Os privilexios dos somnámbulos (Alvarellos), de Pablo Bouza

EntrevistaPablo Bouza de Nacho Alonso a Pablo Bouza en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Poema tras poema Os privilexios dos somnámbulos mergúllanos na densidade da noite. Que mostra a noite ao poeta?
– Pablo Bouza (PB): Eu decote escribo polas noites, condicionado polo traballo e pola familia numerosa que teño. Na promoción de Os privilexios dos somnámbulos a editorial fala do aire viciado da noite e a verdade é que me agradou esa definición. Para min a noite está viciada de silencio e gusto del: do silencio na poesía e do silencio na noite.
A noite ten tamén ese compoñente escuro e de sombras, e o libro móvese nese sentido, sobre as sombras que todos temos, no significado máis rosaliano da palabra. (…)
– FL: Principia o poemario un apartado titulado A modo de limiar. Un exercicio de autopoesía onde se mostra transparente ao lector, onde os versos foxen da metáfora.
– PB: Os poemas recollidos nese apartado escribinos moito antes do que é o corpus principal do libro. É verdade que poderían estar noutro lado pero eu quixen introducilos aquí a mantenta porque é poesía moi existencialista: o poeta enfrontándose consigo mesmo. Apetecíame emprazalos nese apartado porque son unha especie de presentación, de limiar do que será o resto do libro, que dan unha visión de min como poeta, tal e como se fose unha poesía da experiencia. Para min a poesía é verdade, e eses son poemas moi sinceros.
– FL: As trabadas do pasado perduran coma unha áncora fendida nas rochas. Ao igual que en traballos anteriores, rescata o acontecido tanto a través da poesía como da memoria, lembranzas que mancan, que se mostran como ese gume frío que nos fere.
– PB: A memoria está presente en todos os meus libros. En Ingrávido signo creo que toma un protagonismo moi especial polo que significa: cando perdes a teu pai parece que un dos piares da túa persoa racha. Decátaste de que ti vas ser o próximo.
A miña certeza é a miña memoria. En todos os meus libros falo da memoria, de conservala. Interésame a memoria pero vivíndoa dende o propio presente.
– FL: Poesía contra o esquecemento. Velaí un acto de valentía, certamente.
– PB: Os tiros van por aí. Interésame e estimúlame moito a memoria de lembrar aos seres queridos que xa non están, pero tamén as paisaxes perdidas. Eu son de Fene, pero meu pai é da Capela, un concello que está preto de As Pontes. Canda neno íamos moitas veces, pero logo pasaron moitos anos sen volver. Cando regresei a ese lugar, e sentín de socate o cheiro da herba recen segada, os silos, o olor das vacas… Tiven un sentimento de pertenza a ese lugar. Iso é memoria.
Con ese exemplo intento explicarche o que é para min a memoria: a sensación de pertenza dentro da miña biografía, dos meus devanceiros, a estar nun sitio, ou en varios sitios, como é o meu caso. (…)”

Coñécense os finalistas dos Premios da Edición 2014

DesdeAsociación Galega de Editores a Asociación Galega de Editores:
Os Premios da Edición naceron para poñer en valor o traballo do sector editorial galego ao longo dun ano. O que os diferencia do resto dos que se convocan no ámbito do libro é que premian a escolla da editorial, recoñecendo esa outra parte de autoría que aportan os editores cando elixen os libros que van editar. O sistema de votación consiste nunha primeira proposta de candidaturas, tres por editorial e categoría, realizada polas empresas que o desexen, e unha segunda na que os editores votan a dúas candidaturas de cada categoría, agás as propias.
O mércores 28 de xaneiro finalizou a fase de votacións e os libros, autores e proxectos finalistas pasarán agora a un xurado composto por un libreiro, unha bibliotecaria, un xornalista, un escritor e un editor, este último sen vinculación coas as empresas editoriais asociadas.
Xúntase a relación dos finalistas das nove categorías.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN 2014
Ícaro, de Federico Delicado, Kalandraka Editora.
A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Edicións Xerais.
Salseiros, de Suso Lista. Edicións Embora.
Somnámbulos, de Suso de Toro. Edicións Xerais.
Dende o conflito, de María Reimóndez. Edicións Xerais.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA OU TEATRO NO ANO 2014
Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro, Kalandraka Editora.
Anamnese, de Eli Rios. Sotelo Blanco Edicións.
Dun lago escuro, de Marta Dacosta. Edicións Xerais.
Atravesar o fantasma, de Carlos Callón. Edicións Xerais.
Os privilexios dos sonámbulos, de Pablo Bouza. Alvarellos Editora.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN ANO ANO 2014
O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval. Ediciones Linteo.
Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI, de Luís Menéndez. Alvarellos Editora
María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970), de Ana Romero Masiá. Baía Edicións.
Á procura da poesía, de Aurora López e Andrés Pociña. Alvarellos Editora.

PREMIO LOIS TOBÍO Á TRADUCIÓN NO ANO 2014
Cidade de Cristal, de Xavier Queipo. El Patito Editorial
Tratado Lóxico-Filolóxico, de Xoán Fuentes Castro. Toxosoutos.
As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.
Ofrenda á tormenta, de Ramón Nicolás. Edicións Xerais.

PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO DO ANO 2014
Erik o construtor de soños, de Dani Padrón. Editorial Bululú.
O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso. Nova Galicia Edicións.
As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.
Ovella descarreirada, de Óscar Villán. Edicións Xerais.
O libro dos bicos, de Nuria Díaz. Edicións Embora.
Leviatán, de Ramón Trigo. Kalandraka Editora.
Feroz o lobo, de Leire Salabarria. OQO Editora.
Elefante comellón, de Marc Taeger. Kalandraka Editora.

PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2014
Reo, de Xesús Fraga. Editorial Galaxia.
A fuxida, de Berta Davila. Biblos
O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso. Nova Galicia Edicións.
Miña querida Sherezade, de Andrea Maceiras. Baía Edicións.
A cociñeira do rei, de Soledad Felloza. OQO Editora.
Non hai berce coma o colo, de Magoia Bodea e outros. Kalandraka Editora.
Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.
Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre. Edicións Xerais.
Xique Xoque, Fiu Fiú, María Fumaça. Editorial Galaxia.
Cuca e o abrigo marrón, Patricia Castelao. Edicións Rodeira.

PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILARELLE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2014
– Colección Emocións (9 títulos), de Mireia Canals/Sandra Aguilar. Baía Edicións.
Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento, de Xosé Ramón Pena. Edicións Xerais.
Quen falta?, de Arianna Papini. Kalandraka Editora.
Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres. Baía Edicións.

PREMIO ROSALÍA DE CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL DO ANO 2014
– Serie audiovisual Cocorico. OQO Editora.
Lemos, cantamos, gozamos… Semana da música infantil nas Feiras do Libro de Galicia. Editorial Galaxia.
Colección Oeste (Divulgación e ensaio) cumpre 10 anos en 2015. Van publicados 18 volumes. En 2014 reactivouse a publicación con cinco títulos novos. Aposta polo xénero moi pouco comercial mais imprescindible, como é o caso do ensaio e a divulgación. Alvarellos Editora.
– Colección Rescate. Cumpre 10 anos en 2015. Van publicados 19 volumes. En 2014 publicáronse dous: O rescate (con máis de 80 poemas inéditos) do poeta Aurelio Aguirre e a biografía de máis de 700 p. de San Francisco de Emilia Pardo Bazán. Estes dous, en coedición co Consorcio de Santiago. En 2008 levara o premio Irmandade do Libro á Mellor Obra editorial do ano. Alvarellos Editora.
– Proxecto europeo Cociña de Contos. OQO Editora.

PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR/AUTORA OU COLECTIVO DE AUTORES EN LINGUA GALEGA NO 2014
– Begoña Caamaño, María Reimóndez e Xurxo Souto.

Carlos López gaña o XL Certame Literario Concello de Vilalba

Desde Fervenzas Literarias:
“O concello de Vilalba entregou os seus premios de poesía, que neste 2014 chegaban a súa XL edición, converténdose deste xeito nun dos máis lonxevos do panorama literario de Galicia.
No acto entregáronse os premios da edición anterior a Pablo Bouza, por Os privilexios dos somnámbulos, como gañador; e a Rafael Catoira, por Navegando cara a Ítaca, como finalista do XXXIX Certame Literario do Concello de Vilalba.
Para esta cuadraxésima edición o xurado do Certame, formado por Darío Villanueva, José Jesús Ramos, Fidel Fernán Vello, Xulio Xiz e José María García-Leira, actuando como presidente, decidiron outorgar por unanimidade o primeiro premio a Carlos López Fernández, pola súa obra Abrindo fiestras en carne viva. Como obra finalista quedou o poeta María Isabel Vázquez Rodríguez, que presentou a súa obra titulada Cinza de estrelas.
Tanto Carlos López como María Isabel Vázquez, ademais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso, verán os seus poemarios publicados pola editorial Alvarellos, que leva dúas edicións editando os traballos gañadores.”

Pablo Bouza gañou o XXXIX Certame Literario Concello de Vilalba

Pablo Bouza Suárez ven de gañar o primeiro premio do XXXIX Certame Literario Concello de Vilalba, dotado con 3000 euros e publicación da obra por Alvarellos Editora, polo seu poemario Os privilexios dos somnámbulos. O xurado estivo composto polo concelleiro de cultura de Vilalba, José María García-Leira, o académico e escritor Darío Villanueva, Fidel Fernán Vello, José Jesús Ramos e Xulio Xiz.
O segundo premio foi para o coruñes Rafael Catoira pola súa obra Navegando cara Itaca.

A Coruña: recital poético en homenaxe a Alfonso Abelenda

O venres 9 de decembro, ás 20:00 horas, no Hotel Hesperia (Rúa Juan Flórez, 16) da Coruña, no marco da inauguración da IV Feira de Arte Galega, terá lugar unha homenaxe poética a Alfonso Abelenda, na que participan Pablo Bouza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Dores TembrásXulio L. Valcárcel, Diana Varela e Eva Veiga.

A Coruña: presentación de Na intimidade do azougue, de Pablo Bouza

O mércores 23 de novembro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), presentación do poemario Na intimidade do azougue, de Pablo Bouza, publicado por Espiral Maior. No acto estará acompañado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Luís G. Soto e Xulio López Valcárcel.

IV Encontro de Pintura e Poesía de Culleredo

O venres 6 de maio, de 10:00 a 20:00 horas, na Aula de Natureza do Xardín Botánico do Burgo (Culleredo), celébrase o IV Encontro de Pintura e Poesía de Culleredo, organizado pola Concelleria de Cultura do Concello de Culleredo, no que participan 50 artistas, poetas, pintores, escultores, acuarelistas e fotógrafos que traballarán sobre pintura e poesía. A xornada está dedicada á Pintura e poesía diante da situación social (cambio climático, revoltas sociais, guerras, abusos, desigualdades, maltrato, fame, etc.). De xeito individual e colectivo os artistas traballarán sobre un poema inedito coa temática anterior, feito para a ocasión polos recoñecidos poetas galegos: Miguel Anxo Fernán-Vello, Yolanda Castaño, Xulio L. Valcárcel, Eva Veiga, Dores Tembrás, Luz Campelo, Pablo Bouza, Diana Varela, Carlos Pereira, Olga Patiño e Lino Braxe. Os artistas plásticos participantes son: Alfonso Costa, Ali Ali, Antón Sobral, Pedro Bueno, Alfredo Erias, Emilio Celeiro, Luísa Valdés, Ramón Astray, Gosia Trebacz, Manuel Gandullo, Isabel Pintado, Manuel Suárez, Lola Beade, Óscar Cabana, Marta Pardo de Vera, Raúl Álvarez, Victoriano Fernández, María Martínez, Nito da Vila, Miguel Melero, Laureano Vidal, José Juncosa, Teresa Faginas, Begoña Tojo e Paco Ascón; os escultores Manuel Patinha, Francisco Escudero, Iria Rodríguez e Enrique Tenreiro; e os fotógrafos Luis Gabu e Fran Torrecilla.

Culleredo: presentación de Ingrávido signo, de Pablo Bouza

O mércores 13 de outubro ás 20:00 horas preséntase na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” no Pazo de Vila Melania en Vilaboa (Avenida de Vilaboa, 42, Culleredo), o libro de poemas Ingrávido signo, de Pablo Bouza, publicado pola editorial Espiral Maior. Participan no acto Celestino Poza Domínguez, Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel, acompañando ao propio autor.

Pablo Bouza gaña o XXXVI Certame Literario do Concello de Vilalba

O poeta de Fene Pablo Bouza Suárez vén de gañar o XXXVI Certame Literario do Concello de Vilalba, dotado con 3000 euros e a publicación da obra, polo seu poemario Na intimidade do azougue, mentres que Martiño Maseda conseguiu o segundo premio coa súa obra Nos labirintos das almas, dotado con 1000 euros e a súa publicación. O xurado estivo composto polo concelleiro de cultura de Vilalba, José María García-Leira, o académico e escritor Darío Villanueva, o xornalista Fidel Fernán e o xefe territorial de cultura en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina, actuando como secretario Xulio Xiz. O poeta de Ferrolterra repite, desta maneira, o éxito da pasada edición, en que tamén gañara o certame.