Tabela dos libros. Novembro de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 1 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. María Canosa asina As pombas de Bastián e Unha fábrica de bicos, publicados por Xerais, e  H2… Oh!!!, ilustrado por Luz Beloso, publicado por Galaxia, xunto ao resto da súa obra.
18:30 h. Yolanda Castaño asina Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
18:30 h. Presentación de Tempos de pandemia, de Xavier Seoane e Xulio García Rivas, publicado por Espiral Maior. Participan, xunto aos autores, Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Presentación cruzada de A señorita Bubble e Os minimortos, de Ledicia Costas, e Vaia cabuxiño!, de El Hematocrítico, publicados por Xerais.
19:30 h. Xavier Seoane asina Tempos de pandemia, publicado por Espiral Maior, Cancións para Ana Lúa e Dicionario irreal para un país imposible, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
19:30 h. David Pintor asina A Coruña, publicado por Kalandraka.
20:30 h. Ledicia Costas e El Hematocrítico asinan as súas obras.
20:30 h. Presentación e sinatura de Destempo, de Silvia Bardelás, publicado por Barbantesa, con Ana Romaní.

Cuestionario Proust: Silvia Bardelás

DesdeSilvia Bardelás o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Silvia Bardelás:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son unha buscadora.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Algunhas parecen “certificadas”, saben estar neste mundo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan amigos.
4.– A súa principal eiva?
– Aquela da que non son consciente.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e ler, mirar a paisaxe e botarme a andar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Fun absolutamente feliz unha tempada, sendo adolescente, era anarquista cristiá ou algo así.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non a podo nin nomear.
8.– Que lle gustaría ser?
– A buscadora que son atopando novos puntos de vista sobre a vida.
9.– En que país desexaría vivir?
– En moitísimos e só por tempadas. Arestora en Xapón.
10.– A súa cor favorita?
– As das especias indias.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As nosas: camelias, mimosas e hortensias.
12.– O paxaro que prefire?
– Non son moi de paxaros, prefiro os patos.
13.– A súa devoción na prosa?
– Algúns deles: Cervantes, Goethe, Flaubert, Thomas Mann, Solzhenitsyn.
14.– E na poesía?
– Walt Whitman, Uxío Novoneyra, Rilke, Lois Pereiro.
15.– Un libro?
Ética de Spinoza.
16.– Un heroe de ficción?
– O idiota de Dostoievski e Oleg de Pavillón do cancro de Solzhenitsyn.
17.– Unha heroína?
– Ningunha. Ese é un buraco enorme na literatura.
18.– A súa música favorita?
– Bach, Mozart, Beethoven, Schubert, Pink Floyd, Michael Jackson, jazz…
19.– Na pintura?
– Pollock, Picasso, Vermeer, Lucio Muñoz…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todo aquel que se mantén íntegro.
21.– O seu nome favorito?
– José.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de contar os cartos.
23.– O que máis odia?
– O poder.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O tsar Nicolás, por parvo-frívolo.
25.– Un feito militar que admire?
– O desembarco en Normandía.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voz.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Non teño estado de ánimo habitual. Depende do que viva.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os inconscientes.
30.– Un lema na súa vida?
– Non ter lemas.”

Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras chegan ao catalán da man de Pulp Books

Desde Sermos Galiza:
“Desde o 2011 a marca Pulp Books -da editorial Rinoceronte- vén ofrecendo obras da nova literatura galega traducidas ao español a través dun catálogo no que viron a luz títulos de Berta Dávila, Carlos Meixide, Jaureguizar, Xurxo Borrazás, Bieito Iglesias, Xavier Alcalá, Francisco Castro, Silvia Bardelás ou as novelas Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Vidas post-it de Iolanda Zúñiga que teñen agora nova edición en catalán.
Con estes dous novos títulos, a editorial afincada en Cangas, ofrece ao público lector catalán dúas obras da nova literatura galega traducidas directamente a súa lingua, nun camiño singular poucas veces transitado. Dime algo sucio de Ameixeiras foi publicada en 2009, despois de que o autor e guionista gañase en 2006 o Premio Xerais con Tres segundos de memoria. O libro de microrrelatos Vidas post-it é o primeiro título de Iolanda Zúñiga que gañaría tamén o Xerais en 2010 con Periferia.
Despois de encetar a súa traxectoria coa tradución de obras ao castelán -que se ofrecen en formato dixital e libro impreso- Pulp Books adéntrase con estes novos títulos na tradución ao catalán como un novo ámbito para a difusión da nova literatura galega. En breve, o selo editorial publicará Dime algo sucio en alemán e italiano e en xaponés A arte do fracaso, de Berta Dávila. Ao catálogo en castelán incorporarán, entre outros, Cemiterio de Elefantes de Fran Alonso.”

Ourense: presentación de Unha troita de pé, de Silvia Bardelás

O xoves 22 de decembro, ás 20:00 horas, no espazo do xornal dixital El Cercano (Avenida da Habana, 49, 1º D) de Ourense, preséntase a nova novela de Silvia Bardelás Unha troita de pé, publicada por Barbantesa. No acto acompañará á autora Xosé Monjardín, e haberá unha actuación musical a cargo de Cristina Pato ao piano, mentres Xan Padrón amosa as súas fotografías de New York.

Madrid: Festa das letras galegas por Galicia en Madrid

“O Centro Social Autoxestionado La Tabacalera de Lavapiés é o escenario elixido para celebrar a Festa das Letras Galegas na capital de España. Será o próximo 21 de maio, no marco dun evento de sete horas e media co que botará a andar o proxecto cultural Galiciaenmadrid.com.
Era unha cita obrigada. Lois Pereiro regresa a Madrid, escenario fundamental na súa vida e obra. Madrid foi a cidade do desencanto universitario, a dos paseos polo Rastro, a das sesións de cinema na Filmoteca, a da aprendizaxe de idiomas, a dos fulgores da Transición e a movida, pero tamén a da fatalidade polo envelenamento do aceite de colza. Pero sobre todo, Madrid foi a cidade dos primeiros poemas, onde Lois Pereiro se fixo público con aqueles versos na revista experimental Loia, promovida por un grupo de galegos instalados na cidade, entre os que estaban o seu irmán Xosé Manuel Pereiro, Manuel Rivas, Menchu Lamas e Antón Patiño. Precisamente o fillo destes dous últimos, Lois Patiño, é un dos participantes neste ambicioso proxecto de Galiciaenmadrid.com que puxeron en marcha Silvia Bardelás e Beatriz González Goce, coa colaboración doutros galegos residentes en Madrid, para dar a coñecer a realidade da nosa cultura na capital de España.
Este proxecto cultural botará a andar o próximo 21 de maio coa celebración da Festa das Letras Galegas en La Tabacalera, sita no popular e multicultural barrio de Lavapiés, un escenario á medida de Lois Pereiro, o guía deste gran desembaque da cultura galega en Madrid.

PROGRAMA

16:00 h. Inicio das actividades:
NAVE CENTRAL: Dramatización de Esther Carrodeguas. Collage.
SALA 1: Proxección da película de animación De Profundis de Miguelanxo Prado.
SALA 2: Proxección de curtas de animación, mostra do cómic en Galicia (Álex Cal, Emma Ríos, David Rubín, David Braña…).
PATIO (aire libre): un equipo de grafiteros galegos realizará unha intervención conxunta nas paredes de La Tabacalera.
17:00 h.
NAVE CENTRAL: Performance a cargo de Natalja Dudek con poemas de Elías Portela.
SALA 1: Proxección de curtas documentais de festivais musicais de Galicia: Festival música folk de Ortigueira, Cultura Quente de Caldas, Festival FAX de Ourense, Festival Vigo Transforma e Festival de jazz de Vigo Imaxina Sons.
SALA 2: Documental de Pablo Outón sobre a actividad do graffiti en Galicia.
18:00 h.
NAVE CENTRAL: Dramatización dun texto de Xesús Manuel Marcos e presentación da editorial Pulp Books.
SALA 2: documental sobre a historia e actividade do Festival de Cans e sesión continua de curtas, making off de animación e cómic.
19:00 h. HOMENAXE A LOIS PEREIRO:
* Presentación de Lois Patiño.
* Lectura pública.
* Dramatización de Alfonso Armada.
* Lectura de Xosé Manuel Pereiro.
* Música a cargo de Manu Clavijo e O Leo.
* Proxección de imaxes.
21:00 h. Conexión en directo coa clausura do Festival de Cans; e proxección do making off da intervención dos grafiteiros nas paredes de La Tabacalera.
21:15 h. Festa gastronómica na Nave Central con música de gaitas.
21.45 h. Concerto do Grupo Correos e de de Jing Hang Man e os Cunha Brothers.
23:30 h. Despedida e peche.”

Silvia Bardelás: “En Alemaña gustou que tocase un tema universal”

Entrevista a Silvia Bardelás en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): As Médulas é unha metáfora?
Silvia Bardelás (SB): Si, é unha paisaxe que me viña moi ben para explicar a situación das personaxes que están metidas como entre paredes que son as montañas do Bierzo. Por outra banda, son as médulas dos catro personaxes tamén, que o narrador métese nelas. (…)
LVG: Vostede dirixe un blog literario e vive en Madrid. ¿Dende esa perspectiva como ve a literatura actual galega?
SB: Vexo que está demasiado comercializada e ten que apostar por cousas novas e dalas. Hai unha tradición literaria moi boa en Galicia e a lingua está moi ben para escribir.
LVG: ¿Quere dicir que lle falta frescura?
SB: Non quero dicir que non haxa ideas frescas, pero quizais hai que apoialas máis, aínda que iso tamén ocorre a nivel mundial.”