Arquivos da etiqueta: Rosalía de Castro
Libros fantasma, por Armando Requeixo
Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“A Historia da Literatura Universal está inzada de libros que non foron, volumes que se escribiron, pero que nunca viron luz por diversas causas, principalmente extravío ou destrución. Son os libros fantasma, xoias de autores que hoxe reverenciamos e dos que nos gustaría conservar todas e cada unha das palabras que escribiron, vencendo así o fatum que nos roubou esa parte da súa xenialidade. (…)
Tamén a literatura galega perdeu valiosa parte da súa escrita polos camiños da sombra. Poderían aducirse moitos exemplos, mais abondará con lembrar que a propia Rosalía mandou á súa filla que queimase os versos que escribira nos últimos anos e que non dera aínda a coñecer. Quen sabe se entre aqueles papeis non habería un outro Follas novas xa por sempre desaparecido.
Non por propia vontade senón por cruenta imposición acabaron por perderse varios dos libros que estaban a piques de se imprentar no prelo da mítica Nós en xullo do 36. Casal compuxera xa os orixinais, pero o asalto fascista ao local da Rúa do Vilar 15 e a destrución dos materiais que nel había fixo que nunca chegasen a ver luz obras como o libro de relatos Auga lizgaira de Ánxel Fole; o Diario dun médico de garda de Luís Pimentel; o primeiro volume dos Ensaios de Ramón Otero Pedrayo ou Os ruíns, un feixe de contos da autoría de Xosé María Álvarez Blázquez.”
Entrevista de Ronsel Pan a Pilar García Negro
Ponteareas: I Encontro Cultores e Cantares da Língua Galega e Portuguesa
Desde o Portal Galego da Língua:
O Encontro Cultores e Cantares da Língua Galega e Portuguesa está organizado polo Instituto Galego de Estudos Internacionais e da Paz, cos seguintes actos destacados:
Sexta-feira, 3 Local Salón Nobre do Concello.
– 19:30 h. IGESIP – “Uma visão Lusófona e Internacional dentro da Paz”. Orador: Artur Alonso (Presidente IGESIP – Instituto Galego de Estudos Internacionais e da Paz). Leitura do Texto: “ Da alethopoiésis de Rosalía de Castro”, da Dra. Lúcia Helena Alves de Sá – Presidenta da Casa Agostinho da Silva (Brasilia – Brasil).
– 20:00 h. Concerto musical de Isabel Rei.
– 20:30 h. Presentación de A imagem de Portugal na Galiza, de Carlos Quiroga, publicado por Através.
– 21:15 h. Recitado Poético – Círculo aberto. Local Café Onde Sempre. Participan, entre outras e outros, as poetas: Isabel Blanco, Rosanegra, Cruz Martinez, Manuel Blanco Rivas, Alexandre Insua, Artur Alonso. Guitarra: Andrés Fernández Rodríguez.
Sábado 4 Junho. Salón Nobre do Concello.
– 18:30 h. Guerra da Cal – Primeira Ponte Literária. Palestra de Joel R. Gômez: “Ernesto Guerra Da Cal, de refugiado político em Nova Iorque a internacionalizador das culturas galega e portuguesa”.
– 19:00 h. Rosalia de Castro – mulher universal dentro da literatura galego-portuguesa. Palestra da poeta Iolanda Aldrei: “O bem comum em Rosalia de Castro.”
– 19:30 h. Conversa Literaria, coas escritoras Concha Rousia e Iolanda Aldrei.
– 21:30 h. Concerto. Local Auditorio Reveriano Soutullo. Grupo de Fados Os Teimosos.
Texto de Carlos Negro na presentación de Masculino singular en Lalín
Desde Trafegando ronseis, blogue de Gracia e Anxo (a foto provén do mesmo blog):
“Sempre é un pracer estar cos amigos, coa xente que se quere. E se un destes amigos presenta un seu libro, a satisfacción e o orgullo é dobre. Así que si, onte, no museo da vila, Carlos Negro presentou o seu último libro de poemas (“sei que escribo poemas pero non sei se fago poesía”) publicado por Xerais.
No acto estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Lara Fernández, e o seu ex-profesor Mario Pereira, quen incidiu neste feito e na emoción que para el supuña que Carlos, alumno del hai case 30 anos, amosase a súa ideoloxía feminista mediante un libro que provoca tantos sentimentos.
Déixovos o texto de Carlos:
Corte de afeitado (apuntamentos arredor de Masculino singular)
1. Masculino singular nace dun corte do afeitado. Do sangue da escrita. Ou como adiantou Rosalía de Castro, do sangue das entrañas.
2. As miñas entrañas son as dun home de mediana idade que decide profundar no espello e mirar que imaxe lle devolve o tempo, a memoria, os ritos tribais, a cultura dominante, a estirpe e as tripas. O rostro dun ser en evolución, que non quere seguir participando dese círculo vicioso da herdanza recibida, do poder arbitrario, dos privilexios mantidos con violencia, real ou simbólica, porque o noso destino semella seguir sendo machos e os nosos falos son lanzas erectas polo Poder, así con maiúsculas.
3. Estes poemas son efectos secundarios do(s) feminismo(s), da súa potencia transformadora, que foi modificando, sobre todo na última década, o meu xeito de pensar e de sentir(me); son poemas escritos non para portar ningunha pancarta que reporte unha recompensa de progresismo, senón para albiscar, entre as ruínas do noso tempo, un ecosistema cultural onde ningún bardo da tribo impón o seu criterio por collóns. Porque se é certa a hipótese de que está a conformarse unha nova masculinidade, debe medrar desde a ética, e non desde a cosmética. Porque máis alá das aparencias, o dinosauro do machismo segue a estar aí, obsceno e prepotente.
4. Por suposto, estes poemas escríbense desde unha posición ética, o cal non implica adoptar o posicionamento do sacerdote no púlpito da igrexa. As armas preferidas de Masculino singular son a ironía e a desmitificación, non a contundencia do panfleto.
5. Neste contexto, o libro representa un combate puxilístico contra a chatarra semántica que propaga o machismo como un andazo, sen diplomacia ningunha. Mergulla a voz nos residuos lingüísticos do patriarcado, na súa pornográfica inmoralidade. Porque sobrevivimos atrapados nun hipermercado de Carne hipertrofiada e despezada a gusto do consumidor, e ao alcance dun clic ou dun toque do dedo nas pantallas. Consumo de destrución masiva, corpos lowcost 24 horas 365 días ao ano.
6. Sei ben de onde procedo. Dunha cultura heterosexual dominante baseada na pornografía e na prostitución. Dos ritos de paso á idade adulta nos puticlubs de polígono industrial. Dunha mitoloxía adolescente baseada en ereccións e mamadas. Dunha linguaxe agresiva ata o delirio, onde a maior parte das mozas con iniciativa sexual eran definidas como zorras, sen ningún tipo de eufemismo. Si, sei ben de onde procedo. Pero tamén sei que xa non quero regresar aí. Nunca máis. Porque son responsable da educación dun fillo de dez anos e non quero que o aprendan a ser un home de verdade. Porque a paternidade merece ser vivida como unha opción de tenrura activa, e non lle acae tanta misoxinia nin represión dos afectos.
7. Este conxunto de poemas pode lerse como se estivésemos a pasear por unha sala de múltiples espellos, onde os reflexos se multiplican e permiten unha mirada poliédrica. En realidade, Masculino singular foise construíndo como un conxunto de textosespello que se complementan entre si, ben por asociación, ben por contraste. E esa asociación enriquece o sentido, multiplica as posibilidades interpretativas. Porque os espellos, moitas veces, existen fóra do texto, noutras voces que constitúen un punto de partida, ou quizais un punto de fuga do discurso.
8. Este corpus poético sería pouca cousa sen esa transfusión sanguínea que recibe dos versos de Rosalía de Castro e Mª Xosé Queizán, de Isolda Santiago e Xohana Torres, de Denise Duhamel e Ana Romaní, ou mesmo do austríaco Peter Handke e de Juan Carlos Mestre. E, por suposto, tamén hai no libro algúns diálogos por negación: Pondal e Ferrín serían, neste caso, dous magníficos exemplos, porque seguen a ser mestres da palabra, pero non os mestres que iluminan o porvir.
9. Fin das citas textuais. A fin de contas, non vimos a este mundo para entrar na Real Academia dos Bos e Xenerosos. Que se lle vai facer. Quen lles fala só escribe poemas, con maior ou menor acerto. Punto final. O resto, incluído o mérito da lectura, está fóra do seu alcance.”
Compostela: maratón de lectura de Rosalía de Castro na Fundación Eugenio Granell, o 1 de xuño
I Gala do Libro Galego, o sábado 14 de maio en Compostela
Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia; as obras gañadoras faranse públicas no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, presentada por Camilo Franco, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 14 de maio, segundo o seguinte horario:
– 18:30 h. Sesión de fotografías (fotocall) de lectoras-es e autores-as e sinatura de libros á entrada do Teatro.
– 19:30 h. Comezo da Gala (entrada libre até completar aforo).
– A partir das 21:30 h. Nova sesión de fotografías (fotocall) e sinatura de libros.
No fotocall as persoas asistentes á Gala poderán facer fotos cos/as seus/súas autores/as favoritos/as e mesmo levar libros para seren asinados.
Na Gala entregaranse as distincións nas seguintes categorías:
- Obra de ensaio
- Obra de narrativa
- Obra infantil e xuvenil
- Libro ilustrado
- Iniciativa bibliográfica
- Obra traducida
- Libro de poesía
- Libro de teatro
- Iniciativa cultural ou fomento da lectura
- Proxecto literario na rede
- Xornalismo cultural
- Escritor galego universal
- Premio honorífico á libraría
- Premio honorífico á editora
As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo, que nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.
O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, que xa decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer (pode consultarse aquí a súa axenda de actividades para os días 13 e 14), o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.
Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016 Sigue lendo
Bos Aires: Ofrenda floral da AELG a Rosalía. No Xardín dos Poetas, na Rosaleda
Ofrenda floral do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, a Rosalía de Castro, no Xardín dos Poetas, na Rosaleda, en Bos Aires.
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o xoves 28
Do 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o xoves 28 de abril:
– 16:15 h. Coloquio Da novela ao cómic: A nosa cinza. Con Francisco Castro e Xavier Alcalá. Espacio Zona Futura-Zona Dibujada.
– 17:00 h. Rosalía Iceberg. Ponencia poética con Yolanda Castaño. Stand.
– 18:00 h. Castelao en Arxentina. Coloquio con Víctor F. Freixanes e Xesús Alonso Montero. Stand.
– 20:00 h. Dragal, unha saga fantástica de tradición xacobea (Xerais). Presentación coa autora, Elena Gallego. Stand.
– 20:00 h. Eliseo Pulpeiro: as letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata) (Consello da Cultura Galega). Presentación do libro, con Ramón Villares e Sylvia Pulpeiro. Centro Galicia.
Arteixo: Rimando e Xogando con Manuel María e Rosalía, por Lisístrata
Ana Hermida volve render homenaxe á poesía galega, desta vez poñendo voz e alma á obra de Rosalía de Castro e Manuel María. Será tamén unha homenaxe multicultural á poesía nosa, xa que nenas e nenos de varias nacionalidades recitarán a Rosalía nun acto moi fermoso que xa vai polo súa segunda edición e no que escoitaremos os versos fermosos da nai das nosas letras con acentos doutras terras, pero en galego. Este ano celébrase a segunda edición do concurso de recitado de poesía Cantares Gallegos dirixido á infancia de entre 8 e 12 anos, acto organizado polas Bibliotecas do Concello de Arteixo como colofón a unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Ana Hermida será tamén a encargada de conducir o acto, onde cada participante levará un agasallo e a persoa premiada recibirá unha tablet.