Yolanda Castaño crea a Residencia Literaria 1863

“Situada na emblemática rúa coruñesa Rego de Auga, a poucos pasos de onde naceran a Real Academia Galega e as Irmandades da Fala, eríxese o histórico edificio de 1863 que alberga o novo e meirande proxecto da poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.
Logo de 25 anos dedicados profesionalmente á creación, divulgación e xestión cultural no eido da poesía, Castaño afronta na súa iniciativa máis ambiciosa, que promove a produción de escrita creativa e a internacionalización da literatura galega.
Do ano en que se publican os Cantares Gallegos de Rosalía e se dá inicio ao Rexurdimento Literario datan os muros de pedra dun espazo que se enfoca por enteiro ao traballo creativo. Nunha vía histórica do corazón da cidade, fronte á Biblioteca Provincial e con vistas á dársena Coruñesa, a Residencia Literaria combinará as doses necesarias de sosego e estímulo para avivar a inspiración.
A Residencia Literaria 1863 establecerá convenios e colaboración con entidades estranxeiras dedicadas á promoción das letras que se resolverán en bolsas de creación en residencia dun mes de duración. Así, escritores e escritoras de todo o mundo profundarán no seu traballo literario mentras se integran na vida cultural coruñesa, lonxe das distraccións e obrigas da rutina cotiá.
Un dos nomes máis importantes das letras mundiais, Premio Nacional do seu país, figura histórica da literatura de ámbito hispanoamericano, será o primeiro residente deste novo espazo coruñés. En moi próximas datas desenvolveremos a primeira das accións con este admirado persoeiro.
Sendo Castaño a autora galega que acumula máis bolsas en residencia (en países como China, Alemaña, Grecia ou Escocia), xunto á súa experiencia como autora convidada en máis de 30 países distintos, trae agora para o panorama literario galego as vías de exportación da excelencia literaria.
Ante a falta de circuítos e as eivas históricas existentes na política cultural en materia de proxección exterior –nomeadamente, da nosa escrita– esta iniciativa abre novos e crecentes horizontes dende a militancia sensible de quen sabe o que é abrirse paso no oficio literario procurando a súa dignificación.
Un proxecto pioneiro e sen parangón na nosa contorna, que promove a divulgación, a profesionalización e a internacionalización da literatura galega.”

A Coruña: Proxección de Vértice de Versos e coloquio posterior

O 15 de febreiro, no Centro Ágora da Coruña, terá lugar a proxección de Vértice de Versos e coloquio posterior na Coruña, unha iniciativa de Carlos Lorenzo, coa colaboración da AELG.
O 15 de febreiro, no Centro Ágora da Coruña, terá lugar a proxección de Vértice de Versos, documental realizado por Carlos Lorenzo.
Posteriormente, terá lugar un coloquio coa participación do seu autor, Carlos Lorenzo, xunto a Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán-Vello e Emma Pedreira, que será moderado por Mercedes Queixas Zas.
Esta actividade está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e o Centro Ágora, coa colaboración da AELG.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2018

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2018.
Queremos agradecervos a todas e a todos as doce edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de poesía para Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vivir a galope, de María Xosé Queizán.
– Mellor libro de teatro para Eroski Paraíso, de Chévere.
– Mellor álbum de banda deseñada para O puño e a letra, de Yolanda Castaño.
– Mellor libro traducido para público adulto para A cámara do sangue e outros relatos, de Angela Carter, traducido por María Reimóndez.
– Mellor libro de literatura xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas embarca, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Emma Pedreira.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2018.
– O peor acontecido para o falecemento de Xabier P. DoCampo.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para A Sega.”

A Coruña: recital de Valter Hugo Mãe e Miguel Anxo Murado no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Miguel Anxo Murado e Valter Hugo Mãe. Máis información aquí: Poetas Di(n)versos xaneiro 2019.