Taboleiro do libro galego (XIV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Retorna, tras o período estival e uns días en que esta bitácora non actualizou os seus contidos, a sección do Taboleiro do libro galego recollendo os libros máis vendidos en lingua galega na derradeira quincena do mes de setembro. O meu agradecemento, outra vez, ás librarías colaboradoras que foron nesta ocasión:  Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil,  Andel, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Torga, Paz, Libros para Soñar,  Livraria Suévia, Carricanta e Biblos Libraría.”

NARRATIVA
1º-. Aquel neno, de Xosé Neira Vilas, Embora e Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
2º-. Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, Edicións Xerais.
3º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
4º-. Días que non foron, de Luís Rei Núñez, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
3º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
-. Historia de Galicia,  Anselmo López CarreiraEdicións Xerais.
2º-. Historia da Literatura Galega. I, de Xosé Ramón Pena, Edicións Xerais.
3º-. Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Edicións Xerais.

INFANTIL-XUVENIL
-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
-. Verdedades, Yolanda Castaño e Xosé Tomás, Biblos.
-. Os Megatoxos e os templarios da luz, de Anxo Fariña, Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
2º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
3º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. Vida de nai, por Gemma Sesar, El Patito Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Palestina / Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.

Pontevedra: presentación de Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño

O luns 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, ás 20:00 horas, no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Sarmiento, 51), preséntase o libro colectivo Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño, e publicado pola Deputación de Pontevedra, como froito do I Obradoiro Internacional de Tradución Poética que tivo lugar no outono do ano pasado na illa de San Simón. No libro recóllense poemas de Marko Pogačar (croata), Txema Martínez (catalán), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Brane Mozetič (esloveno), Sergei Timofejev (letón de expresión rusa) e Merja Virolainen (finés), nunha edición multilingüe cos orixinais e as traducións ao galego, con limiar da propia Yolanda Castaño. A presentación incluirá algo de música e a presenza de dous dos poetas antologados: o catalán Txema Martínez e a finesa Merja Virolainen.

De Rosalía

Desde o blogue de Dores Tembrás, Sucos:
“Sae hoxe no Culturas de La Voz de Galicia unha reportaxe sobre Rosalía, unha conversa a catro bandas, guíada pola profesionalidade de Ana Abelenda: Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño e eu mesma.”

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o día 1

O xoves 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

Xoves 1
12:30 h. Inauguración da Feira, con pregón a cargo de Yolanda Castaño.
13:30 h. Sinatura de libros de Yolanda Castaño e Xosé Tomás na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
18:30 h. Presentación do libro Cociñando coas razas autóctonas, de Rocío Garrido Caramés (receitas) e o Equipo Técnico da Federación de Razas Autóctonas de Galicia – BOAGA.
19:00 h. Pilar García Negro asina na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
19:15 h. Presentación do libro O fillo de Maciste, do actor e autor Paco Campos, publicado por Edicións Galebook. Participan no acto o autor do libro e un representante da editorial.
20:00 h. O escritor Luís Rei Núñez presenta o seu libro Días que non foron, publicado por Xerais. Participan no acto Manuel Bragado e o autor.
20:00 h. Sinatura de libros de Bautista Álvarez na caseta de Libraría Pedreira.
21:00 h. Presentación do libro Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Pilar García Negro e Manuel Bragado.

Betanzos: presentación de Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira

O venres 5 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, preséntase Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira, publicado en Baía Edicións. No acto, xunto ao autor, participan Yolanda Castaño e Sara Seoane, quen acompañará a voz do Corredoira ao piano.

A literatura galega por vez primeira nun dos máis importantes en Europa

O sábado 15 de xuño, deu comezo en Finlandia unha das reunións literarias máis lonxevas e prestixiosas do continente, a Reunión Internacional de Escritores de Lahti, que celebra este ano o seu medio século de historia. 55 creadores/as de 25 países reúnense este ano baixo o título Rompendo Muros. Autores coma Günter Grass, Salman Rushdie, Camilo C. Cela, Milan Kundera, J. Ashbery, Vargas Llosa, Susan Sontag, J. M. Coetzee, M. Houellebecq, Margaret Atwood ou Lobo Antunes teñen pasado polas 26 edicións deste encontro bianual de sona mundial. Máis de mil novelistas, poetas e outros expertos e expertas na crítica e a investigación literaria participaron nun evento organizado pola Sociedade Eino Leino, a Universidade de Verán Päijät-Häme e o Concello de Lahti.
Por vez primeira na historia desta reunión literaria, a literatura en galego fai parte dos escolleitos participantes, a través das achegas da poeta Yolanda Castaño. Recitando poemas en galego seguidos de traduccións ao finés, ela participou na lectura pública que tivo lugar onte sábado na céntrica sede do principal xornal do país, o Helsingin Somatolo, xunta outros autores e en fronte dun nutrido público da capital, como se pode ver nesta entrevista. Ademais, a autora galega volveu recitar o luns 17 de xuño ás 19:00 horas na velada poética internacional, sendo a encargada de co-presentar o evento xunta o escritor e xornalista finés Antti Leikas no Sibelius Hall, un dos centros de congresos mellor considerados do norte de Europa.

A Coruña: recital de Branca Novoneyra e Márcio-André no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 3 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Branca Novoneyra e o poeta brasileiro Márcio-André.

A Coruña: acto de asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas

O mércores 15 de maio, ás 18:30, na Escola Oficial de Idiomas (Rúa Pepín Rivero, 1) da Coruña, descubrirase a placa que dá o nome do poeta palestino Mahmud Darwix á aula 21 da EOI, nunha iniciativa conxunta do Departamento de Árabe da E. O. I. da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O acto contará coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e de Celeste Seoane Míguez, Xefa do Departamento de Árabe da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, e no mesmo contarase cun recitado da poeta Yolanda Castaño.
Mahmud Darwix estivo en Galicia no ano 2006 para recibir o Premio da AELG Escritor Galego Universal na súa primeira edición.

Nado en Birwa, aldea de Galilea (Palestina), pasa alí a súa infancia até 1948, data en que a súa familia é forzada ao exilio no Líbano. Cando os seus pais tentan retornar a ela é para constatar que a súa aldea foi destruída e substituída por unha colonia xudaica. Diríxense entón para Dayral-Assad, onde viviron en semiclandestinidade.
Este home, que non pertenceu a ningún partido político, que venerou a patria, tornouse o portavoz de todo un pobo, alén do seu mellor representante no mundo.
Foi o fundador e director dunha das principais revistas literarias árabes, Al-Karmel, cuxos arquivos foron destruídos polo exército israelí, no cerco a Ramallah.
Mahmud Darwix é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino.
Os seus poemas cruzaron rapidamente as fronteiras palestinas. O poema “Identidade” converteuse nun himno cantado en todos os países árabes. É coñecida a intensidade da súa poesía, constantemente preocupada pola exploración das posibilidades rítmicas e melódicas da lingua árabe. Do mesmo modo, coñecedor da lingua hebrea, a súa poesía alberga constantes referencias á Biblia, ao Corán ou Exipto, e apréciase unha notábel carga simbólica e unha fundamental preocupación estética. Este poeta tendeu coa súa obra pontes entre ámbitos culturais de diversa natureza que habitualmente permanecen arredados uns doutros.
Soubo cantar o amor, a resistencia, o sufrimento e a esperanza, e resumirá en 2002, durante a segunda Intifada, a capacidade de resistencia dos palestinos con estas palabras: «Sufrimos dun mal incurábel que se chama esperanza.»
Faleceu o 9 de agosto de 2008.

A Coruña: recital de Olalla Cociña e Nikola Mazdirov no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 6 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Olalla Cociña e o poeta macedonio Nikola Madzirov.

Santiago: actividades destacadas do mércores 1 de maio na Feira do Libro

O mércores 1 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

13:00 h. Actividade infantil. Servando Barreiro. Contacontos poético musical.
18:00 h. Contacontos en verso para nenos, con Yolanda Castaño xogando co seu libro Verdedades, ilustrado por Xosé Tomás e publicado por Biblos. Tamén aparecerán historias dos seus libros Cando eu saiba ler e Punver.
20:00 h. Presentación do libro e audiovisual Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, con textos de Montse Pena Presas e imaxes e son de Gonzalo Enríquez Veloso, publicado por Editorial Galaxia.