Eli Ríos: “Cando adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores”

Entrevista de Uxía Iglesias a Eli Ríos en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): A túa escrita é claramente feminista. É unha necesidade? Poderías concibilo doutro xeito?
– Eli Ríos (ER): Non creo que sexa unha necesidade. Ser feminista non é algo que escollas. Non podes dicir: ‘pois vou ser feminista de nove a nove e media’. É unha mirada, é unha forma de estar na vida, eu son feminista as 24 h da vida e en todos os aspectos da miña vida. É algo natural. A miña ten que ser unha escrita feminista porque é o que eu son. (…)
– GC: E no teu caso, cales foron e son os teus referentes?
– ER: O que lin no instituto foron sempre obras de señores. Medrei pensando que as mulleres non escribiamos. Eu vía a Rosalía, a única señora, e era unha Rosalía que sempre estaba chorando e queixándose de todo, e claro, a min interesábame ben pouco. Pero de repente comezas a facer todo este proceso, que leva o seu tempo… Raio! Somos a metade da poboación, estatisticamente é imposible que as mulleres non escribamos. Comezas a investigar, cousa que non é facil porque non está accesible, e descubres a Ursula K. Le Guin, descubres a Agatha Christie na novela negra… ‘Como non me deron a coñecer isto antes?’ Regresas outra vez sobre Rosalía e decátaste de que é a primeira feminista da nosa historia, de que está reivindicando a loita das mulleres e as nosas raíces.
No momento no que adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores, porque non me interesa. É sempre o mesmo, teñen catro clichés e non saen de aí. Interésame moito máis o que fan as mulleres porque escriben desde as marxes, dende unha posición de non privilexio. A partir de aí é dende onde se contan cousas que a min me interesan. Xela Arias, por exemplo, esa muller que di ‘intempériome‘. Como non a estudamos nos institutos? Como non chegamos á súa literatura? Paréceme aberrante. Todas as mulleres que escribiron antes ca a nosa xeración foron abrindo portas: María Xosé Queizán, María Vitoria Moreno, Xohana Torres, a inmensa Begoña Caamaño. Todas elas son mulleres que nos facilitaron o camiño e nos ofreceron referentes ás autoras de hoxe. Non seriamos nada sen o traballo das compañeiras. (…)
– GC: E como está de saúde o mundo literario?
– ER: Eu traballo nas marxes, con mulleres. Nesas marxes o sistema literario é vizosísimo. Estanse facendo traducións feministas, textos que rompen con todo o anterior, xa sexa na forma e no contido. O resto? Non me interesa o sistema literario que fala sempre do mesmo. Creo que hai un mercantilismo atroz que vai acabar con nós, que nos vai autoconsumir. Estámoslle prestando moitísima atención ás campañas de marketing, e un dos que máis funciona é o do feminismo. Ti poslle a un libro a etiqueta de feminismo e parece que xa está todo feito, cando o contido está dicindo exactamente o mesmo: hai un señor que me explica cousas. Ese mercantilismo, ese sacar produtos porque si, vai acabar con nós, converteranos nun panfleto. Precisamente nas persoas que están creando nas marxes está o futuro da literatura galega. (…)”

Ana Romaní ingresa na Real Academia Galega reivindicando a escoita na creación poética e no xornalismo

Desde a Real Academia Galega:
“No ano 2003, no Teatro Coliseo de Noia, Xohana Torres interveu na homenaxe a Antón Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas dedicado ao escritor. Ambos compartiron infancia á beira do mar, os dous souberon escoitar como poetas, e tamén o fixeron nos programas de radio que gravaron alén e aquén mar. Case dezaseis anos despois daquel 17 de maio, volveron estar presentes no mesmo auditorio, no discurso de ingreso na Real Academia Galega doutra creadora da poesía e da radio: Ana Romaní. A poeta e xornalista, natural desta localidade, convocou estes dous referentes no seu espertar poético, xunto a outras autoras das letras galegas, nunha intervención que foi unha ollada ao mundo desde o feminismo e o comunal e colectivo. E desde ela, fronte á “xordeira”, reivindicou a dignidade da escoita no literario e no xornalismo.
A académica de número Margarita Ledo foi a encargada de lle dar resposta nunha intervención na que repasou a traxectoria literaria e xornalística da nova compañeira de plenario, inzada de recoñecementos, o último deles o Premio Nacional de Periodismo Cultural que concede o Ministerio de Cultura. Da obra literaria de Ana Romaní salientou, entre outros trazos, ese “desexo de comunidade” tan patente no propio discurso que pronunciou hoxe, un “devezo polo común que tamén colle corpo na súa actividade profesional” .
“Hoxe é un día feliz para a Real Academia Galega polo ingreso na institución de Ana Romaní e por estar en Noia, que é unha maneira de levar a RAG polo país. Cando os académicos falamos da súa entrada pensamos na poeta, na activista cultural que leva moito tempo comprometida co país, e tamén na comunicadora”, salientou pola súa banda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tras facerlle entrega da medalla e o diploma de académica de número.
Ana Romaní ocupa desde este sábado a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xohana Torres, (Ferrol, 1929 – Vigo, 2017), “símbolo de decidida navegación e ousadas travesías”. Con ela estableceu o diálogo inicial do discurso titulado Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas, a bordo dunha nave na que tamén rescatou a voz do poeta noiés Avilés de Taramancos, outra figura decisiva no seu “tear do poético”. A viaxe arrincou sucando o mesmo mar no que a súa predecesora puxera a navegar a Penélope no célebre poema que publicara por primeira vez na Festa da Palabra Silenciada (1987). (…)”

Xosé Luís Méndez Ferrín: “A loita segue merecendo a pena”

Entrevista de María Obelleiro a Xosé Luís Méndez Ferrín en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vaiamos ao momento dos primeiros contactos co nacionalismo en Pontevedra, á chegada a Compostela e ao coñecemento de primeira man do proxecto de Piñeiro. En que se concretaba o seu proxecto político?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Eu recibín un shock, que non me matou nin me confundiu nin nada do estilo. Eu tiven unha formación nacionalista, fundada na lectura do Sempre en Galiza e, sobre todo, nun texto que hoxe non se valora, A doutrina nacionalista de Vilar Ponte. Tiña definido o meu esquema nacionalista cunha dúbida pública: por que toda a xeración de Vilar Ponte non era independentista, arredista, como dicían eles. A miña sorpresa foi que ao chegar a Compostela, onde estudei, vin que a doutrina do grupo galeguista oficial era militantemente anti-nacionalista e formalizada por Ramón Lugrís nuns textos que non chegaron a publicarse máis que fragmentariamente no libro de Franco Grande Os anos escuros. Iso momentaneamente fixo que eu aceptase a disciplina do grupo pero que tivese a miña reserva ideolóxica. Eu era nacionalista, como un grupo de mozos como Xohana Torres, Reimundo Patiño… A Bautista [Álvarez] aínda non o coñecía. Foi un malestar que tiven que sufrir durante dous anos que se compensaban co contacto directo con Otero Pedrayo, que era un consolo.
– SG: Alude a Patiño e a Bautista Álvarez. Existía vontade dentro do grupo Brais Pinto, na súa pluralidade ideolóxica, de articular algo que fose alén da acción cultural? Que hai da axenda oculta das reunións con Soto, Seoane ou Patiño?
– XLMF: E Moreda. Sempre estaba esa idea. En realidade nunca nos consideramos un círculo cultural, eramos un círculo político e desde o primeiro momento en que callou de forma espontánea en 1958 o proxecto era facer un partido. Que partido non sabiamos moi ben aínda, porque o Partido Galeguista tampouco era o noso obxectivo. Aí tivo moita importancia, máis que Seoane –que era moi caótico politicamente–, Luís Soto, que estaba fóra e era independentista. O que nós sentiamos ía tomando forma e ligándonos coa historia. Moreda ligábanos coa legalidade republicana do Consello de Galiza, que o proxecto político de Ramón Piñeiro –e cítoo a el porque era o xefe absoluto, era unha ditadura total– negaba, burlándose do vellos que eran. (…)”

Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do venres 1

O venres 1 de xuño abre as súas portas a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

17:30 h. Espazo efémero. Inauguración SELIC. Brinde con Rosalía de Castro.
18:30 h. Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos. Deputación da Coruña. Presentación do libro de Xohana Torres. Participarán á Vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación de A Coruña, Goretti Sanmartín Rei, Xan Carballa e Ana Romaní.
19:30 h. Xandobela. Poemas estampados. Obradoiro creativo no que ilustraremos poemas con selos e tintas de cores.
21:30 h. OFF SELIC. Quico Cadaval. Contada a cargo de Quico Cadaval organizada polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago.

Recuperan un ensaio de Xohana Torres sobre San Andrés de Teixido

Desde Sermos Galiza (foto de Xan Carballa):
“Os prolongados silencios editoriais de Xohana Torres, sobre todo nas últimas décadas, non se corresponden co seu ritmo de produción. A Deputación da Coruña e a editora Engaiolarte botan agora luz sobre un ensaio seu, inédito, que a propia institución premiara en 1972 e que nunca vira o prelo: Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos.
“O libro mostra a preocupación da escritora pola nosa cultura e identidade, polas lendas e a paisaxe, seguindo o Otero Pedrayo que indicaba que hai que tripar e coñecer o territorio”, afirmou a vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín na presentación da edición na Fundación Granell de Compostela.
Xohana Torres (Compostela, 1920 – Vigo, 2017) mesmo chegou a revisar e emendar o texto que agora se publica. Que, segundo explicou Xosé Puga de Engaiolarte, se emocionou “ate as bágoas ao ver a maqueta. Xohana tiña unha espiña cravada que á fin puido quitar”. A poeta, dramaturga e novelista, consideraba Santo Andrés de Teixido “o único mito universal galego” e “amaba os sanandreses”, as figuras de miolo de pan.
Engaiolarte xa se encargara da edición do último libro que Xohana Torres viu editado en vida, os poemas de Elexías a Lola. De “alfaia” cualificou Sanmartín a publicación, que conta con fotografías de Xulio Xil. “Este era o libro que máis ilusión lle facía”, lembrou Puga, “e aínda que non viu, si o imaxinou, porque eu mesmo llo contei”.”

Homenaxe da Fundación Rosalía de Castro ás escritoras Xohana Torres, Pura Vázquez, Mª do Carme Kruckenberg e Xela Arias

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Daquelas que cantan: Xohana Torres, Pura Vázquez, Mª do Carme Kruckenberg e Xela Arias. Con Helena González Fernández, Chus Nogueira, Mercedes Queixas Zas e Camiño Noia. Homenaxe da Fundación Rosalía na Casa de Rosalía. Pode escoitarse aquí.”

O Pleno da RAG nomea a Ana Romaní académica de número electa

Desde a Real Academia Galega:
“O Pleno da Real Academia Galega nomeou na sesión plenaria celebrada o sábado 17 de marzo a Ana Romaní académica numeraria electa. A candidatura fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xohana Torres, falecida o pasado 12 de setembro. (…)
A académica de número electa lerá o seu discurso de ingreso na RAG nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses. Ana Romaní (Noia, 1962) é unha voz de referencia do xornalismo cultural e da poesía galega contemporánea. Desde 1990 está á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido da radiodifusión en España. O seu labor xornalístico foi recoñecido con distintos premios aos que hai que engadir os galardóns concedidos ao propio programa. (…)
No Pleno foi elixida académica correspondente Carme Pazos Balado (1968). Experta no estudo do léxico galego, a profesora foi durante moito tempo peza fundamental do Seminario de Lexicografía da Academia, ao que estivo vinculada durante case 25 anos. (…)”

A Coruña: homenaxe da Real Academia Galega a Xohana Torres