Arquivos da etiqueta: Raúl Gómez Pato
Xanceda, Mesía: presentación da tradución de Ión. Cíclope, de Eurípides
O Barco de Valdeorras: Feira do Libro, os 16 e 17 de outubro
Actos expansivos 25 anos con Lois Pereiro
II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV 21): programa previsto para os 27 e 28 de marzo
Entrevista a Raúl Gómez Pato, arredor das súas traducións de Heródoto
Entrevista a Raúl Gómez Pato no Diario Cultural da Radio Galega:
“Raul Gómez Pato traduce ao galego, a través da editorial Rinoceronte as Historias I e II de Heródoto, o historiador grego. Estas obras constitúen a primeira organización intencionadamente racional e con ánimo de perdurar no tempo dunha obra histórica, para evitar que as grandes fazañas humanas queden relegadas ao esquecemento. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Raúl Gómez Pato: “A arte, en xeral, cumpre a mesma función ca a relixión, trata de salvarnos de nós mesmos, da nosa descomposición coma seres”
Entrevista de Montse Dopico a Raúl Gómez Pato en Praza:
“(…) – Praza (P): Sal, auga, vinagre (Medulia editorial) é o teu último libro. Ten unha estrutura semellante a Máscaras de espellos (Espiral Maior), (dous poemas por páxina, sempre co mesmo número de versos) só que neste último son decasílabos e en Máscaras eran tercetos. Algún motivo especial para escoller os decasílabos e os tercetos?
– Raúl Gómez Pato (RGP): O libro Máscaras de Espellos foi froito dunha necesidade de limpeza na escrita. Estaba un pouco farto de ler autores/as que eu percibía redundantes na súa expresión, como se fixese falta escribir moito para significar; nesa lectura, ademais, sentía que eu non entendía practicamente nada, coma se houbese unha intención de escuridade por parte dos e das autoras. E eu non quería chegar a ese punto.
Entón quixen podar a miña escrita para que quedase só a substancia, só o necesario, só o que quería dicir, por iso tamén omitín tamén os signos de puntuación, porque ao final do proceso de demoucar era necesaria unha reconstrución, e esta tiña que vir de parte dos e das lectoras. Porén, en Sal, auga, vinagre, a intencionalidade era completamente distinta, aínda que entendo que se poida ver un ton parecido. Aquí quixen traballar coa musicalidade, co termo decagrama. Algúns lectores pensan que se tratan de décimas, é dicir, de poemas de dez versos sen rima. Pero non, para min, non son décimas, senón que son decagramas, un dobre pentagrama. O obxectivo era traballar coma se os dez versos conformasen unha peza musical cos seus dous pentagramas.
– P: Definiras Máscaras de espellos como fragmentos dun espello no que te vías reflectido ti e a túa contorna. En Sal, auga, vinagre hai tamén poemas que parecen tirados de lembranzas, de instantes vividos… Imaxes do cotián, poderiamos dicir. Podería ser unha das claves destes dous poemarios? En que sentido?
– RGP: Máscaras de espellos é un libro que non reflicte, refracta a realidade. Refráctaa, de aí o termo máscara asociada a espellos. O título está tomado dun verso de Manuel Lueiro Rey, do seu poema “Remeiro son”. Reflectir é o oficio, seguramente, do xornalista; o poeta ou o novelista, creo, debe refractar, é dicir, ollarse diante dun espello e ver as máscaras do reflectido, peneiralas e recrealas.
Evidentemente este proceso é a memoria. A memoria conserva as imaxes do cotián, pero refractadas por moitas sensacións como a nostalxia do tempo perdido, a perda, a esperanza, o amor, etc. A memoria dun instante cotiá da vida, sexa cal sexa, xa non é o instante en si mesmo, é unha especie de novela, de historia que levamos escrita no noso cerebro cunha perspectiva totalmente distinta á orixinal. Isto si que me interesa, a memoria como construción da persoa, do suxeito, como a máquina máis poderosa de transformación do ser humano.
– P: Un dos temas presentes en Sal, auga e vinagre e, quizais, en todos os teus poemarios, é a morte, xunto co paso do tempo (a ruína, etc). Tamén o amor (os afectos). Ou o propio feito da escrita. Ou a relación humana co poder: a submisión, por exemplo. Cal é a relevancia destes temas neste libro e, en xeral, na túa creación poética?
– RGP: Sal, auga, vinagre non deixa de ser unha extensión dos demais libros porque, por así dicir, vas construíndo un camiño no que o último grado é consecuencia do anterior. Ao final son, como diría, variacións sobre un mesmo tema, todos os libros, é máis, todos os libros de todas as literaturas universais. Ao final trátase sempre de darlle voltas ao que realmente interesa ao ser humano: a morte, os sentimentos afectivos, o tempo, a ruína paulatina do corpo, as relacións co entorno humano e físico, e ansia de eternidade.
Quizais falte algún tema central, seguramente, pero basicamente a vida do ser humano resúmese en menos de dez preguntas básicas. Sobre isto xira a arte. Onde non chegan os coñecementos empíricos para dar solución a estas cuestións, aparece a creación, a resposta creativa. No fondo a arte, en xeral, non só a poesía, cumpre exactamente a mesma función ca a relixión, trata de salvarnos de nós mesmos, da nosa descomposición coma seres. Cal é a diferencia entre un libro e outro, entre unha literatura e outra, entre unha arte e outra? Pois o enfoque, é dicir, onde sitúa seu punto de perspectiva, o punto de partida e o camiño que percorreu cada creador para tratar de dar coa solución a calquera destas cuestións, insolúbeis de momento, por certo; e aquí, por exemplo, é onde entra o talento, a habilidade e a técnica; porque non hai que esquecerse que a arte é unha técnica, unha τέχνη, como a entendía o mundo grego, que hai que traballala, e moito, con teimosía e aprendendo.
Ese concepto de arte coma inspiración e puro talento é moi moderno, prodúcese a partir do século XX, cando se democratiza o feito artístico, o feito de que calquera persoa poida crear en calquera ámbito das artes, que é marabilloso, pero que provoca que, moitas veces se crea que calquera pode construír arte con calidade, e non sempre é así. Neste sentido o que escribo eu non mellora absolutamente nada do que foi escrito anteriormente, por suposto, pero ao mellor o enfoque, a perspectiva coincide coa que no momento da lectura ten algún/unha lectora e aí prodúcese o contacto, a empatía, e entón esa persoa aprecia o que ti escribes e como o escribes. Porque seguramente ese lector/a estea pensado que xusto ela o expresaría máis ou menos así. (…)”
Raúl Gómez Pato le un poema de Verba quae supersunt
Desde a AELG recollemos a lectura dun poema de Verba quae supersunt por parte do seu autor, Raúl Gómez Pato, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.
Raúl Gómez Pato le un poema de Robert Burns traducido por el
Desde a AELG recollemos a lectura dun poema de Robert Burns, traducido por Raúl Gómez Pato, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.