


Desde Galaxia:
“O venres 30 de maio, ás 12h00, celebrarase, no Auditorio da Biblioteca Victoriano García Martí, na Pobra do Caramiñal, o acto de presentación da obra Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras, gañadora do VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro 2024.
No acto participarán Patricia Lojo, concelleira de Cultura da Pobra do Caramiñal; Marcos Calveiro, director de edicións de Editorial Galaxia; Chus Blanco, presidenta da Asociación Cultural Barbantia; e o propio autor, Óscar Reboiras.
A presentación contará coa asistencia do alumnado de 5º de Primaria do CEIP Salustiano Rey Eiras, que terá a oportunidade de coñecer de primeira man unha historia chea de maxia e tenrura.”
Desde Galaxia:
“Unha trintena de textos concorreron á sétima edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A distinción recae neste 2024 en Cando o mundo é azul, da autoría de Óscar Reboiras Loureiro.
Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; Pilar Sampedro, vogal da A. C. Barbantia; e José Luis Baños, gañador da sexta edición, conformaron o tribunal encargado de tomar a decisión tras analizalas obras presentadas.
En representación do xurado, Calveiro manifesta que o ditame se toma por unanimidade e destaca a “escrita con sinxeleza e sensibilidade” que aborda os temas da diversidade, o amor, a interxeracionalidade e a redención nunha obra apta para un abano moi amplo do público infantil, que interpela directamente a intelixencia do lectorado. A historia estrutúrase arredor das relacións familiares, en que unha nai e seu fillo recuperan a figura dun avó ausente.
Reboiras xa publicou na obra colectiva Liñas compartidas (2019), o ensaio O cronista imposible: a obra periodística de Wenceslao Fernández Flórez (2019) e a novela A agonía das folerpas (2022). Tamén conta con galardóns en distintos certames.
O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore e o repartimento de exemplares entre a rapazada da localidade, tal e como explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. “Este certame continúa enriquecendo o catálogo de libros en galego para as xeracións máis novas e que así se vaia instaurando o hábito lector na súa rutina diaria”, engade a edil. (…)”

“Antía Yáñez, por As Regras, é a gañadora da XXXIII Edición do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía.
Clara Isabel Rodríguez por As pequenas guerras (terceiro premio) e Óscar Reboiras por Eivas (segundo premio) foron os finalistas.
O acto de entrega contou coa presenza do escritor Henrique Rabuñal e o trompetista Pablo Muñiz e a actuación estelar de Paty Lesta e Cristian Leggiero.
Houbo, igualmente, unha homenaxe a Luísa Villalta, coa colaboración da violinista Nuria Naya.
No acto de entrega contouse coa presenza do xurado, e en nome do mesmo Tensi Gesteira leu a seguinte valoración:
«Nesta 33ª edición do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía o xurado desexa valorar positivamente a calidade das obras presentadas, nas que se abordan moitas temáticas de interese social e cultural, e con moita riqueza estilística e formal.
No relativo aos relatos premiados neste ano, queremos avanzar que tratan temas de relevancia social desde un enfoque pouco habitual, o que repercute na sensación de orixinalidade das obras. Neste sentido, traén-nos a voz de vítimas da violencia e da precariedade social, conseguindo xerar unha empatía que leva as lectoras e os lectores a unha reflexión profunda e positiva sobre os dilemas expostos. Ao tempo, figura o sentido do humor como un recurso de contraste con diversas situacións de opresión, o que fornece un recurso literario de indudábel valor, á par de estruturas accionais ben resoltas e personaxes ben construídas que dan en obras de incontestábel solidez.»”