Entrevista
a Olga Patiño en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A poesía, Olga, é esencia e presenza no teu vivir…?
– Olga Patiño (OP): Si, é un xeito de asentamento, de ser e de estar, de ir á procura do mundo a través dun mesmo e dos demais coa maior veracidade posíbel. A poesía é un acto de insubordinación. É un acto de comunicación en liberdade, atopar a luz no medio das tebras que non da noite, a noite pode ser moi clarificadora. A poesía é revelación e redención. Precisamos dun lirismo metafísico para que sobreviva o espírito, para non deixarnos engulir polo baleiro dunha sociedade consumista cos valores invertidos, onde o propio ser humano é o maior depredador da súa propia especie. A poesía ensancha a capacidade da conciencia para enfrontarse á estreiteza dos dominios domésticos. O testemuño poético revélanos outro mundo dentro deste mundo. No espazo poético a busca desa outra voz é incesante, lévanos ao desexo de atopármonos espidos no espello da autenticidade do que somos, ou do que soñamos que somos: illas habitadas por nós mesmos. A forza da palabra é inconmesurábel, eu creo nesa forza, na sedución latente desta. Di Tobias Wolff: ‘Por que ía César temer a Ovidio, se non fora porque sabía que nin a súa divindade, nin todas as súas lexións poderían protexelo dun bo verso?’ (…)
– GH: Procuraches ou procurarás os camiños do ensaio, da narrativa?
– OP: Considero que xa estou na narrativa cos -relatosbonsái- (microrrelatos). Pechar en poucas liñas unha visión transcendente do mundo, seméllame cativador. Ao fin e o cabo o microrrelato achégase á poesía (poesía en movemento), moita intensidade en pouca extensión, son contos concentrados ao máximo. O haiku é para a poesía o que o microrrelato para a prosa. A animación é o que distingue, en certa medida, o microrrelato da poesía, e tamén, unha certa vontade metaliteraria. Déixalle ao lector unha parte importante do traballo.”
Arquivos da etiqueta: Olga Patiño Nogueira
Emma Pedreira gaña o XIV Certame de Poesía Concello de Carral, con Libro das mentiras
Emma Pedreira,
coa súa obra Libro das mentiras resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do 2011. O xurado resalta da obra gañadora a súa orixinalidade, facendo un diálogo e reescritura dos contos tradicionais infantís; a súa expresividade, cunha gran brillantez das figuras literarias e un gran equilibrio entre contido e continente, un ton auténtico e fluído, resultando no seu conxunto un libro unitario de corte novidoso, intelixente e reflexivo. O xurado, formado polos poetas Miro Villar, Xulio López Valcárcel e Olga Patiño, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, María Xosé García Fariña, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, quixo resaltar tamén a dificultade coa que contou na deliberación, xa que o nivel literario demostrado nas 53 obras presentadas foi moi alto. Desde a Concellería de Cultura maniféstase a satisfacción de ter batido o record de participación na presente edición, o que ven demostrar o prestixio que lle conceden os escritores a este certame. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2011.
IV Encontro de Pintura e Poesía de Culleredo
O venres 6 de maio, de 10:00 a 20:00 horas, na Aula de Natureza do Xardín Botánico do Burgo (Culleredo), celébrase o IV Encontro de Pintura e Poesía de Culleredo, organizado pola Concelleria de Cultura do Concello de Culleredo, no que participan 50 artistas, poetas, pintores, escultores, acuarelistas e fotógrafos que traballarán sobre pintura e poesía. A xornada está dedicada á Pintura e poesía diante da situación social (cambio climático, revoltas sociais, guerras, abusos, desigualdades, maltrato, fame, etc.). De xeito individual e colectivo os artistas traballarán sobre un poema inedito coa temática anterior, feito para a ocasión polos recoñecidos poetas galegos: Miguel Anxo Fernán-Vello, Yolanda Castaño, Xulio L. Valcárcel, Eva Veiga, Dores Tembrás, Luz Campelo, Pablo Bouza, Diana Varela, Carlos Pereira, Olga Patiño e Lino Braxe. Os artistas plásticos participantes son: Alfonso Costa, Ali Ali, Antón Sobral, Pedro Bueno, Alfredo Erias, Emilio Celeiro, Luísa Valdés, Ramón Astray, Gosia Trebacz, Manuel Gandullo, Isabel Pintado, Manuel Suárez, Lola Beade, Óscar Cabana, Marta Pardo de Vera, Raúl Álvarez, Victoriano Fernández, María Martínez, Nito da Vila, Miguel Melero, Laureano Vidal, José Juncosa, Teresa Faginas, Begoña Tojo e Paco Ascón; os escultores Manuel Patinha, Francisco Escudero, Iria Rodríguez e Enrique Tenreiro; e os fotógrafos Luis Gabu e Fran Torrecilla.
A Coruña: Gala Verbas pola Igualdade
O xoves
17 de marzo, ás 20:30 h., no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con motivo do Día Internacional das Mulleres terá lugar a celebración da Gala Verbas pola Igualdade, organizada pola Comisión da Muller da A. C. Alexandre Bóveda. Na mesma participaran nun recitado poético Olga Patiño e Emma Pedreira, ademais da realización a cargo da actriz Lía Pichel do espectáculo Melmeniñas.
A Coruña: recital de poesía e música con Roberto Reséndiz Carmona
O xoves
10 de marzo, ás 20:15 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o recital do poeta de Zamora de Michoacan (México) Roberto Reséndiz Carmona. No acto participan Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Olga Patiño e o propio autor mexicano, coa compaña dos músicos César Morán e Xosé Taboada.
A Coruña: Caruncho, sete momentos. Homenaxe dos poetas a Luís Caruncho
Crónica posterior en Galicia Hoxe.
A Coruña: presentación de En defensa do poleiro
O
xoves 21 de outubro ás 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, preséntase En defensa do poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos. No acto estarán presentes os representantes da Plataforma, con Xoán Carlos Domínguez Alberte á cabeza, o presidente e secretaria da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas, así como a totalidade dos autores do entorno coruñés que participan nesta iniciativa: Olga Patiño, Diana Varela, Xulio López Varcárcel, Lino Braxe, Paco Souto e Francisco X. Fernández Naval. Expoñeranse tamén as ilustracións da pintura Mané Boán que ilustran o libro e proxectarase o audiovisual: O Iesplicable.
A Coruña: recital poético-musical na exposición “Cada paso conta”
O martes 22 de xuño,
ás 20:00 horas, na Casa Casares Quiroga (Panadeiras, 12) da Coruña, haberá un recital poético-musical, organizado por Acción contra el Hambre Galicia. Nel participan Marica Campo, Francisco Fernández Naval, Olga Patiño e Emma Pedreira, e os compoñentes do grupo folk Citania: Teresa Méndez (violín) e Brais Morán (guitarra). Este acto está enmarcado na exposición CADA PASO CONTA: pintura, fotografía, escultura, poesía, ilustración, artesanía, na que máis de 70 artistas doan as súas obras para loitar contra a desnutrición infantil. A entrada será libre até completar capacidade.
A Coruña: exposición e libro de artista Natureza Haiku
A AELG en Achegarte: Olga Patiño (vídeo)
Entrevista a Olga Patiño na Feira Achegarte.

