Desde o Concello de Carral:
“Manuel López Rodríguez (Noia, 1978), coa súa obra Nas pulsacións, resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.
O xurado salienta neste poemario o feito de que amosa un discurso lírico sólido e inspirado, con gran riqueza léxica e con interesantes achados estilísticos.
Manuel López Rodríguez ten publicado un libro titulado Antítese nativa, así como múltiples poemas en revistas e volumes colectivos. Foi ganador dos premios Suso Vaamonde de poesía, Eduardo Pondal e López Ardeiro, entre otros.
O xurado do concurso estivo formado por Miriam Ferradáns, José Mª Paz Gago e Xurxo Alonso, coa presidencia do concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 42 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o mes de setembro. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, En luz escrita de Xurxo Alonso.
Como ven sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.”
Arquivos da etiqueta: Secretaría Xeral da Lingua
María Rei Vilas gaña o Premio García Barros 2020
Desde Galaxia:
“Reunido o 17 de xullo, por videoconferencia debido á situación sanitaria creada polo COVID-19, o xurado do XXXII Premio de Novela “Manuel García Barros (Ken Keirades)”, decidiu declarar gañadora a novela Flores de ferro, de María Rei Vilas.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, despois de ler os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, acordou, por maioría conceder o XXXII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “Escoitar a Briana”. Logo de abrir a plica, o dito lema correspóndese coa obra Flores de ferro da autoría de María Rei Vilas.
O xurado destacou desta novela que a protagonista, Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Alí ten que recompoñer a súa identidade, á vez que afronta desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. A orixinalidade radica tanto na estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal; coma na dosificación da intriga que anima a lectura. Así mesmo, destaca o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime.
(…) O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Flores de ferro será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”
Bases do XIV Premio de Narrativa Breve Repsol
A Estrada: presentación de Aventuras de Alberte Quiñoi e Estampas desde o val, de Manuel García Barros
A Estrada: presentación de A Estrada Románica, de Xosé Luna Sanmartín
Mondoñedo: publicación do encartable Cunqueiro en Elsinor
Boiro: presentación de Selected Poems/Poemas escollidos, de Douglas Dunn, o 12 de xuño
Bases do XIV Certame de investigación Condado de Pallares
“Co gallo de promover os labores de investigación nos ámbitos da lingüística, da historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, etnografía e o folclore no antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares, a Asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa secretaría xeral de Política Lingüística, a dirección xeral de Políticas Culturais, a Deputación de Lugo, os R. Comarca de Lugo e Miño Ulla, Caixa Rural Galega e os concellos de Guntín, Taboada e Chantada, convoca o XIV Certame de Investigación Condado de Pallares.
BASES
- Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa de 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
– A extensión dos escritos é ilimitada, e contarán cun mínimo de cen folios. Deberán ser presentados por cuadriplicado, en formato DIN A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara con tipografía Times New Roman, tamaño 12. Xuntarase tamén unha copia en formato dixital.
– Os orixinais serán enviados por correo certificado, baixo plica, no que figurarán os datos do autor/a, o lugar de residencia, teléfono e currículo, ao seguinte enderezo: Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Casa reitoral, nº6 -Ferreira de Pallares- 27211 GUNTÍN (Lugo), indicando no sobre: XIV Certame Condado de Pallares.
– O prazo de presentación remata o 30 de setembro de 2020.
Establécese un único premio de 3.000€ que será outorgado ao autor/a da obra que reúna suficientes méritos científicos. O premio poderá ser declarado deserto.
– O xurado estará composto por tres membros de recoñecido prestixio do mundo da cultura galega, designados polas institución que convocan o certame. Actuará de secretario un directivo da Asociación, con voz e sen voto.
– O xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o día 7 de novembro de 2020.
– O acto de entrega do citado premio será na Casa de Cultura de Chantada, no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
– As institucións convocantes resérvanse todos os dereitos sobre o traballo ganador, incluído a da súa publicación na primeira edición. Neste caso, a obra gañadora será publicada na normativa oficial e a organización entregaralle 25 exemplares.
– Os orixinais non premiados serán enviados aos autores/as e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, sempre que o soliciten por escrito. Transcorrido dito tempo, serán destruídos.
– A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación de todas as normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se designe. O seu fallo será inapelable.”
Festival Virtual do Libro de Galicia, FLIV 2020
“Despotismo do século XXI”, por Marta Dacosta
Artigo de Marta Dacosta en Terra e tempo:
“Nestes días, a raíz dos debates que se están a producir no ámbito cultural, dei en repasar o tempo que me tocou vivir. Nese repaso, recalo nos anos 90, por suposto, naquel tempo colectivo en que a lingua o era todo e ao redor dela iamos construíndo coleccións, publicacións, recitais… Porque tiñamos unha urxencia e unha prioridade, a normalización do feito literario galego, algo que xa comezara con quen denominanos promoción dos 80.
Desde a distancia de hoxe, podemos ver que as autoras e autores nacidos nas décadas de 50 e 60, plenamente creativos no final do século XX, abrimos as portas a unha nova realidade cultural en que a creación en galego fose plenamente visíbel. E isto é así non só no ámbito literario, éo tamén no musical, no do deseño, no do teatro…
Aínda máis. Son xustamente estas xeracións nacidas a mediados do XX as que crearon as entidades que loitan e traballan pola nosa cultura, as que buscan canles e espazos, as que promoven e visibilizan as creadoras e creadores galegos.
E a pesar de todo isto, un cuarto de século máis tarde, permanecemos invisíbeis. E escollo conscientemente este termo para traer aquí a referencia á entrevista ao presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, en Nós diario. Unha entrevista que non é unha reportaxe máis, senón a voz das escritoras e os escritores galegos, o lugar en que se recolleron a diagnose e as reivindicacións que a AELG fixo neste período.
E afirmo, como integrante que son do seu consello directivo, que está a ser un período moi difícil. Difícil porque se multiplican as reunións virtuais de diferente tipo, porque a información se cruza e non sempre é doada de seguir, porque mentres resolvemos unha parte da oferta cultural galega, estamos afogados economicamente polas demoras na percepción de convenios e subvencións fiscalizadísimas, porque a parede á que nos diriximos é xustamente iso, un muro que dedica os seus esforzos a ser cada día menos franqueábel.
E rematamos por ser vítimas dos danos colaterais desta pandemia.Vítimas porque non é que sigamos a ser invisíbeis, é que procuran directamente borrarnos ao tempo que nos utilizan.
Vénme á cabeza agora as palabras do presidente da Xunta nunha desas sesións do mediodía que realiza en vivo e en directo. Dixo que tiña un plan de cultura consensuado con todos os sectores.
Case me caen os pratos que estaba a fregar. Pola sorpresa. Sorpresa polo que dicía. Sorpresa porque sabía que a AELG non fora consultada. Foron décimas de segundo. Dúas frases despois dixo que lle ían presentar o plan a todas as entidades nunha próxima reunión. E tan campante. Digo, digo; digo Diego. Que foi esa manobra? Alienación. Imposición. Democracia aparente.
Despotismo do século XXI, Nada para o pobo e sen o pobo.
E así, fan pasar por consensuado un plan cultural que non ten o seu fulcro na cultura galega. Unha plan cultural posto ao servizo dos “eixes de traballo estratéxico da Consellería de Cultura e Turismo”.
Mais, se non me engano, ese traballo estratéxico é incrementar o turismo e facelo a través do Xacobeo. A modernización e o envoltorio da vella táctica colonialista de vender o país a anacos en lugar de potenciar a súa riqueza.
Esaxero?
Xulguen. Na páxina 10 do documento “Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19” recóllense as oportunidades para a recuperación do sector cultural e turístico (o sintagma é sempre esta coordinación copulativa), son tres: o modelo turístico galego, o camiño de Santiago e o Xacobeo 21. A santísima trindade, tres oportunidades para un único obxectivo verdadeiro: o turismo.
A estratexia é converter cultura e turismo en sinónimos. Repetirano cantas veces sexa necesario, até que a sinonimia aniñe nas nosas cabezas e acabemos aceptando a desaparición da cultura, polo menos da cultura galega. E polo camiño crear un repositorio dun mínimo de 150 eventos culturais (un millón e medio de orzamento para proxectos que poden acadar os 10.000€) dos que a Consellaría se apropia impoñendo a cesión dos dereitos patrimoniais da propiedade intelectual. Madía leva, xusto unha das lacras contra as que temos loitado, tamén desde a entidade que a todas as persoas escritoras nos representa, a AELG.
Todo para a cultura (e turismo) e sen a cultura.
E todo isto filtrado por unha troika (tres persoas expertas) designada dixitalmente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Escribo. Utilizo a escrita para razoar e entender. E o único que saco en claro é a frustración de ver metendo as mans na nosa cultura aos mesmos que a negan e renuncian ao idioma que a pariu. Así que me vai nacendo nas entrañas a sensación de que esta é “a cidade da cultura” desta fin de década, a nova hipoteca que pagaremos cunha nova desfeita da nosa cultura. Outra herdanza envelenada.Tácticas do novo despotismo do século XXI.
Non esquezamos. A memoria é unha arma poderosa, necesaria cando nos convidan a exercer o noso dereito nas urnas. E as urnas tamén son nosas, tamén son a nosa ferramenta para pular pola cultura que queremos, galega e feita desde Galiza.”










