Os Premios Follas Novas anuncian os 40 finalistas na súa edición de 2025

Destacado

Os premios Follas Novas do Libro Galego entran nos seus dez anos de vida en 2025 e na fase final da elección dos gañadores para esta edición. Case corenta obras son finalistas dos premios ata o vindeiro 26 de abril, no que se darán a coñecer as obras gañadoras en cada unha das categorías. Como vén sendo tradicional, os gañadores e gañadoras coñeceranse na gala de entrega que terá lugar no Teatro Principal de Santiago.

Este galardón, que homenaxea a creación literaria en lingua galega, volve destacar o talento e a calidade das obras presentadas nesta edición. Tras un rigoroso proceso de selección, o xurado deu a coñecer os autores e obras que optarán ao recoñecemento nas diferentes categorías.

Nesta edición chegan á final arredor de 40 escritoras/es, tradutoras/es e ilustradoras/es xunto con 15 editoriais. Os gañadores daranse a coñecer na gala de entrega dos Premios Follas Novas, que se celebrará o vindeiro 26 de abril nun evento que reunirá o máis destacado do panorama literario galego.

As obras finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso de selección de tres fases, que supón unha lectura e valoración da produción editorial galega. O proceso ten unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que selecciona un cento de títulos publicados entre decembro de 2023 e novembro de 2024. A segunda fase de selección é a actual, na que o xurado escolleu as obras finalistas por cada categoría. O proceso de selección dos títulos gañadores terá o seu cumio o sábado, 26 de abril de 2025, coa gala na que se darán a coñecer cada unha das obras gañadoras nas trece categorías nas que se organiza este premio. A gala de entrega de premios terá lugar no Teatro Principal de Santiago.

Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
A casa do amo. Unha análise do discurso colonial e racista na literatura galega. María Reimóndez. Edicións Xerais de Galicia.
Abril é un país. Tereixa Constenla. Editorial Kalandraka.
Os inmigrantes imaxinados. A identidade Galega na Arxentina (1780-1960). Xosé M. Nuñez Seixas. Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
As benfaladas. María Xosé Porteiro. Editorial Galaxia.
As horas mortas. Viaxes e conversas por cemiterios galegos. Emma Pedreira. Baía Edicións.
Rotas (As mulleres que o franquismo agochou en Compostela). Montse Fajardo. Edicións Positivas.

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
A noite das cebolas. Rosa Aneiros. Edicións Xerais de Galicia.
O incendio. Sara Vila Alonso. Edicións Xerais de Galicia.
Runrún. Ana Varela. Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA INFANTIL
Axencia Galega de Asuntos Máxicos. Miguel Ángel Alonso Diz. Edicións Xerais de Galicia.
Como escorrentar un lobo. Antonio Manuel Fraga. Cuarto de Inverno.
Que cabe nun calcetín? Paula Carballeira. Oqueleo.

PREMIO Á OBRA XUVENIL
Cartas na escuridade. Lois Pérez. Cuarto de Inverno.
Nave. Olaia Sendón. Edicións Xerais de Galicia.
Quen precisa unha avoa? Andrea Barreira Freije. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Luísa Villalta. Alma de violino. Laura Suárez (ilust.), Beatriz Maceda e Eli Ríos. Edicións Xerais de Galicia.
Papóns. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.
Sete dentes de león. David Sierra (ilust.) e Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Memorias dun neno labrego (novela gráfica). Iria Aldegunde (baseada no texto de Neira Vilas). Editorial Galaxia.
Miquits. Visita á casa da avoa. Alba de Evan, Xabier Domínguez e Paula Cheshire. Antela Editorial.
Presas fáciles. Voitres. Miguelanxo Prado. Retranca Editora.

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. VV.AA.Tempo Galiza Editora.
Papagaio. Luísa Villalta e Maribel Longueira.Kalandraka Editora.
Poesía reunida de Xosé Luís Méndez Ferrín. Xosé Luís Méndez Ferrín, ed. Anxo Angueira. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Cartas desde a cadea, de Rosa Luxemburg. Almudena Otero. Edicións Laiovento.
Heartstopper. Rapaz coñece rapaz, de Alice Oseman. Nee Barros. Edicións Xerais de Galicia.
Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim. Celia Recarey. Irmás Cartoné.

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Os pozos elegantes das clavículas. María Álvarez Landesa. Alvarellos Editora.
Papaventos abismados. Marta Dacosta. Apiario.
Para non concretarme. Tamara Andrés. Edicións Positivas.

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
Fóra de campo. Rosalía Fernández Rial. Editorial Galaxia.
Iribarne. Esther Carrodeguas. Edicións Positivas.
Ubasute. Paula Carballeira. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
Canta contos de Nadal. VV. AA. Triqueta Verde.
O libro das abellas. VV. AA. Apiario.
Papagaio. Luísa Villalta e Maribel Longueira. Kalandraka Editora.

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Culturgal
Libraría Cartabón (Vigo)
Libraría Nobel (Ourense)

Sandra Lodi gaña o IV Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Desde Galaxia:
“Na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnese o xurado para escoller a obra gañadora desta III edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, formado por Luz Beloso, Sara Valcárcel Maceira, Luís Davila, Armando Requeixo Cuba, e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Papóns, que se presentou baixo o pseudónimo “avoa”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Sandra López Díaz (Sandra Lodi).
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que é unha obra moi atractiva visualmente cun uso dos planos e das cores impecable. Unha narrativa coherente e ben encetada; que pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta. Un vínculo de transmisión cultural e familiar imprescindible que amosa de forma tenra e fermosa.
Tamén salientan como a autora representa os corpos, son mulleres reais, reproduce o noso pobo á perfección. A ilustración é orixinal e dinámica, cun estilo propio, cunha composición e perspectiva coidadas.
A relación que amosa co medio e cos animais é sensible e acertada. Forma parte da realidade das nenas e nenos que tiveron a sorte de criarse nese ambiente privilexiado no que imaxinar e crear as súas propias historias.
Un álbum que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. Un traballo colectivo que todas as persoas deben exercer en conxunto.
Será un deses libros que perduren no tempo.”