A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o sábado 3 e domingo 4

O sábado 3 e domingo 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 3
– 12:00 h. Presentación do libro Nicomedes o pelado dos autores Pinto & Chinto, publicado por Kalandraka. Xunto cos autores, participará no acto o escritor e profesor Xosé Manuel González “Oli”.
– 13:00 h. Contacontos: O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por Nova Galicia Edicións.
– 18:30 h. O escritor, xornalista e académico Xosé Neira Vilas presenta os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais e Aquel neno, publicado por Embora. Xunto co autor, participarán na presentación os directores das editoriais, Manuel Bragado e Miguel Toval. Ao remate do acto o escritor asinará exemplares dos libros e do resto das súas obras.
– 19:00 h. Alberte Blanco Casal asina libros na caseta de Libraría Nóbel Universal.
– 19:00 h. Xosé María Lema Suárez asina exemplares de Costa do Solpor na caseta da Librería Nós.
– 20:00 h. Pedro Feijóo asina exemplares do seu libro Os fillos do mar na caseta da Libraría Nós.
– 20:00 h. Presentación do libro Raíz de fenda, de Berta Dávila, publicado por Xerais. Participan no acto Dores Tembrás, Manuel Bragado e a autora do libro.
– 21:00 h. Presentación do libro As pontes do ego sum, de José Manuel Ledo Santiso, publicado por Ir Indo.

Domingo 4
– 12:30 h. Rocío Leira asina na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
– 20:30 h. Presentación do libro A cociña dos Cunqueiro, publicado por Editorial Galaxia. Participan no acto César Cunqueiro, Miguel Vila e Víctor Freixanes.

Crónica da conmemoración do 50 aniversario da morte de Gonzalo López Abente

Desde a Fundación Gonzalo López Abente:
“A transcendente figura do poeta Gonzalo López Abente para os muxiáns e para o conxunto da cultura galega, foi homenaxeada no 50 aniversario da súa morte, que tivo lugar o 23 de xullo de 1963. Os acto xa empezaran o sábado día 13, cunha exposición de pintura de Viki Rivadulla, e a estrea da composición musical de Miguel Brotóns, baseada no poema de Abente, O meu mar. O sábado día 20 a Fundación Gonzalo López Abente, organizadora do evento, celebrou un plenario, no que tomaron posesións como novos patróns, Xosé María Lema en representación da Real Academia Galega, ademais de José Enrique Benlloch e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos titulo persoal.
Despois do plenario os patróns e numerosos veciños de Muxía acudiron ao cemiterio para facer unha ofrenda floral na tumba de Gonzalo López Abente, onde falou o historiador Manolo Vilar sobre os acontecementos do enterro de López Abente, e os poetas Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, deron lectura a textos de escritores coetáneos de López Abente sobre o seu falecemento.
Xa no Salón de Actos do Voluntariado continuaron os actos, que se iniciaron coa actuación das Pandeireteiras de Muxía, e a continuación presentouse o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente, na que interviñeron Felix Porto, presidente da Fundación e Alcalde de Muxía, que deu lectura un texto enviado por Méndez Ferrín desculpando a súa ausencia e loando a figura de López Abente, de quen se manifesta entusiasta lector dende moi novo. Interviñeron tamén X. H. Rivadulla Corcón, que falou do significado da obra de Abente para as xentes de Muxía, como está feita a partir dun sentimento moi muxián, e de como a figura do poeta e a súa obra son a día de hoxe un dos símbolos identitarios máis relevantes de Muxía. Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, editora da obra conxuntamente coa Fundación, falou da importancia que ten para a cultura galega contar coa obra de López Abente recollida integramente no volume que presentaban, e por último Miro Villar, editor literario da Poesía Completa, falou dos criterios da edición e de como para el supoñía, esta edición, cumprir un soño longamente agardado, e lembrou como chegou á obra de López Abente, descubrindo un poeta dunha alta calidade literaria e lingüística.
Despois desta presentación tocou a quenda da entrega do Iº premio de Poesía Gonzalo López Abente, que foi entregado a Daniel Salgado polo seu libro Dos tempos sombrizos (Diario). Interviñeron, de novo Félix Porto, e a continuación Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, que editará o libro premiado, que falou da importancia dos premios para a poesía galega. A continuación Marilar Aleixandre falou en nome do xurado, lendo a acta do premio, e comentando as claves da obra premiada. A Daniel Salgado entregáronlle o premio, Arturo Suárez, tesoureiro da Fundación, e Viki Rivadulla, que ademais de secretaria da Fundación e do xurado, é a autora da escultura que se lle entregou ao premiado conxuntamente coa dotación económica.
A continuación tivo lugar a doazón que os pintores, Xervasio Sar, e Nolo Suárez, fixeron de sendos cadros á Fundación, como agasallo a xeito de homenaxe persoal á figura de López Abente.
E o broche final foi a estrea dunha peza musical baseada no poema de Abente A pedra da Barca musicado por Charo Vázquez Freire, directora da Coral Virxe da Barca, que interpretou a peza musical.”

Zas: actividades literarias destacadas da Semana Cultural

Desde Que pasa na Costa:
Dentro da Semana Cultural de Zas organizada polo Concello no Centro Sociocultural destacamos os seguintes actos literarios:

Domingo 28 de xullo
– 19:00 h. Charla-coloquio con Xosé Neira Vilas.
– 19:30 h. Apertura de exposicións (horario de visita, de luns a venres de 16:30 a 20:00 horas). Entre elas: Querido Balbino: Memorias dun neno labrego, con Xosé Neira Vilas e Valentín García.

Martes 30 de xullo
– 21:00 h. Presentación-recital do libro Versus cianuro, publicado pola A. C. Caldeirón.

Xoves 1 de agosto
– 19:00 h. Presentación do libro Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicado por Xerais.

Taboleiro do libro galego (XIII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena, última ata o mes de setembro. Agradezo a xenerosa colaboración destas dezasete librarías galegas para compola: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith, Livraria Suévia e Carricanta.”

NARRATIVA
1º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
2º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. O anxo de Eva, de Marina Mayoral, Edicións Xerais.
5º-. Winnipeg, de Hixinio Puentes, Edicións Xerais, e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.

POESÍA
1º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, Edicións Xerais (edición de Fran Alonso).
3º-. Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira, Baía Edicións.
4º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
1º-. A cociña dos Cunqueiro, de Elvira González-Seco Seoane, Editorial Galaxia.
2º-. Inmateriais, de Suso de Toro, Edicións Xerais.
3º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. As lambetadas de Larpeiros, de Merchi Rodal, Editorial Galaxia.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
2º-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
3º-. Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly, Editorial Galaxia (tradución de María González).

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música,  de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Edicións Xerais.
2º-. Máis alá, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.
3º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

Cambados: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 27 de xuño, ás 20:30 horas, nas instalacións de Exposalnés de Cambados (Praza da Calzada), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado coa Libraría Ramón Cabanillas, participa, xunto ao autor, Francisco Fernández Rei.

Taboleiro do libro galego (XII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena. Agradezo a xenerosa colaboración destas dezasete librarías galegas para compola: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith, Livraria Suévia e Carricanta.”

NARRATIVA
1º-. Infiltrados, de Alfonso Eiré, Biblos.
2º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
5º-. Winnipeg, de Hixinio Puentes,  Edicións Xerais.

POESÍA
1º-. Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).
2º-. Teatro, de Roi Vidal, Espiral Maior.
3º-. Abecedario póstumo, de Cristina Ferreiro, Espiral Maior.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Inmateriais, de Suso de Toro, Edicións Xerais.
2º-. Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Edicións Xerais.
3º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. Morreu o demo, acabouse a peseta, de Tintimán Audiovisual, Urco Editora.
5º-. A cociña dos Cunqueiro, de Elvira González-Seco Seoane, Editorial Galaxia.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Endogamia 0.2, de Ramón Caride, Edicións Xerais.
2º-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
2º-. Máis alá, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.

Muxía: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 21 de xuño, ás 21:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Muxía, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, participan, xunto ao autor, Félix Porto, Manuel Vilar Álvarez e Alexandre Nerium.

Arteixo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 14 de xuño, ás 21:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, participa, xunto ao autor, Xosé María Rei Lema.

A Estrada: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O mércores 22 de maio, ás 21:00 horas, no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (Avenida Benito Vigo, 92), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello da Estrada, a Biblioteca Antón Losada Diéguez, e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Losada Diéguez, participan, xunto ao autor, Xoán Carlos Garrido, David Otero e Manuel Bragado.

Vimianzo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O sábado 11 de maio, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Vimianzo e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, participan, xunto ao autor, Manuel Antelo, Chus Barbeira, Concha Blanco, Alexandre Nerium e Manuel Bragado.