Arquivos mensuais: Xaneiro 2019
O Autor fala da súa obra: Ramón Villares (2018)
Desde finais de 2018 incorporáronse á web da AELG catro novas entrevistas longas a ese mesmo número de autoras/es socias/os. O obxectivo deste formato é falar demoradamente da súa traxectoria literaria e da súa biografía, de modo que se poida obter un pequeno documental de aproximadamente unha hora por autor/a, coa intención de que supoña un documento valioso que resuma a súa obra e ofreza valoracións de escritoras e escritores sobre a creación, a cultura e o pensamento en xeral. Esta actividade contou co financiamento da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse o vídeo gravado a Ramón Villares:
Crónica videográfica da Homenaxe a Isidro Novo (II)
O 3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Alén da escrita. O outro Isidro. Presentación de Lois Pérez:
– Alén da escrita. O outro Isidro. Intervención de X. Henrique Rivadulla Corcón:
– Alén da escrita. O outro Isidro. Intervención de Paco Martín:
– Alén da escrita. O outro Isidro. Intervención de Darío Xohán Cabana:
– Alén da escrita. O outro Isidro. Intervención de Cesáreo Sánchez:
– Alén da escrita. O outro Isidro. Intervención de Antonio Reigosa:
Fervenzas Literarias: Os mellores libros do 2018
Desde Fervenzas Literarias:
“Un ano máis, abrimos en Fervenzas Literarias esta fiestra para que poidas votar os que para ti foron os mellores libros do 2018 máis outros aspectos relacionados coa literatura nas vinte categorías que propoñemos. Todas e todos vos sodes os responsables de confeccionar estas listaxes co mellor do ano. O poder d@s lector@s!!!
Lembra: non é obrigatorio cubrir todos os campos. Se non liches por exemplo ningún libro infantil, ou un libro de poesía ou ningún libro de teatro, non te preocupes, valora aqueles campos que queiras, sempre que o fagas antes do martes 15 de xaneiro do 2019.
Como en anos anteriores, entre todas e todos os participantes sortearemos un magnífico lote de libros cedido polo noso patrocinador DataLib Servizos Documentais. Se queres participar neste sorteo recorda deixarnos os teus datos de contacto. Se es o gañador ou gañadora publicaremos o teu nome na listaxe de Os mellores libros do 2018.
IMPORTANTE: Para que o resultado final sexa o máis limpo posible levaremos ao igual que todos os anos un control de IPs duplicadas e tomaremos igualmente todas as medidas necesarias para evitar votacións que poidan dar pé a fraude nos resultados finais, incluíndo a eliminación de enquisas sospeitosas. Lembrade! É unha enquisa para escoller os mellores libros do ano, non aos escritor@s con máis número de amigos. Grazas pola vosa comprensión!
Moitas grazas pola túa colaboración e, sobre todo, pola túa participación!!!”
Para votar, pode entrarse na seguinte ligazón.
A proxección exterior e a formación entre as actividades da Asociación Galega de Editoras para 2019
Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras afronta o 2019 coa proxección exterior e a formación como dúas das principais actividades a desenvolver. A primeira das citas internacionais será a Feira do Libro de Boloña, á que o gremio acudirá, de novo, cun stand propio. A formación ás empresas asociadas centrarase na venda de dereitos e na organización dunha nova edición do Simposio do Libro e da Lectura.
Así mesmo, a presenza da AGE nas feiras internacionais do libro reforzarase coa elaboración dun catálogo propio de novidades, en inglés, destinado ás feiras de Boloña e Frankfurt.
A proxección exterior, un dos eixes fundamentais
Logo da valoración positiva por parte da Asociación Galega de Editoras da participación na Feira Internacional do Libro de Boloña con stand propio no ano 2018, o gremio das editoras galegas acordou recentemente asistir de novo, co mesmo sistema, á feira máis importante do mercado editorial de libro infantil e xuvenil, para o que conta coa colaboración de CEDRO. A contratación do espazo fíxose efectiva estes días e permitirá que as editoras galegas estean representadas polo seu propio gremio ademais de contar cun catálogo específico para esta feira, elaborado pola propia AGE e que incluirá as principais novidades das editoras asociadas.
Nas seguintes citas internacionais –principalmente Frankfurt e Liber– a AGE decidirá que modelo será o máis axeitado para o noso colectivo.
A formación centrará o peso das actividades
A formación en venda de dereitos será outra das accións prioritarias. Dirixida a profesionais interesados en obter recursos, así como elaborar estratexias de organización nas feiras internacionais. Ademais, a organización do Simposio Anual do Libro e a Lectura, centrará o traballo da entidade para o vindeiro exercicio.
Valoración da actividade e do traballo gremial en 2018
A organización anual do Simposio O Libro e A Lectura, que este ano se centrou no xénero da poesía; o Galeusca, celebrado na Coruña no mes de xuño, o I Encontro da Edición Galega e Portuguesa e a Xornada de Internacionalización do libro galego, en setembro, marcaron as actividades de formación gremial durante 2018.
Así mesmo, 2018 marcou unha nova etapa na presenza nas feiras internacionais, pois a AGE participou, por vez primeira con stand propio, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.
Presenza en Cerdeña, Forum Edita Barcelona ou Literary Market de Valencia
Durante 2018 a AGE foi convidada a participar en diferentes actividades organizadas por outras entidades do sector editorial, coa finalidade de reforzar as oportunidades de negocio no exterior e traballar nas experiencias de éxito con outros gremios e editoras. Así, a AGE participou nas xornadas profesionais Liber & Liber, no mes de xullo, organizadas pola Asociación de Editores Sardos, en Alghero (Cerdeña), asistiu ao Forum Edita Barcelona (xullo) e, unha delegación de editoras galegas participaron no congreso Literary Market, celebrado en Valencia (novembro).
AGE, convidada ao 40 aniversario da Federación de Gremios de Editores de España
O pasado 18 de decembro a AGE participou no acto de conmemoración do 40 aniversario que a Federación de Gremios de Editores de España, celebrado na sala do Padroado da Biblioteca Nacional. A este evento acudiron, ademais do Presidente da FGEE, Daniel Fernández, representantes das asociacións gremiais federadas, entre as que se atopaba a AGE, representada polo seu presidente, Xosé Ballesteros. Contou tamén coa presenza da directora da Biblioteca Nacional, Ana Santos; o ministro de Cultura e Deporte, José Guirao e a subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Begoña Cerro.
A Asociación Galega de Editoras valorou positivamente o compromiso anunciado neste acto por parte do Ministro de Cultura, José Guirao: o seu departamento duplicará a partida destinada á compra de novidades para as bibliotecas como prioridade para o vindeiro exercicio 2019.”
Anna R. Figueiredo: “Creo nunha literatura que teña certo input social e que tamén supoña un reto”
Entrevista de Montse Dopico a Anna R. Figueiredo en Praza:
“Olivia non estudou para emigrar. Pero ten que facelo, coma tantas persoas da súa xeración. No medio do seu proceso de adaptación, de reconstrución da súa identidade -e de choque coas súas propias expectativas sobre o país de acollida- dá por casualidade cun adolescente que lle vai mudar, dalgunha maneira, a vida. Nun contexto no que nada é o que parece. Todo é simulacro. Aparencia. Así é -ou polo menos así comeza- Os bicos feridos (Galaxia), de Anna Figueiredo. Falamos con ela.
– Praza: Unha rapaza emigra a Londres para traballar de au pair porque aquí non atopa saída ningunha. É o primeiro que nos conta a novela. Foi deste personaxe do que xurdiu a historia? Como naceu esta novela?
– Anna R. Figueiredo: Si, é certo que a primeira impresión da novela, a primeira narración, sae de Olivia, que efectivamente é unha persoa galega que precisa aprender inglés e seguir formándose, para poder atopar unha saída a unha situación laboral precaria, mais a novela en si parte da historia de Samuel que, tamén por alusións, aparece no prólogo. Os bicos feridos, como conxunto, xorde da necesitade de falar e reflexionar sobre diversas realidades que eu creo que nos son moi próximas pero que pasamos por riba delas.
Por unha banda a necesidade de sentirnos parte dun todo, dunha sociedade, a mentira de pertenza que se xera ao suplir as relacións que poderiamos chamar “de calidade” por todos estes nexos tan doados de levar a cabo como son as “amizades” das redes sociais, o contacto virtual, esa escravitude que temos a través do aparello móbil que nos leva a miralo case con necesidade aditiva na procura dun novo chío, dunha nova mensaxe de whatsapp, dun novo like, incluso cando estamos xantando, viaxando, cruzando polos pasos de peóns.
Imbuídos nesa realidade virtual, dicimos cousas como “arden as redes” e creamos, somos quen de crear, un mundo no que no fondo somos o centro, escollemos o tipo de novas que nos chegan, bloqueamos a quen non nos interesa e sentímonos acompañados malia estar, moitas veces, entre catro paredes e ignorando as voces que si que están ao noso carón. A vantaxe da tecnoloxía para comunicación é innegable, mais coido que en moitas ocasións, tendemos ao abuso.
Por iso me interesaba contar unha historia de xente un tanto outsider pero que tivese puntos en común con calquera de nós. Todos temos algunha experiencia coa emigración, pode ser propia, pode ser dun achegado. Todas temos algunha experiencia de xente sobrecualificada que non atopa traballo. De relacións de familia e de parella que parecen unha cousa e son outra. E ademais no lugar, no país onde vivimos, dinnos que a emigración é unha aventura, é unha especie de chanzo a maiores para poder realizarnos como persoas, tentando dese xeito paliar a responsabilidade dun país no que non podemos realizarnos como persoas, ou como a persoa laboral que quereriamos ser, por outras razóns. (…)”
Crónica videográfica da III Xornada de Literatura Dramática (IV)
A III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas, actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña, tivo lugar o 24 de novembro de 2018 Espazo Normal da Coruña.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Aula maxistral. José Maria Vieira Mendes (primeira parte), presentado por Cilha Lourenço Módia:
– Aula maxistral. José Maria Vieira Mendes (segunda parte):
A Autora fala da súa obra: Pilar García Negro (2018)
Desde finais de 2018 incorporáronse á web da AELG catro novas entrevistas longas a ese mesmo número de autoras/es socias/os. O obxectivo deste formato é falar demoradamente da súa traxectoria literaria e da súa biografía, de modo que se poida obter un pequeno documental de aproximadamente unha hora por autor/a, coa intención de que supoña un documento valioso que resuma a súa obra e ofreza valoracións de escritoras e escritores sobre a creación, a cultura e o pensamento en xeral. Esta actividade contou co financiamento da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse o vídeo gravado a Pilar García Negro:
Crónica videográfica da Homenaxe a Isidro Novo (I)
O 3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Presentación do Simposio e da primeira mesa redonda. Antonio Reigosa:
– Isidro Novo: retrato robot. Intervención de José Luis Calvo:
– Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías. Intervención de Xosé Ramón Freixeiro Mato:
– Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo. Intervención de Yago Rodríguez Yáñez:
– A poesía de Isidro Novo. Intervención de Marica Campo:
Tabela dos libros. Xaneiro de 2019
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos libros do 2019, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Boas lecturas e feliz ano!”
Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos, e así sucesivamente.