogo de equilibrios. Movérmonos sen “pasaporte”, tentar convertérmonos nun vector de forza cara a cultura do noso país, neste intre de ar asfixiante, enrarecido polo despropósito dunhas medidas que sempre van na contra dos máis desfavorecidos. A capacidade de resistencia e reacción atópase estreitamente unida ao vigor cultural dunha sociedade formada por cidadáns que non vasalos. Unha sociedade onde a clase dirixente (enténdase política e poderes fácticos) acouta o territorio da educación, sanidade e cultura está sementando vulnerabilidade e desasosego, e como consecuencia, ignorancia e medo. Un país sen cultura-liberdade-igualdade é un país bárbaro, escuro, enchido dun primitivismo perigoso que pode levármonos a incontabeis noites de inmsonio nun pozo sen fondo. Un grupo de persoas relacionadas co mundo da creación artística imos procurar unha caixa de luz para compartila con outros/as habitantes desta cidade que asoma ao mar. Unha caixa de palabras e sons que non sexan fotogramas borrosos da nosa identidade. Para celebrar o Día das Letras Galegas o 17 de Maio do 2012, tentaremos levar a cabo un estalido de luz que agrome na sombra da sombra. Percorrer espazos na procura doutros/as moradores deste destartalado planeta coa fin de ollármonos preto uns dos outros, procurando albiscar nas distancias curtas o escintileo que aínda habita neste asteroide á deriva. Hai que procurar unha esperanza para seguir loitando, para que non consigan matarnos os soños: o cabalo branco alado que trote-voe á beira da escuma unha noite de verán de lúa chea, onde as ondas sonoras sexan a banda musical, e o canto dos grilos o chamen a voar cara ao bosque ata dar alcance ao raio de lúa que esvara nun claro inesperado. Verémonos o 17 de Maio na area máis orgánica, borrando lindes nunha superficie compartida. Imos facelo dende a lingua dos nosos antergos, sen prexuízos, nin complexos, cadaquén dende as súas referencias, amosaremos atmosferas envoltas no bafo da nosa terra, a pegada identitaria do que fomos, somos e seremos : un pobo fértil de infindas posibilidades. Porén deste mundo disparatado, cavaremos alí onde pareza imposíbel, sempre se precisa xente máis heroica que un mesmo!
Datos do percorrido: Comezaremos o traxecto ás 19:00 horas na rúa Troncoso para rematar na rúa da Estrela. Entraremos nos locais previstos de antemán, estes terán un cartel identificativo; despois dun saúdo preliminar, as intervencións consistirán en cantar, ler, recitar ou dramatizar un apuntamento teatral, todas as actuacións serán breves. Agasallaremos aos presentes cun pousavasos con versos de Paz Andrade, a quen está dedicado este ano o -Día das Letras Galegas-. Remataremos ás 23:30 horas diante do Teatro Rosalía de Castro. Pretendemos compartir dun xeito lúdico o -Día das Letras Galegas-
A Coruña: recitado poético en homenaxe a Antón Avilés de Tamarancos e ao Día Internacional da Poesía
O
mércores 21 de marzo, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, terá lugar un recitado poético organizado pola A. C. Alexandre Bóveda co que se conmemora o Día Internacional da Poesía e tamén homenaxear a Antón Avilés de Taramancos. No acto participan, entre outros, Miguel Mato, Henrique Rabunhal, Olga Patiño, Lino Braxe, Dores Tembrás, Xulio López Valcarcel, Diana Varela, Xoán Abeleira ou Xosé Manuel García.
A Coruña: recital poético en homenaxe a Alfonso Abelenda
O venres 9 de decembro, ás 20:00 horas, no Hotel Hesperia (Rúa Juan Flórez, 16) da Coruña, no marco da inauguración da IV Feira de Arte Galega, terá lugar unha homenaxe poética a Alfonso Abelenda, na que participan Pablo Bouza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Dores Tembrás, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela e Eva Veiga.
Santiago: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación
O
xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Fundación Granell (Praza do Toural, s/n) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Xunto a eles, intervirán Mariña Pérez Rei, Iria González e Carlos Arias.
A Coruña: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación
O
xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala de prensa da Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24), preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Ademais dos coordinadores da publicación, intervirá Mariña Pérez Rei e proxectarase unha videocreación poética de catro minutos de duración, obra de de Cristina Ferreiro Real. O acompañamento musical corre a cargo de Brais Morán (guitarra).
Noia: presentación de Luces de soños, de Emilio García Portosín
O
luns 18 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura (Rúa Luís Cadarso, s/n.) de Noia, preséntase o libro Luces de soños, de Emilio García Portosín, presentado por Olga Patiño, Cristina Gufe e Basilio Rodríguez Cañada.
A Coruña: exposición Formas de ver a Bóveda, até o 31 de agosto
Do
xoves 7 de xullo ao mércores 31 de agosto, con horario entre as 16:30 e as 19:30 horas de luns a xoves, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, está aberta ao público a exposición multidisciplinar Formas de ver a Bóveda, composta por obra gráfica, pintura, escultura e manuscritos de artistas, escritores e escritoras de todo o país (estes últimos en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) que acudiron á chamada da Asociación Cultural para expresar como ven eles, 75 anos despois do seu asasinato, a figura de Alexandre Bóveda.
A listaxe de artistas é a seguinte: Ánxeles Penas, Sonia Esturao, Magaly, Deli Sánchez, Jose Luis Busto, Berta Ares, Ana Martínez, Sara Garrote (Chuca), Sabela Baña, Alfredo Constela, Nito Davila, Óscar Carballo, Maria Braxe, Nando Pereiro, Maribel dos Anxos, Iglesias Diz e Nolo Suárez.
A listaxe dos autores dos manuscritos está conformada por: Xavier Queipo, Francisco Castro, Olga Patiño, Ana Arias Saavedra, Alberto Suárez Figueiras, Xosé Vázquez Pintor, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Piñeiro González, Xosé Neira Vilas, Rafael Lema, Afonso Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey, Concha Blanco Blanco, Felipe Senén, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Salvador García-Bodaño, Xoán Xosé Fernández Abella, Lucía Novas e Adolfo Caamaño Vázquez.
A Coruña: recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules
O
martes 12 de xullo, ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Palacio Municipal (Praza de María Pita) da Coruña, terá lugar un recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules, coa participación de: Ánxeles Penas, Luz Pozo, Eva Veiga, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio L. Valcárcel, Olga Patiño, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Mato, Diana Varela e Dores Tembrás.
Vivir un soño repetido. Libro homenaxe da AELG a Lois Pereiro
Co
n motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas, Vivir un soño repetido. Os participantes son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar.
As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (incluíndo versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.
Da conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.
Para visualizar o libro no computador recomendamos o software gratuíto Calibre, que se pode descargar aquí.
Reseñado en Culturagalega.org e Fervenzas Literarias.

