Alberto Ramos gaña o Premio Abrente de textos teatrais con Os servizos prestados

Desde Nós Diario:
“O escritor e xornalista Alberto Ramos Ríos (Santiago de Compostela, 1986) gañou o 19º Premio Abrente de textos teatrais coa súa obra Os servizos prestados, o cal convoca o Concello de Ribadavia (O Ribeiro) a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT).
Segundo informa a MIT de Ribadavia nun comunicado, o xurado concedeu, por unanimidade, este galardón polo seu “interese social, con posibilidade de xerar debate ao redor da explotación e da autoexplotación laboral e o risco que implica de perda de dereitos da clase traballadora conquistados historicamente”. O premio consiste en 4.000 euros e a edición da obra gañadora.
Así mesmo, pon o foco na perda de vínculos de amizade por motivos de relacións laborais. Destaca polos seus cambios de personaxes, ritmo, ruptura da cuarta parede e uso de metáforas que concede ao texto moito interese escénico e calidade artística.
Ademais, o xurado subliña que “non é unha obra plana nin cunha única capa de recepción, xa que a complexidade dos personaxes e a capacidade para demostrar distintos puntos de vista fai de Os servizos prestados unha obra profundamente reflexiva e de recepción activa”.
O xurado está composto pola actriz e dramaturga premiada en 2023, Nerea Brey; o actor Rubén Porto; Marcos Alonso, membro da Sala Ártika, así como polo director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual.
Alberto Ramos cultivou diferentes galardóns literarios, o último deles foi o Premio Rafael Dieste co que se estreou como dramaturgo en 2023. Actualmente, traballa na área de comunicación da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG).
Por outra parte, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeu a Iribarne, de ButacaZero, peza da dramaturga Esther Carrodeguas, o Premio do Público deste ano 2024, segundo deu a coñecer esta terza feira.”

Roberto Pascual deixa a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia no mellor momento do festival en décadas

Desde Nós Diario:
“Coas 40 edicións da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, fecha un ciclo de éxito e crecemento cuantitativo e cualitativo da MIT, que deixa paso a unha nova etapa, anunciou a Dirección da mostra na clausura do evento.
No mellor momento do festival nas últimas décadas, o director da MIT, Roberto Pascual, anunciou a súa decisión de deixar o cargo tras unha moi meditada fase de valoración da situación e do que significa para Ribadavia e para a Galiza un motor sociocultural destas características.
Por un lado, Roberto Pascual valora que despois de 15 anos e 16 edicións na Dirección Artística do festival, é necesario deixar paso a un novo proxecto nun cargo de responsabilidade pública dunha institución cultural coma a MIT.
“Non convén eternizarse nun mesmo posto de responsabilidade pública, débese ter sentido institucional tanto nos momentos de defensa das debilidades coma nos momentos máis florecentes. A honestidade e o sentido de servizo público para os dereitos da cidadanía deben estar por enriba dos sentimentos egoístas que poidan darse en situacións de estabilidade e recoñecemento amplo como esta”, explicou o director da mostra.
“Marchar nun momento tan bo, con premios e apoios, tamén é xenerosidade co proxecto, oportunidade para que a mostra poida seguir no bo camiño e darlle normalidade ás transicións, que na maioría dos casos se dan por motivos non positivos. Debería ser máis normal o legado en positivo para o ben común e as transicións acompañadas”, afirmou Pascual.
Roberto Pascual fará un balance demorado da súa etapa, que foi desde a 25 edición até a número 40, no mes de setembro. Será no pleno deste mes, no Consistorio de Ribadavia, e dará cumprida información e detalles da evolución da Mostra estes anos en termos de transparencia, sustentabilidade e progreso profesional e internacional. (…)”

Alberto Ramos gaña o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais convocado pola Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña xa ten gañador: o xornalista e escritor Alberto Ramos coa obra Conxo, non restraint, unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega no campo teatral como Teresa Moure, Avelina Pérez, Lois Blanco, Sabela Hermida e o gañador da última edición, Roberto Pascual; e, como secretaria, a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado salientou da obra premiada a concreción da denuncia baseada nun afinado proceso de investigación, a linguaxe limpa e estilizada moi acorde co tema que aborda o texto. Tamén valorou positivamente a ousadía á hora de retratar un asunto moi delicado.
Alberto Ramos é xornalista e escritor, dedícase á comunicación cultural e durante seis anos traballou na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra por parte da Deputación da Coruña que, ademais, desenvolverá un procedemento para a selección de propostas e garantir a montaxe e a representación da obra premiada por parte dunha compañía teatral galega.”

Compostela: “Xornada técnica na Biblioteca de Galicia. Un bosque cheo de libros”

Compostela: Xornada Roberto Vidal Bolaño. Fálanos sempre