“O
recorte do 62 % que os presupostos xerais do Estado teñen previsto para a Real Academia Galega deixan a esta institución nunha «grave» situación, segundo admitiu o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín. A RAG ten paralizadas as súas actividades e pode manter polo momento o seu funcionamento básico, pero Méndez Ferrín admitiu que «non queda marxe de manobra». Os presupostos estatais consignaron en 2011 unha partida de un millón de euros para a Real Academia Galega, cantidade que tentaba compensar o agravio comparativo con institucións como a catalana e a basca, que superaban esa cantidade, mentres a RAG non chegaba aos 200.000 euros. Esta consignación tiña que ser aprobada anualmente. «A comparativa das cifras xa o explica todo, pero ademais está o agravio histórico, porque as outras academias levan dez anos con esas asignacións e para a galega era o primeiro ano que se conseguía», di o presidente da RAG. O recorte sobre ese millón consignado o exercicio pasado volve a deixar á Academia con ingresos precarios e, segundo sinala o seu presidente, «sen que tampouco a Xunta veña a rescatarnos, porque este ano rebaixou un 28 % e xa o ano pasado nos recortara a asignación». Para Méndez Ferrín, o «rescate» pode vir dos diputados galegos no Congreso, que introduzan «unha modificación parlamentaria nos presupostos e se incremente a asignación». «Confiamos en que os diputados galegos do PP, do PSOE e de Bloque veñan ao rescate e, como xa sucedeu na lexislatura anterior, melloren a cantidade inicial prevista», declarou Ferrín. Co recorte decidido polo Ministerio de Educación y Cultura, explica o presidente da RAG que do que os galegos aportan aos presupostos do Estado «están destinando máis diñeiro para financiar a Academia de Farmacia que a súa academia da lingua, e non creo que iso lle guste a ningún galego». Ferrín advertiu que se non se consigue unha enmenda aos presupostos a «Academia quedará nunha situación económica moi grave».” Vía La Voz de Galicia.
Arquivos da etiqueta: Xosé Luís Méndez Ferrín
Un gran acto cívico lembrará os 50 anos do Día das Letras Galegas
Artigo
en La Voz de Galicia:
“A Real Academia Galega xa ten perfilado o acto co cal vai conmemorar os 50 anos da celebración do Día das Letras Galegas. Será a finais deste ano na Coruña, na praza de María Pita, e o obxectivo é que teña unha ampla representación institucional, pero tamén social. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, adiantou onte en Santiago as liñas nas que traballa a institución, logo de compartir unha longa conversa de máis dunha hora en San Caetano co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos. «Había moito que falar coa Xunta, pero estamos contentos coa súa implicación», dixo Méndez Ferrín, quen recoñeceu que aínda queda moita programación por pechar e que a Real Academia precisará da axuda das institucións para preparar un acto no que queren que haxa presenza dos alcaldes das cidades e vilas que contaron cun homenaxeado nalgún 17 de maio do último medio século. Tamén queren encher María Pita con estudantes de colexios deses mesmos municipios. Con certa ironía, o presidente da RAG referiuse á necesidade de «cofinanciación». «Porque nós somos unha entidade pobre», apuntou. Con todo, non marchou coas mans baleiras do despacho do presidente da Xunta. No encontro, Feijoo confirmou o compromiso da Xunta para a organización das actividades especiais e avanzoulles aos académicos o programa no que traballa a Administración autonómica para as Letras Galegas. O Goberno acompañará ao plenario da RAG no acto institucional do 17 de maio en Vigo, dedicado a Valentín Paz-Andrade, e tamén impulsará diversas actuacións de dinamización social, como o apoio á web oficial sobre o homenaxeado, promovida por Industrias Pesqueras. Tamén haberá unha difusión especial de poemas sobre o escritor a través da televisión en formato de minipezas audiovisuais e con accións de rúa de música e poesía. (…)”
Ourense: recital poético do PEN Clube polo Día Mundial da Poesía
O mércores 21 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro Cultural da Deputación de Ourense, terá lugar a tradicional celebración do Día Mundial da Poesía que organiza o Pen Clube de Galicia. No acto intervirán o Conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez Abad, o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín e Luís González Tosar, o presidente do Centro PEN Galicia. O acto contará coa lectura de poemas de Alba Cid e Celia Parra coa actuación musical de Miriam Figueiras e Marco Foxo.
“A pegada de Eros”
Artigo en El País:
“Non hai en toda Europa outro poeta que, coma Martín Códax, conte dacabalo entre os séculos XII e XIII como unhas mozas se van bañar ao mar co seu “amigo”. Nin outro autor do tempo de Cunqueiro que poña a un fillo a meterlle a lingua na boca a súa nai, como en O incerto señor don Hamlet. Son só dous exemplos escollidos polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín para refutar a, ao seu ver, estendida lenda urbana sobre o cativo desenvolvemento da literatura erótica en galego. Un estereotipo cuxo obxectivo é, asegura, “o intento de presentar a nosa literatura como atrasada”. A etiqueta literatura erótica, reflexiona a escritora e profesora María do Cebreiro, puido ser “produtiva mediática e criticamente” a partir dos noventa. Iniciativas como os Contos eróticos de Xerais, o premio Narrativas Quentes de Positivas, o Illas Sisargas, o Máquina de Vapor ou o Ferve a Rede contribuíron a visibilizala. Mais calquera óptica sobre o tema bate co primeiro atranco da dificultade de delimitar o seu obxecto. “Non ten sentido ensaiar unha definición de literatura erótica que teña vixencia desde Platón a Yolanda Castaño”, advirte a autora dos poemas de (nós, as inadaptadas). Segundo o concepto de xénero erótico que se manexe, a súa presenza xúlgase de modo distinto. A profesora Dolores Vilavedra sinala n’A narrativa galega na fin de século o desenvolvemento serodio da novela erótica. Pero matiza que, vencido o “tabú”, xeneralízase a aparición de escenas de contido erótico. Convida, ademais, a non confundir literatura erótica coa que inclúe algunha descrición do acto sexual. O crítico Francisco Martínez conflúe con ela ao subliñar a demora do asentamento do xénero na narrativa. E propón como explicación a censura franquista. Porén, “a primeira novela erótico-sentimental galega, A modelo de Paco Asorei de Xoán Xesús González, foi publicada no 1933”, lembra. (…)”
A Academia colgará na Rede o novo dicionario, con 50.000 entradas
Artigo
en La Voz de Galicia:
“«O novo dicionario estará na Rede dentro duns días». Isto anunciou onte Xosé Luís Méndez Ferrín. O presidente da Real Academia Galega falaba do novo dicionario da RAG diante do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que fixo a súa primeira visita oficial á Academia. «Son máis de 50.000 entradas, o dobre que no anterior», detallou Manuel González, académico que encabeza o Seminario de Lexicografía da RAG que foi o encargado de elaborar este traballo. González indicou que «o texto definitivo está entregado para colgar na Rede», aínda que se está traballando na parte máis técnica para facilitar o acceso. Foron nove especialistas os que desde hai oito anos estiveron traballando neste novo dicionario. É un volume normativo, en canto ortografía ou pronuncia e tamén no semántico e en canto a significado. A obra incorpora a información sobre a procedencia das palabras e datos sobre a que rexistro oral pertencen, desde o culto ao familiar. Para os autores, hai solucións e definicións que poden ser consideradas como definitivas. O anterior dicionario da RAG fora publicado en 1997 e foi editado conxuntamente por Xerais e Galaxia. O novo volume publicarase en papel «máis adiante, dentro de oito meses o así», apuntou Manuel González. «Estamos facendo unha Gramática, ¡despois de cen anos!; estase traballando tamén nun dicionario de apelidos galegos, evacuando consultas e nomes de persoas e apelidos para que sexan usados correctamente. A nosa vocación é de traballo, temos que velar pola lingua e pedimos respaldo económico e respaldo moral, que o temos», engadiu Xosé Luís Méndez Ferrín antes do encontro co novo conselleiro de Cultura.”
Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos
O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas,
na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.
Nomeamentos na Real Academia Galega
“A
Real Academia Galega prepara un amplo programa de actividades, no que se inclúen publicacións e actos musicais por toda Galicia, para conmemorar os 50 anos da celebración das Letras Galegas, edición na que será homenaxeado Valentín Paz Andrade. Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, tras comparecer en rolda de prensa xunto ao presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín. Segundo resaltou, a Academia “quere dar a máxima difusión” a un proxecto de actos conmemorativos para celebrar o que “é a maior festa cultural de Europa” se se ten en conta o carácter popular e participativo desta. Axeitos sinalou que a RAG “prepara actos moi importantes”, que xestiona con “empresas privadas” debido ás “dificultades” económicas actuais, polo que aborda o programa con empresas de comunicación, industrias e grandes compañías “para poder presentar actos de música, folletos, libros e concertos por todo o país”. (…)
O primeiro plenario de 2012 da Real Academia Galega serviu, ademais, para nomear a catedrática de lingua e Literatura portuguesa e brasileira do Departamento de literaturas comparadas da Universidade de Roma Tre Giulia Lanciani académica de honra. “É unha eminente investigadora e divulgadora do noso corpus lírico medieval, con edicións e importantes estudios que son referencia obrigada entre os estudosos deste campo”, indica a RAG. Ademais, o plenario acordou nomear académicos a Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez, relacionados coa constitución de diferentes seccións nas que está organizada a Academia e que “están chamadas a desenvolver un importante traballo no ámbito da gramática, lexicografía, onomástica, a literatura e a historia”. Deste modo, estes recén nomeados académicos incorporaranse aos traballos xa programados polas diferentes seccións da Real Academia Galega.”
Goián, Tomiño: nomeamento oficial de Xosé Luís Franco Grande como fillo predilecto de Tomiño
O
sábado 14 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Goián, celebrarase o acto polo que o Concello de Tomiño fai oficial o nomeamento do escritor Xosé Luís Franco Grande como fillo predilecto do municipio. Á cita acudirán numerosos nomes coñecidos, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Villares, Teresa Conde-Pumpido, Luis Manuel García Mañá, Carlos Varela García ou Xosé Manuel Beiras. Vía Galaxia. Recensión en Galicia Hoxe.
Revista Arraianos 9
“A
revista Arraianos, coordinada pola asociación do mesmo nome e publicada por Alvarellos, chega ao número 9 centrado no centenario de Celso Emilio Ferreiro. Co lema Celso Emilio fai 100 anos, o volume recolle unha serie de artigos sobre o poeta a cargo de nomes tan destacados como Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás ou Xaime Quessada entre moitos outros. Entre os contidos destacan dous poemas inéditos, un en galego e outro en castelán ou unha carta de Celso Emilio a Cunqueiro. A revista, da que se tiraron 500 exemplares, acompaña un CD no que Labregos dos tempo dos sputniks versionan o poema O meu reinado. Logo da presentacion oficial do volume, o pasado sábado 7 de xaneiro en Celanova, o vindeiro día 13 darase a coñecer esta entrega na libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, ás 20:00 horas.” Vía Cultura Galega.
Camilo Franco: Pereiro, o heterodoxo integrado
Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“Méndez Ferrín sentenzou ao finalizar o Congreso da Real Academia Galega que todos «os anos non podemos ter un Lois Pereiro». A valoración do presidente da RAG explica a circunstancia, coreada desde algúns ámbitos, de que este Día das Letras Galegas saíuse do patrón e levou a celebración a sectores sociais e culturais que permaneceran alleos a ela.
Para o presidente da Academia, as celebracións demostraron a «potencia da cultura galega e súa variedade». Admite Ferrín a singularidade e a versatilidade das actividades celebradas este ano e o atribúe á calidade poética «dunha figura que, como dixo Gimferrer, é unha das grandes da poesía en Europa, conectado ás correntes do seu tempo».
Para Manolo Rivas, compañeiro en algúns dos colectivos poéticos nos que foi incluído o poeta, «a enerxía despregada pola sociedade galega arredor de Pereiro ao longo deste ano demostra non só que a poesía de Lois está moi viva e ten capacidade de conectar coa sociedade agora, tamén explica que hai moita xente disposta a participar e a utilizar a obra de Lois para facer outras cousas». Unha enerxía social que, segundo Rivas, «non vai haber recortes que poidan parala».
Tanto Ferrín como Rivas dan por boa a descrición de Pereiro como heterodoxo e os dous académicos da lingua consideran lóxico o proceder da institución lembrando a un autor pouco académico. Ferrín considera que a RAG non fai «as cousas porque si Pereiro foi unha elección axeitada, como todas as da Academia, aí están os resultados». Para Rivas, o éxito deste ano dedicado a Pereiro demostra que a «Academia está atenta ao que pasa na rúa».
Para o irmán do escritor, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, «foi un ano sorprendente, primeiro pola cantidade de actividades e logo pola variedade». Engade o irmán do escritor que hai que ter en conta «a variedade de propostas que foron nacendo arredor da obra de Lois, fosen libros, películas, discos, teatro ou concertos». O periodista explica que a polémica arredor da elección de Pereiro «só demostra o interese que hai polo autor e pola celebración». Para o irmán do poeta, o carácter diverso e pouco académico da súa obra «foi unha das circunstancias decisivas para que este fose como foi». O propio xornalista sinalou na Academia que o Día das Letras «pode elevar ou tombar a un autor». Considera que no caso do seu irmán «non hai perigo do segundo».
Para algúns críticos, a obra de Pereiro «ten solventados os riscos de institucionalización». Explícao Olivia Rodríguez, quen sinala que o proceso de «canonización de Pereiro xa comezou no ano 85 e ao longo deste ano recibiu un pulo definitivo». Explica tamén que a obra «non quedou esgotada neste ano».
Mercedes Queixas pide aproveitar o resultado deste ano para «repensar o canon literario en Galicia e non perder de vista o ensino nin o funcionamento que poidan ter determinadas obras na escola».”