Desde Sermos Galiza e Xunta:
“(…) O nome da escritora Berta Dávila volve a ser noticia ao ser a gañadora do premio de Narrativa Breve Repsol, convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fundación Repsol coa colaboración da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, con O derradeiro libro de Emma Olsen que en breve publicará Galaxia.
Unha escritora que volve a súa vila natal, situada a trescentos quilómetros da poboación habitada máis próxima, é a protagonista do relato de Berta Dávila de quen tamén Galaxia publicará na súa colección Costa Oeste en breve a novela Quen matou a Covadonga Balboa?.
A piques de cumprir os corenta anos e cunha enfermidade terminal que aproxima a morte, Emma Olsen regresa ao lugar no que naceu para contar unha historia que nunca se tiña atrevido a desvelar. “A novela está escrita en primeira persoa e foi, nese sentido un reto porque precisaba que esa voz se sostivese” explica Dávila. A literatura trénzase coa vida nunha novela que ofrece unha reflexión sobre o proceso creativo e o espazo que acada na biografía da protagonista. “Deseñei a traxectoria literaria de autora a través das súas novelas e argumentos conectando os acontecementos literarios e biográficos. Nese derradeiro libro reflexiona sobre a escrita, e experiencia da vida e a literatura e como se enlazan entre si. Olsen é unha vila a trescentos quilómetros de distancia da próxima poboación habitada. Nin Enma é galega nin atoparíamos no país un lugar con esas características. A escritora Olsen é americana e a vila sitúase na planície de Dakota, un espazo que existe en realidade e que a escritora recreou na súa novela. (…)
Con Raíz da fenda Berta Dávila esgotou a primeira edición en só un mes. “O que percibín nas persoas que se dirixiron a min é que se viron reflectidas en ocasións. Este acontecemento é moi emocionante para quen escribe, saber que hai persoas que se senten conmovidas por algunha parte do libro porque lles axuda a sandar as súas fendas” sinalaba a escritora arredor do éxito do poemario nunha entrevista publicada no semanario Sermos Galiza.
Defendía que o libro mudara, en certa medida, a súa maneira de afrontar a escrita. “Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza” dicía e esa pegada apréciase, segundo comenta, tamén na nova novela que, ao ser un relato breve “esixe maior coidado co texto”.”
Arquivos da etiqueta: Xunta de Galicia
Rianxo: actos do xoves 25, venres 26 e sabado 27 na Feira do Libro
O Concello de Rianxo organiza, xunto á Federación de Libreiros de Galicia e a Xunta, dentro dos actos do Verán Cultural 2013, unha Feira do Libro, que estará aberta de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 23:00 h. na Praza Castelao. Os actos literarios destacados para o xoves 25 e venres 26 son os seguintes:
Xoves 25
– 13:00 h. Dentro da inauguración, actuación poético-musical de María Lado e Lucía Aldao.
Venres 26
– 20:30 h. Casa do Concello. Xosé Neira Vilas presentan os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais, e Aquel neno, publicado en Embora.
– 21:30 h. Casa do Concello. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Edicións Xerais de Galicia, e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado pola Editorial Galaxia. O moderador será Xerardo Agrafoxo.
Sábado 27
– 13:00 h. Casa do Concello. Presentación de Ninguén lembra, de Vanesa Santiago, publicada por Urco editora.
David Rubín e Kike Benlloch: “É unha mágoa que un cómic no que puxemos tantas ganas estea nun limbo editorial”
Entrevista a David Rubín e Kike Benlloch en Praza:
“Nunha entrevista recente, David Rubín referíase a Uxío Novoneyra: A voz herdada, coma a súa obra “fantasma”. O álbum, froito da colaboración entre Rubín e o guionista Kike Benlloch, foi publicado pola Xunta de Galicia en 2010, ano no que o Día das Letras Galegas estaba dedicado ao poeta do Courel. O feito de non contar cunha distribución comercial limitou a difusión da obra, sendo hoxe un título escasamente coñecido tanto dentro coma fóra de Galicia. Nas seguintes liñas os autores conversan sobre como foi o proceso de elaboración da obra e o que aconteceu coa súa posterior distribución. Ambos amósanse moi satisfeitos co seu traballo e non descartan unha futura reedición.
– Praza (P): Como xurdiu a idea de facer un cómic centrado na figura de Uxío Novoneyra?
– David Rubín (DR): O proxecto de facer un cómic sobre Novoneyra foi da Xunta. Propuxéronmo a min e a varios autores máis. Avisei a Kike e convideino a traballar xuntos nisto, xa que me apetecía volver colaborar con el. Preparamos un dossier coa proposta do álbum e enviámolo no prazo marcado. Pouco despois dixéronnos que a nosa proposta era a que ía adiante e puxémonos a traballar no álbum.
– P: Como foi o reparto de tarefas entre vós?
– DR: Cando lle propuxen que colaboraramos, Kike presentoume dúas ou tres propostas argumentais para pór en marcha o proxecto e eu elixín esta.
– Kike Benlloch (KB): Eu fixen o guión e David todo o aparato gráfico, desde deseño de personaxes, composición de pranchas, deseño a lapis, tinta, cor, maqueta. Non sei se houbo algún detalle argumental no que David contribuíu, penso que maiormente non. Igual que no sentido contrario, non sei, talvez nun par de páxinas eu lle fixen un bosquexo a David porque tiña claro algún efecto que quería na montaxe de páxina. Mais estes cruzamentos, que noutros traballos son frecuentes, aquí foron escasos. Digamos que A voz herdada é un caso bastante paradigmático de guión dun autor e deseño doutro. (…)”.
Insua dos Poetas, Carballiño: V Festa da Palabra, o sábado 20 de xullo
Daniel Salgado, con Os tempos sombrizos (diario), gaña o I Premio de poesía Gonzalo López Abente
“A Fundación Gonzalo López Abente comunica que onte se reuniu o xurado do Iº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, premio que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Cultura.
O xurado estivo composto polos poetas Marilar Aleixandre, Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, e decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado Os tempos sombrizos (diario), que resultou ser da autoría de Daniel Salgado.
Na acta do fallo o xurado salienta a construción do discurso a xeito de diario que amosa o compromiso anticapitalista a través do diálogo cos principais referentes ideolóxicos na loita pola liberdade e a xustiza social. Tamén presenta unha rica intertextualidade coa poesía e a música contemporáneas (o jazz nomeadamente) e con poemas de forte contido metaliterario.
O premio será entregado o día 20 de Xullo dentro dun programa de actos destinados a conmemorar os 50 anos da morte de Gonzalo López Abente. Nesta xornada, entre outras actividades, destaca unha conferencia sobre a obra de López Abente que impartirá Xosé Luís Méndez Ferrín, e a presentación da edición da Obra Poética Completa de Gonzalo López Abente, preparada por Miro Villar e editada por Espiral Maior.”
Convocados os Premios Xuventude Crea
“A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convida a participar neste certame galego de creadores novos, que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e moda
Se queres participar, consulta aquí as bases do concurso.
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de xullo de 2013.”
Santiago: presentación de Antoloxía da literatura galega. Anthology of Galician Literature, de Jonathan Dunne
O xoves 30 de maio, ás 13:00 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida Xoán XXIII, s/n), preséntase a Anthology of galician literature / Antoloxía da literatura galega 1981-2011, de Jonathan Dunne, publicada conxuntamente por Xerais, Galaxia e a Xunta de Galicia. No acto intervirán, xunto ao seu autor e tradutor, Anxo Lorenzo, Víctor Freixanes, Manuel Bragado e Carina Fernández.
Madrid: coloquio-recital de Vicente Araguas e Luz Pichel, o xoves 25, e aniversario da revista Madrygal, o venres 26 de abril
Madrid: Letras galegas na III Semana Complutense das Letras
Bases do VII Premio de Narrativa Breve Repsol
A Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no desexo de contribuír ao desenvolvemento da literatura galega, convoca a sétima edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, de acordo coas seguintes bases:
1. A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen, excepto a persoa gañadora da edición anterior, cunha novela curta escrita en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega.
2. As novelas, que serán orixinais e inéditas en tódolos formatos, terán unha extensión non inferior a 50 folios nin superior a 120. Cada folio estará mecanografado a dobre espazo a razón de entre 28 e 32 liñas, de 60 a 70 caracteres por liña como termo medio no conxunto da novela presentada. Con caracter xeral, a extensión mínima e máxima de cada novela virá determinada polos valores de folios, liñas e caracteres antes concretados.
3. Presentaranse seis copias encadernadas de cada orixinal. En cada unha das copias figurará o titulo da novela e o lema desta.
Acompañarase tamén un sobre pechado no que figurará o citado lema e, no seu interior, o nome, enderezo, números de teléfono fixo/móbil do autor ou autora e recensión biográfica recente.
4. As novelas enviaranse antes do 19 de xullo de 2013, facendo constar no sobre Premio de Narrativa Breve Repsol, ao seguinte enderezo:
Refinaría Repsol A Coruña
Apartado 700
15080 A Coruña
5. Axuntarase aos orixinais, dentro do sobre pechado, una declaración xurada asinada polo/a autor/a onde declare a súa autoría sobre a novela, así como a súa orixinalidade. A non inclusión da dita declaración xunto coa novela será motivo para que a novela en cuestión sexa excluída automaticamente, considerarase non remitida e non presentada e destruirase.
6. Establécese un único premio dotado con 12.000 (doce mil) euros. Esta cantidade estará suxeita á retención a conta do IRPF que legalmente corresponda.
7. O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que as novelas presentadas non reúnen a calidade suficiente.
8. A contía do Premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición en galego de ata un máximo de 1500 exemplares do texto gañador. Estes dereitos corresponderanlle en exclusiva á Fundación Repsol. A novela premiada será publicada pola Editorial Galaxia segundo Contrato de Edición asinado ao efecto nos termos que acorden a Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En todas as edicións que se realicen se fará constar o nome de Premio de Narrativa Breve Repsol 2013..
9. O xurado estará composto por:
– unha persoa nomeada por Política Lingüística,
– unha persoa nomeada pola Fundación Repsol,
– unha persoa nomeada pola Real Academia Galega,
– unha persoa nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e
– unha persoa nomeada pola Editorial Galaxia.
A decisión do xurado será inapelable e farase pública no mes de setembro do ano 2013.
10. A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña. A non ser por razóns de forza maior, a persoa gañadora deberá estar presente no acto de entrega do premio.
11. Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os/as autores/as así o soliciten por escrito no prazo máximo de dous (2) meses a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.
12. Os datos achegados polos participantes no Premio incorporaranse a un ficheiro automatizado titularidade da Fundación Repsol, entidade con domicilio en Madrid, na rúa Velázquez, 166, 28002, cuxo tratamento estará suxeito á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, e a súa normativa de desenvolvemento, coa finalidade de utilizarse para a realización de cantas xestións sexan necesarias para o desenvolvemento do Premio, incluída a selección do gañador, a publicación da listaxe do gañador e a posterior entrega do Premio a este. Os participantes terán o dereito de acceder a este ficheiro e rectificar, cancelar e/ou opoñerse ao tratamento dos seus datos. Neste caso, deberán comunicalo expresamente, para o que enviarán unha comunicación escrita á antedita dirección.
13. Os participantes autorizan expresamente e con carácter indefinido a que a Fundación Repsol poida facer difusión, en calquera medio de comunicación interno/externo que estime oportuno, dos seus datos persoais consistentes no seu nome e apelidos como gañador do Premio, coa exclusiva finalidade de asegurar a divulgación por calquera medio e coñecemento da realización e fallo do Premio, sen que iso xere dereito de pago e/ou indemnización ningunha a favor dos participantes.
14. Nos aspectos non incluídos nestas bases ou naqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, a decisión corresponderalles ás entidades organizadoras, as cales, unha vez consultados os membros do xurado, emitirán ditame que será inapelable.
15. A participación na convocatoria do Premio de Narrativa Breve Repsol 2013 implica a aceptación destas bases.
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2013