‘A xeración Lamote ou cando a LIX galega se fixo por fin maior’

Artigo de Iago Martínez en Xornal:
“Hai traxectos que se asocian a u­nha lectura e quedan aí para sempre. A Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) pasoulle cando marchou a Gernika en 1976. Ensinante antes que Premio Nacional de Literatura, o vilalbés pagou no País Vasco unha das peaxes –”feliz”, matiza– que impoñía a carreira docente. Naquel tren que o levaba para alá, recorda agora, ía lendo No cadeixo, un dos primeiros títulos de Paco Martín (Lugo, 1940). Aínda quedaban moitos anos para que Fernández Paz debutase como narrador e moitos máis para que Manuel Bragado, vendo unha foto de Xurxo Lobato na que os dous escritores aparecían xunto a Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946), os alcumase como a xeración Lamote. Para que existise a “feliz creación” do editor vigués era necesario que Ramón Lamote, o personaxe creado por Paco Martín en 1985, se instalase na historiografía como un sinónimo –ou metáfora– da maioría de idade da literatura infantil e xuvenil galega. Nun tempo no que as comunicacións en Galicia eran africanas, bromea Fernández Paz, a renovación pedagóxica era unha tarefa titánica na que traballaban grupos illados de docentes por todo o país. Nun determinado momento, alguén propuxo sumar eses esforzos e centralizar en Santiago o traballo do que logo sería Nova Escola Galega. Verse periodicamente e organizar o ensino progresista daquel presente, aínda máis largo do que a Transición acabaría consentindo. Así empezaron a tratarse Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo, amigos de antes e compañeiros de traballo, con Paco Martín. Para o que ía ser e non foi a Revista Galega de Educación –que sería, pero con outro formato e outros presupostos–, Agustín fíxolle unha longuísima entrevista a Paco Martín. Calquera a atopa agora, resígnase o autor de Cartas de inverno, entre o mundo de casetes que gardan a memoria daquela época no local onde lle fixo sitio en Vigo á súa biblioteca. Son o testemuño, non só da prehistoria da literatura infantil e xuvenil tal e como a coñecemos agora, senón da época en que a renovación pedagóxica intentou tomar as escolas. Das cousas de Ramón Lamote (1985), gravado a lume na memoria infantil de varias xeracións de escolares, ten algo de libro fundacional. Para Agustín Fernández Paz, que tamén acabaría galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como DoCampo e Martín, obviamente en anos diferentes, é a primeira vez que na literatura galega se ensaia o que máis alá dos Pireneos había tempo que se facía. “Era o que nós descubríramos cando en España se empezaran a editar os libros de Michael Ende, Gianni Rodari, Ursula Wölfel ou Roald Dahl”, recorda agora o autor de Non hai noite tan longa. “Paco Martín fixo en Das cousas de Ramón Lamote unha novela galega pero tamén universal. Era o que buscabamos”. A crítica, non só a académica, e os lectores, acabarían dándolle a razón a ese pálpito, tanto polo número de exemplares vendidos como pola proxección internacional e o prestixio crítico da literatura infantil e xuvenil galega. (…)”

AELG: Homenaxe O escritor na súa terra a Paco Martín (Lugo, 2011)

A Homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XVII Edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Paco Martín, que será homenaxeado na súa terra natal, a cidade de Lugo, o sábado 25 de xuño.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de década e media como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado/a a un espazo público ou infraestrutura cultural, neste caso a Biblioteca Municipal do barrio da Piringalla, en construción.

O programa de actos é o seguinte:

11:30 h. Avenida Ramón Ferreiro (Praza da Horta do Seminario).
Plantación da árbore simbólica do escritor e descubrimento do monólito conmemorativo.
INTERVEÑEN:
Cesáreo Sánchez Iglesias. Presidente da AELG.
Mercedes Queixas Zas. Secretaria xeral da AELG.
• Paco Martín.

12:30 h. Salón de Plenos do Concello de Lugo.
Acto de entrega da “Letra E” e anuncio da inauguración da Biblioteca do Barrio da Piringalla co nome de Paco Martín.
INTERVEÑEN:
• Alcalde de Lugo.
• Mercedes Queixas Zas. Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias. Presidente da AELG.
Alejandro Tobar: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Paco Martín.

A Asociación de Escritoras e Escritores convida á cidadanía de Lugo a acompañar ao autor nestes dous actos.

A organización conta co apoio do Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Consellaría de Cultura e o Centro Español de Dereitos Reprográficos.

Repercusións mediáticas posteriores: Galicia Hoxe, El Progreso.

Lugo: Encontro Escritor@s polo territorio

O sábado 11 de xuño, no Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, terá lugar o Encontro Escritor@s polo Territorio, convocado por ADEGA, no que os escritores convidan a toda a cidadanía interesada a participar neste encontro, enriquecendo deste xeito o debate, e achegando novas visións dos temas tratados, ofrecendo un lugar de participación para todas aquelas persoas con inquedanzas sobre o territorio que habitan. O programa é o seguinte:

– 09:30 h. Inauguración da xornada, por Virxinia Rodríguez, presidenta de ADEGA e Antón Bao, Vicepresidente 1º da Deputación de Lugo.
– 10:00 h. Mesa de debate: A literatura oral do territorio. Nesta mesa analizarase a literatura e tradición oral, a importancia da súa conservación, a súa defensa e o seu vencellamento ao territorio. Con Ana Carreira e Xoán Ramiro Cuba. Modera: Antonio Reigosa.
– 11:00 h. Coloquio – Debate.
– 11:30 h. Actuación do coro LUGH dirixido por Fernando García Jácome.
– 12:30 h. Mesa de debate: Os nomes do territorio. A Toponimia. Aquí abordarase o tema dos cambios producidos na Toponímia galega; cidades, pobos, parroquias….a súa deturpación e a desfeita cultural que isto supón, desde o punto de vista da Tradición Oral, a Arqueoloxía ou a Historia. Con Xulia Marqués e Gonzalo Navaza. Modera: Xosé Miranda.
– 13:30 h. Coloquio – Debate.
– 16:00 h. Mesa de debate: Cambios no uso da Cidade. Por medio da narración das experiencias vitais de tres escritores pertencentes a diferentes xeracións (1940, 1951, 1975), dos seus recordos do uso da cidade para o xogo o traballo, a vida cotiá, obteremos unha visión do cambio producido no territorio urbano nos últimos 75 anos. Con Paco Martín e María Reimóndez. Modera: Isidro Novo.
– 17:00 h. Coloquio – Debate.
– 17:30 h. Actuación de música galega.
– 18:00 h. Mesa de debate: O meu territorio na miña literatura. A través de diversos autores, faremos un percorrido polas diferentes percepcións que teñen e tiveron das cidades onde se sitúa a súa obra literaria tendo deste xeito unha visión de como se manifestan os cambios das cidades na literatura. Con Pilar García Negro e Adela Figueroa Panisse. Modera: Xurxo Souto.
– 19:00 h. Coloquio – Debate.
– 19:30 h. Conclusións e Clausura do Encontro. Os moderadores; exporán as conclusións de cada unha das mesas de debate. Posteriormente procederase á clausura do Encontro.

Reseña posterior en Galicia Hoxe.

Ferrol: charla coloquio na Feira do Libro sobre Juan Farias, con Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín

Dentro do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, o venres 8 de abril, na Carpa onde se ubica a exposición Juan Farias. Un mar de palabras e de imaxes sobre o escritor e ferrolán universal (aberta durante toda a Feira até o domingo 10), terá lugar, ás 19:45 h., a charla coloquio Juan Farias e a literatura infantil en Galicia, na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín.

Paco Martín: ”Terra Chá é a bisbarra do mundo que dá máis escritores por ferrado”

Entrevista a Paco Martín en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Como respiran os libros para nenos en galego? Poden competir con calquera outro idioma?
– Paco Martín (PM): Estou orgulloso de compartir espazo con Xabier, Agustín, Manuel María e Darío, polo de agora, nomes aos que podemos engadir unha chea deles o que dá idea clara de que os libros en galego, tamén os que son para nenos, respiran con idénticos folgos que os de calquera outra fala e non precisan de competicións para demostralo.
– EP: Como valora a literatura galega? Costa saltar fronteiras? Ten o recoñecemento que merece?
– PM: Non é doado facer valoracións de algo que case sempre xoga en campo alleo e moitas veces co árbitro en contra, pero a literatura galega, a que nace en galego, cos altos e baixos normais en toda actividade, mantén un moi digno nivel aínda que, por ser este noso un idioma minorizado por razóns ben coñecidas, en determinados estamentos móvese con moita máis dificultade da que debera. (…)
– EP: Que opina das novas tecnoloxías? Publicaría en dixital ou prefire manter as súas letras nos libros?
– PM: Están aí e é bo que estean. De feito xa asinei algún contrato editorial por se fose o caso. De momento os dous soportes son compatibles…, claro que o meu segue a ser o papel.
– EP: Preoucupado polo galego, que opina da súa situación nas aulas?
– PM: Como ben di Eduardo Galeano, as cousas están tan desastrosamente mal que non nos podemos permitir ser pesimistas. E a ese optimismo forzoso é ao que nos debemos agarrar. A descarada falla de sensibilidade e de respecto que as autoridades académicas, e moitas das outras, están a demostrar agachando a súa pobreza de miras con desculpas nada convincentes por incertas, unidas á teimuda ignorancia dunha parte da sociedade, dificultan en moita medida a boa marcha de algo que debera ser, como noutros lugares é, do máis natural. As novas xeracións teñen a obriga de se facer oír, e con forza… Oxalá!”

Muíño do Rañego, Vilalba: Nun lugar dos soños, homenaxe a Darío Xohán Cabana

O sábado 13 de novembro, a partir das 12:00 h., no Muíño do Rañego de Vilalba, terá lugar a edición do 2010 de Nun lugar dos soños, coa que a Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María homenaxean a figura de Darío Xohán Cabana. Haberá unha táboa redonda coa participación de Xosé Luís Calvo Vidal, Marica Campo, Paco Martín, Yago Rodríguez Yáñez e Xulio Xiz, seguida pola colocación do quinto hectómetro literario no Paseo dos Soños, finalizando cun xantar de irmandade en A Nova Ruta de Vilalba e a posterior actuación musical. Quen queira apuntarse aos actos de homenaxe poden facelo no teléfono 646-413890.

Armando Requeixo gaña o XXIV premio Ánxel Fole co seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista

O xurado do premio literario Ánxel Fole, organizado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso, declarou como vencedor da súa XXIV edición a Armando Requeixo polo seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista. Xosé de Cora, salientou en nome do xurado que “este traballo é unha completa biografía de Díaz Jácome referida a dúas vertentes: a de poeta e a de xornalista”. Engadiu que o texto trata “os aspectos máis salientables dunha vida intensa, que se desenvolveu, a maiores de no seu Mondoñedo natal, en Vigo e en Oviedo, tanto no Faro de Vigo como en La Voz de Asturias, que foron plataforma privilexiada da vida política e social”. Outro integrante do xurado, o escritor Paco Martín, loubou o traballo de documentación realizado por Requeixo antes de detallar que “fai unha biografía completa do autor sobre o que trata, ocúpase tamén da súa obra, para rematar con documentos, fotografías e unha estensa bibliografía de Díaz Jácome e sobre el”. Interesante é, na súa opinión, que se ocupa da parte literaria, “quizais a menos coñecida del, cando forma parte do que Méndez Ferrín chama A Xeración do 36, que son os escritores do seminario de Mondoñedo”. O fillo da figura estudada, Juan Ramón Díaz —que completa o xurado co director en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez— reiterou ese vencello do autor estudado coa cidade mariñá e con autores que pasaron por ela, como Cunqueiro, Crecente Vega, Díaz Castro ou Trapero Pardo, “que fundou Vallibria, onde estiveron todos”. Todos eles coincidiron na calidade e a amenidade da escrita de Requeixo, “que pode interesar non soamente aos estudosos da literatura”, apuntou José de Cora. O gañador é un investigador “que ten unha traxectoria contrastada e cumprida de traballo literario”, concluíu.
O profesor e filólogo Armando Requeixo incardinou a Díaz Jácome como “un dos membros da miña tribo”, en referencia a que Díaz Jácome é un dos autores que se moven no seu campo de investigación predilecto: a literatura de Mondoñedo. “Foi un autor ao que tratei en Escritores mindonienses (1998) cunha ficha biográfica e bibliográfica que era a máis ampla ata ese momento, e sobre o que quería volver, polo que a convocatoria deste premio foi unha motivación estupenda”, indicou. Considera básico recuperar a figura de Díaz Jácome, porque foi un autor que “non tivo unha proxección maior porque sempre foi moi humilde e porque lle tocaron unhas circunstancias de época, de coincidir con moitos grandes que non o favoreceron”. Con todo, o premiado co Ánxel Fole reitera que “merecía unha maior atención, e non soamente como xornalista, senón tamén porque foi un poeta notable”. (De El Progreso, onde se pode consultar máis información).

Once escritores galegos que recibiron o Premio Nacional solicitan a dimisión do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela

O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.

Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e  fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.

Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.

Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cesamento inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.

Alfredo Conde (Premio Nacional de Narrativa, 1985)
Paco Martín (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1985)
Antón Santamarina (Premio Nacional de Traducción, 1988)
Xabier P. DoCampo (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1995)
Manuel Rivas (Premio Nacional de Narrativa, 1996)
Fina Casalderrey (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1996)
Manuel Lourenzo (Premio Nacional de Literatura Dramática, 1997)
Suso de Toro (Premio Nacional de Narrativa, 2003)
Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007)
Agustín Fernández Paz (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 2008)
Xusto Beramendi (Premio Nacional de Ensayo, 2008)

Os lectores de Fervenzas Literarias elixen o mellor de 2008

Fervenzas literarias deu a coñecer hai uns días o resultado da enquisa que fixo entre os seus lectores para elixir o mellor de 2008 no ámbito da literatura en galego. Velaquí os gañadores:

Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro.
Mellor libro de poesía adultos do ano: construcións (Positivas) de Eduardo Estévez.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos (Xerais) de Manuel O’Rivas.
Mellor libro para adultos traducido ao galego do ano: Lolita (Faktoría K) de Vladimir Nabokov.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais) de Xabier P. Docampo.
Mellor libro infantil do ano: Das novas cousas de Ramón Lamote (Galaxia) de Paco Martín.
Mellor libro infantil e xuvenil traducido ao galego do ano: Un casoiro ben mal amañado (Sotelo Blanco) de Bali Rai.
Autor/a do ano: Marcos S. Calveiro.
Mellor ilustrador/a do ano: Xosé Cobas.
Mellor portada adultos do ano: Pan e coitelo (Galaxia).
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais).
Mellor editorial do ano: Xerais.
Mellor crítico/a literario do ano: Ramón Nicolás.
Mellor iniciativa literaria do ano: Cultur.gal
O mellor acontecido no 2008: Premios Nacionais/Recoñecemento a Xusto Beramendi e a Agustín Fernández Paz.
O peor acontecido no 2008: Consellería de Cultura e Deporte.
Mellor libraría: Libraría Arenas (A Coruña).
Mellor medio de comunicación: Diario Cultural da Radio Galega.
Mellor blog: As uvas na solaina.