Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2026: Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. Fina Casalderrey: “A xoaniña que bebeu na folla”, o 29 de outubro

Destacado

A edición de 2026 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil vai ter lugar baixo o título xeral de Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño González, Carla Míguez, María González Cerdeira e María Vázquez Fernández (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

A última sesión será o día 29 de outubro de 2026, ás 18:00 horas, na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.

A inscrición é de balde e pode facerse aquí.

Está en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección.

O programa é o seguinte:

29 de outubro
Fina Casalderrey
A xoaniña que bebeu na folla

A Coruña: IX Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, o 28 de outubro

Destacado

A AELG participa nas IX Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, en colaboración coa Universidade da Coruña ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

Esta nova edición chega baixo o título de Morreu o demo e viñeron os monicreques!. Terá lugar na cuarta feira/mércores 28 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Desde a Universidade colaboran con esta actividade as profesoras Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente.

Participan:
– Anxo García, quen falará sobre o Proxecto Barriga Verde: da barraca á aula.
– Larraitz Urruzola, quen fará un Obradoiro de monicreques.

A entrada é libre e gratuíta.

Décimo aniversario do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia

Nado en 2016 grazas a un convenio entre a Xunta de Galicia e a Università degli Studi di Perugia, o Centro de Estudos Galegos (CEG) distinguiuse non só pola súa marcada vocación científica, plasmada na publicación de volumes e artigos, senón tamén polo seu compromiso coa docencia e a difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas fóra do ámbito académico, a través de actos públicos e colaboracións institucionais.
Ao longo destes anos celebráronse proxeccións de películas, concertos, exposicións, espectáculos teatrais, presentacións de libros, recitais poéticos e conferencias de escritores e intelectuais.
Precisamente para celebrar o décimo aniversario da súa creación, o CEG organizou unha serie de iniciativas que terán lugar o xoves 29 e o venres 30 de outubro. A celebración comezará o xoves 29 de outubro ás 16.00 na Sala delle Adunanze do Departamento de Letras, cos saúdos institucionais de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Ignacio Peyró, director do Instituto Cervantes de Roma, e Gianluca Grassigli, director do Departamento de Letras. Ás 16.30, Marco Paone e Carlo Pulsoni repasarán os dez anos do Centro no encontro «Memoria e percorrido». Ás 17.00 será a quenda da literatura, cun encontro co escritor Manuel Portas arredor da súa novela Lourenço, giullare, no que participará a tradutora Gloria Castelli.
A homenaxe continuará ás 21.00 na Abbazia di San Pietro, en Borgo XX Giugno 74, co concerto de Catuxa Salom, Mulleres Piratas, e a participación de Clara Borghesi. Unha viaxe polo folclore galego e as sonoridades electrónicas, enriquecida pola voz narrativa e interpretativa de Borghesi, nun diálogo entre música, poesía e teatro. A entrada ao concerto será libre ata completar o aforo.
O venres 30 de outubro, as actividades continuarán na Sala delle Adunanze. Ás 10.30, Carlo Pulsoni moderará a mesa redonda «Os estudos galegos en Italia», coa participación de Attilio Castellucci, Rachele Fassanelli, Simone Marcenaro e Marco Paone. Ás 12.00 tomarán a palabra as novas xeracións da investigación, con presentacións e experiencias de persoas tituladas que dedicaron os seus traballos de fin de estudos ao ámbito dos estudos galegos na Universidade de Perugia.”

Felipe Arias Vilas, novo presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

Desde o Museo do Pobo Galego:
“Felipe Arias Vilas (Lugo, 1949), arqueólogo, patrón e membro fundador do Museo do Pobo Galego, foi elixido hoxe presidente do seu Padroado. A elección tivo lugar nunha asemblea extraordinaria convocada para cubrir a vacante na presidencia tralo fin do mandato de Concha Losada o pasado mes de maio. Arias Vilas, único candidato presentado, recibiu o apoio unánime da asemblea. O resto das e dos membros do Consello de Goberno continúan nos seus cargos.
Arias Vilas conta cunha ampla traxectoria no ámbito museístico galego. Foi director-conservador do Museo Provincial de Lugo entre 1974 e 1984, dirixiu o Museo do Castro de Viladonga desde a súa creación, en 1983, ata 2014, ano da súa xubilación, e foi promotor do Consello Galego de Museos. A súa relación co Museo do Pobo Galego remóntase á fundación da institución, coa que mantivo unha estreita vinculación durante estas cinco décadas até a actualidade.
Con este nomeamento, Arias Vilas convértese no sexto presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, despois de Xaquín Lorenzo Fernández (1976-1989), Antonio Fraguas Fraguas (1989-1999), Isaac Díaz Pardo (2000-2011), Justo Beramendi (2011-2022) e Concha Losada (2022-2026).
A elección chega nun momento especialmente significativo para a institución, que en 2027 celebrará o seu 50 aniversario. A efeméride será unha oportunidade para recoñecer o percorrido do Museo ao longo de cinco décadas e proxectar o seu futuro como espazo de conservación, investigación e divulgación da cultura galega, ao servizo da sociedade.”