Xosé Manoel Núñez Seixas gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020

Desde Galaxia:
“A obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), de Xosé M. Núñez Seixas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2020, ás 10 horas, por videoconferencia.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros, ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano. O xurado destacou a capacidade analítica que a obra premiada, baseada nunha ampla e rigorosa documentación, consegue despregar sobre o fenómeno da utilización do folclore e os seus símbolos polo fascismo.
Á luz desa documentación, o enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas realízase cun estilo diáfano e crítico. Ademais, a obra premiada vencella o presente con feitos históricos que informan o actual debate sobre a organización do Estado, salientando dese xeito a actualidade do tema.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Don Luís Alonso Girgado, Don Xesús Fraga, Dona Rexina Vega, Dona Montserrat Pena Presas e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.”

Rexina Vega: “Lembro ler Os Cinco á luz dunha lanterna debaixo das sabas”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Rexina Vega en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela a reconciliou coa literatura?
– Rexina Vega (RV): Eu sempre estiven namorada da literatura, non precisei de ningunha obra que me reconciliase con ela, pero se teño que escoller unha obra especial que cifre o que para min é isto de inventar mundos a través de palabras escollo El año del cometa de Álvaro Cunqueiro, unha historia de historias onde aparecen todas as posiblidades do artificio e todos os ángulos da verdade da condición humana.
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– RV: A paixão segundo G. H. de Clarice Lispector. En realidade calquera dos escritos por ela, levito con cada unha das súas frases. Non se parece a nada e xoga sensorialmente contigo para que abras a mente e o instante estoupe. (…)
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– RV: Pois unha especie de Frankenstein feito por anacos de Gloria Fuertes, Rosalía de Castro, Kafka, Ferrín e Cunqueiro. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– RV: Mal Mor de Emilio Araúxo. Vellez e silencio, non se pode dicir mellor nin máis fondo. Tamén Cativa no seu Lughar de Luz Pichel. (…)”

Tabela dos libros. Decembro de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste ano, onde se ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Obras gañadoras do Certame de poesía Rosalía de Castro 2020

“O venres 27 de novembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acada a súa XXXIV edición, e no que se lle concedeu o primeiro premio a Lupe Gómez Arto polo seu poema Coplas a Lola.
O Xurado desta XXXIV edición do Certame, en reunión telemática, e composto por:
Presidenta: dona Rexina Vega, Vicepresidenta: dona Anxos Sumai, Vogal 1º: don Armando Requeixo Cuba, Vogal 2º: dona Cristina Corral, Vogal 3º: don Domingo Tabuyo, Vogal 4º: don Amauta Castro. E actuando como Secretario, Xulio Couxil Vázquez; despois das deliberacións oportunas, acordan conceder Premios aos seguintes Poemas:
1º Premio.- Poema nº: 15 : 2º Premio.- Poema nº: 68 : 3º Premio.- Poema nº: 20.
Abertas as plicas correspondentes comprobamos que os gañadores son:
1º Premio – Coplas a Lola. De Lupe Gómez Arto.
2º Premio – O Perigo de estar exhaustos. De Marcus Daniel Cabada Candal.
3º Premio – Dakota: Memoria lírica da emigración. De María Álvarez Martínez (Masha Rakolnikova).
O Xurado fai unha mención especial, ACCÉSIT para o nº 25: O Matrimonio é unha nasa. De Francisco Javier Fernández Dávila.
Notas que acompañan as decisión dos Premios:
Coplas a Lola, de Lupe Gómez, é un poemario de estrutura precisa no que, a través de coplas, poemas narrativos e versos curtos coa luminosidade conceptual dos Haiku, a autora nos mergulla na memoria comunal aldeá, nucleada ao redor da “avoa?” morta. A vivencia da paisaxe, a conciencia de clase e de xénero, a melancolía e a forza da lembranza celébranse a través de poderosísimas e inéditas imaxes.
En O Perigo de estar exhaustos, Marcus Daniel Cabada, achéganos á unha reflexión sobre a sensación de esgotamento que conecta extraordinariamente coa vivencia da sociedade actual. Salienta o notable traballo formal e a fondura coa que o autor abre interrogantes de carácter existencial.
María Alvarez Martínez ofrece na súa Memoria lírica da emigración un achegamento fresco e sorprendente á vivencia dos lugares de emigración, mesturando referencias á Galicia natal e ás paisaxes norteamericanas.
O Matrimonio é unha nasa, de Francisco Javier Fernández Dávila, é unha proposta irreverente, que, fuxindo abertamente da linguaxe literaria, consegue mediante poemas mínimos provocar un alude de imaxes que producen no lector sorpresa e riso irónico.
Con este acto a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, pecha as actividades que este ano tiña previsto facer ao longo do ano, mais o virus que este ano 2020 efectuou a todo o Mundo, fixo que a grande maioría de actos tiveramos que suspendelos ou algúns que se fixeron reducilos á mínima participación e de forma telemática.
Ademais, este ano a entidade celebra o 40 aniversario e tiñamos preparado un programa moi ambicioso, con 2 orquestras, un grupo de rock, 2 de música Folk e unha banda de gaitas; todos viñan de Galicia. Como actividade complementaria e o pasado dia 10 de xuño tiñamos previsto inaugurar a Exposición “As portas de Lugo” no Castelo de Cornellá, entre outros moitos, e tívose que suspender todo, como tamén suspenderon a Festa Maior de Cornellá.

Antonio Díaz
Viladecans, 28 de novembro de 2020″

Inma López Silva: “Soño con quedar para tomar whisky até o mencer con Beauvoir, Didion e Sontag”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Inma López Silva en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.
– Inma López Silva (ILS): Botei moitas fins de semana probando a ver se tropezaba por Brooklyn con Paul Auster, así que non vou considerar tirado todo ese tempo… Tamén coido que gozaría, malia probabelmente discutir moito, con Michel Houellebeq. Pero se puidese, soño cun encontro con Beauvoir, Didion e Sontag, comprometéndonos as catro a tomar whisky ata o amencer. En sesión de espiritismo, con Nietzsche, Shakespeare, Molière e Mary Wollstonecraft. E tendo en conta as posibilidades reais de levar adiante os meus plans, gustaríame emborracharme con Juan Tallón, Diego Giráldez, María do Cebreiro e Francisco Castro, xuntos ou por separado. E é público e notorio o meu gusto polas ceas de alto contido alcohólico e literario con Arantza Portabales, Mercedes Corbillón e Susana Pedreira, ás que desexo fervorosamente incorporar a Rexina Vega, cousa que acontecerá en breve. Xa ve que non teño problemas nin coas farras nin co bo comer e o bo beber. Podería seguir. Creo que case que gozaría con calquera. Incluso iría de cañas con vostede de boa gana.
– B: Escribirá as súas memorias?
– ILS: En realidade, cada certo tempo, escribo unha memoria parcial como son libros coma New York, New York, Maternosofía ou Chámame señora, pero trátame coma a un señor. Supoño que vou facendo ese labor pouco a pouco para non pasar tanto traballo ao final, cando o que me apetecerá será seguramente ir de copas con escritoras e escritores novos que me dean a vida e non a morte.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– ILS: Hai varios. Un deles é Suso de Toro. A descuberta da súa literatura foi para min unha epifanía pois demostraba que na miña lingua se podía escribir, publicar e ler o tipo de narrativa e co nivel de modernidade que eu gustaba de ler noutros idiomas. E desde un punto de vista práctico, Carlos Casares: foi el quen, aos dezasete anos, me pediu por ler o que tiña escrito. Mandeille un monllo de relatos que, un tempo despois, foron o meu primeiro libro publicado na editorial Galaxia, Rosas, corvos e cancións. (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 25 de xuño

O 25 de xuño comeza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de María Xosé Queizán.
18:00 h. Elba Pedrosa asina O que non sabías, publicado por Xerais.
19:00 h. María Xosé Queizán asina Vivir a galope, publicado por Xerais.
19:00 h. Xina Vega asina Ninguén dorme, publicado por Laiovento.

Cuestionario Proust: Xina Vega

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xina Vega:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Esta é unha das preguntas máis difíciles que existen porque unha non se dá visto a si mesma. O de coñecerse de verdade parece máis un propósito que algo que de verdade se poida atinxir, pero vaia, cando me poño a pensarme imaxino que son unha branda que vai de dura ou unha dura que vai de branda, non cho sei…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A valentía ou, o que vén ser para min o mesmo, a honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade e verdade. Con que se permitan ser elas sen demasiados filtros e non busquen conscientemente danar a outros xa son moi feliz ao seu carón.
4.– A súa principal eiva?
-A pregunta 4 está relacionada coa 1, e volvo pensar en que non teño nin idea. Postos a contestar, respondería tamén o mesmo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Creo que ler e escribir é un regalo, podería facelo todo o tempo, co descanso, iso si, dunhas cervexas coa xente que quero.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Non sentir que teño que defenderme, que as cousas poden facerse doutro xeito, que debería ser doutra maneira. Ás veces todo está ben, todo flúe no presente. Desarmarse e percibir a beleza é felicidade e pode suceder en calquera momento.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Son nai, a morte dun dos meus fillos éme inconcibible.
8.– Que lle gustaría ser?
-Sempre quixen ser reporteira de guerra, aínda quero, pero xa non vai ser, claro. Mágoa.
9.– En que país desexaría vivir?
-Creo que en calquera. É moito máis importante para min o “como” que o “onde”.
10.– A súa cor favorita?
-O vermello en toda a súa gama, con especial predilección polo ton do sangue ou do viño.
11.– A flor que máis lle gusta?
-As calas e as camelias, teñen algo carnosamente rotundo que me fascina.
12.– O paxaro que prefire?
-O paporroibo con ese peito rubio e a cabeciña verde oliva.
13.– A súa devoción na prosa?
-Cando era adolescente morría por Kafka, tamén por Ferrín. Máis adiante Cunqueiro e Beckett foron os meus deuses, agora estaría entre Antoine Volodine, Elfried Jelineck e Angélica Lidell.
14.– E na poesía?
-Sempre volvo a Alejandra Pizarnik e a García Lorca e a Luís Pimentel.
15.– Un libro?
Se o vello Sinbad volvese ás illas.
16.– Un heroe de ficción?
-O vello e derrotado Sinbad.
17.– Unha heroína?
-A Georgina d´Os cinco de Enid Blyton.
18.– A súa música favorita?
-As Variacións Goldberg de Bach, calquera dos albums dos The Smiths, ou un rap de Ayax y Prok.
19.– Na pintura?
-Lucien Freud, Giorgio de Chirico, Marcel Duchamp, Maruja Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Fun alumna de Claudio Guillén e de Ángel Crespo e aínda me conmove recordalos. A xeración do exilio que viviu nun país fantasma e aínda así creou para o país real e que acabou volvendo e recibindo un trato mesquiño dos protagonistas da Transición. Malia levar tantas feridas nas súas vidas eran tan luminosos!!
21.– O seu nome favorito?
-Guiomar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A violencia, a seguridade nun mesmo, a prepotencia.
23.– O que máis odia?
-Odio a aqueles que senten pracer humillando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Franco paréceme unha das figuras máis sinistras e mesquiñas que poidan concibirse.
25.– Un feito militar que admire?
-A revolución dos cravos. Aqueles capitáns con flores na escopeta…
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Gustaríame tanto bailar ben!!
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Con consciencia e sen medo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Alegremente ansioso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Creo que todos os que só prexudican a un mesmo.
30.– Un lema na súa vida?
-“Ten coidado, esfórzate en ser feliz”.”

Gondomar: presentación de Fábula das aves, de Manuel Forcadela

O 6 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida de Gondomar (Rosalía de Castro, 13), preséntase Fábula das aves, de Manuel Forcadela, publicado por Laiovento. Presentan o acto Marta Dahlgren e Rexina Vega.