“Testemuño e memoria poética de Vietnam”

Entrevista de Daniel Salgado a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“A contradición é tamén un dos motores da poesía. Percibiuno Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951) no Vietnam, o territorio do seu último libro de poemas: “Eu tiña vontade de falar daquel país e da súa historia. Mais, ao tempo, pensaba que era cruel falar da guerra nun lugar tan fermoso”. Decidiu asumir o paradoxo. As bolboretas do Mekong é o resultado, un extenso volume de memoria e crónica, de celebración e dó.
“Vietnam é un símbolo para a miña xeración”, explica a Sermos Galiza, “e a min deume a conciencia antimperialista, anticolonialista”. Con esa lembranza o poeta percorreu Indochina hai oito anos. E comezou a escribir As bolboretas do Mekong, que publica Xerais e presentará o vindeiro 17 de xaneiro na libraría Moito Conto da Coruña ás 19.30 horas. Acompañarano o músico e escritor Xurxo Souto e a directora do semanario Sermos Galiza María Obelleiro.
De alento whitmaniano, verso longo -case versículo-, inzados de topónimos, atravesado de persoas e espazos sagrados, os poemas de Sánchez Iglesias relatan unha viaxe no presente e unha viaxe ao pasado. “Para esta obra formeime moito na historia de Vietnam e da guerra de liberación”, asegura, “prescindín da información filtrada por Occidente, agás a de certos xornalistas”. Refírese a mitos do xornalismo daquela comprometidos: Susan Sontag, Oriana Fallaci, Michael Herr.
O autor é consciente das diferentes zonas polas que se move. “Os poemas non se escriben exactamente por unha vontade racional. Pero eu creo que é tarefa da miña xeración transmitir a memoria dese símbolo que foi Vietnam”. Unhas horas despois, vía mensaxe telefónica, Sánchez Iglesias engade: “Coido que hai dous libros avanzando ao mesmo tempo, un libro en que a terra humanizada é unha capa, e dar idea do xenocidio imperialista, outra”.
“A ofensiva do Tet, canto doe nas maos. Quen derrotou a quen? / O delirio coas súas escamas de réptil. No amencer de / xaneiro ningún sol para o festival do Tet. Erguémonos”, escribe no quinto capítulo, no tramo dedicado a Cu Ci, “Foi cando os homes morcego saciaron a súa sede / e así falei cando fun quen recorda: salferiron a selva / cun mar de lume”. Ese verso estendido, expón, é tamén unha homenaxe á tradición vietnamita e chinesa, “en que o verso longo se emprega para falar da terra”.
Mais As bolboretas do Mekong, subtitulado Caderno de Indochina, non é apenas unha indagación nun acontecemento histórico, chave para a politización das persoas dunha idade. Recentemente, outro poeta, Vítor Vaqueiro, abordaba semellante materia en 1968 (Laiovento, 2018). Célebre foi antes o poema de Uxío Novoneyra Vietnam Canto -cuxo verso “IRMANDIÑOS DE GALICIA VIETCONG” serve a Sánchez Iglesias de epígrafe- ou algúns de Méndez Ferrín.
Pero neste caso entran en xogo outros elementos. “Ao chegar a territorios de dor, conectaba coa miña propia memoria, a de 1936”, indica. Aparecen o campo de concentración de San Simón ou a árbore da Caeira. É un periplo a Asia e unha expedición “ás profundidades”. “Eu era incapaz de camiñar por Hanoi sen pensar en que significa ser bombardeado”, di. Bombardeado non de calquera maneira: Estados Unidos botou no Vietnam catro veces máis bombas que en toda a Segunda Guerra Mundial.
Sucedía nunha xeografía exhuberante, por intres fisicamente hostil -era o tempo do monzón-, dunha beleza delicada e terríbel. “Viaxar é tamén aprender a soidade”, considera o poeta, “estás fóra do teu líquido amniótico, diante do descoñecido”. A baía de Ha Long, navegar o Mekong, coñecer Saigón de primeira man. “Fun entrando en capas profundas. Aínda que fales dunha paisaxe, falas do fondo humano”, sinala, “e descubrín unha cultura, da que quixen dar testemuño”.
As bolboretas do Mekong é, así, produto de oito anos de indagación e escrita. Un tributo a Ho Chi Minh e “a súa extraordinaria sensibilidade humana”, e un pranto por Camboxa “e os campos de silencio”. “Na praia atlántica, a maré a subir rumorosa de silencio / coa exactitude do reloxo lunar, acalma / a miña sede de infinito”, conclúen 211 páxinas.”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2018

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2018.
Queremos agradecervos a todas e a todos as doce edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de poesía para Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vivir a galope, de María Xosé Queizán.
– Mellor libro de teatro para Eroski Paraíso, de Chévere.
– Mellor álbum de banda deseñada para O puño e a letra, de Yolanda Castaño.
– Mellor libro traducido para público adulto para A cámara do sangue e outros relatos, de Angela Carter, traducido por María Reimóndez.
– Mellor libro de literatura xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas embarca, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Emma Pedreira.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2018.
– O peor acontecido para o falecemento de Xabier P. DoCampo.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para A Sega.”

O Salón Teatro de Santiago recibe a compañía Malasombra con dúas das súas comedias máis coñecidas

Desde Agadic:
“A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Malasombra Producións con dúas das comedias máis coñecidas desta compañía galega: Go On!, o venres 18 ás 20,30 h., e D.E.P. Descanse en paz, o sábado 19 á mesma hora.
Tras a súa recente participación no ciclo de Nadal do CDG Gran teatro para os máis pequenos co espectáculo de pompas de xabón Os fabulosos Cleaners, o dúo interpretativo que integran Xoque Carbajal e Jouse García regresa ás táboas do Salón Teatro con dúas propostas, dirixidas por Marcos Orsi, coas que continúan a xirar por todo Galicia.
O venres será a quenda de Go On!, comedia escrita por José Luis Prieto sobre uns astronautas que toman terra no “planeta Galicia”. Os exploradores inician entón “unha odisea cósmica no espazo galego”, durante a que entrarán en contacto cos cans de palleiro, o porco do San Martiño, as festas gastronómicas, os toxos e as ortigas ou a Santa Compaña.
Ao día seguinte, o pano do Salón Teatro levantarase para D.E.P. Descanse en paz, produción realizada a partir dun texto de Pep Antón Gómez e Jordi Sánchez, traducido e adaptado por Xoque Carbajal. Esta montaxe bota man do humor para contar unha historia de egoísmo, mentiras e enganos entre irmáns ante a repartición dunha herdanza.
A venda anticipada de entradas para ambas as funcións está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo dos espectáculos.
A programación de xaneiro do Salón Teatro continuará a semana que vén coa estrea de Doppelgänger, espectáculo de Berrobambán en coprodución co Centro Dramático Galego, que tamén colabora con esta compañía compostelá a través do seu programa de residencias. As funcións para público xeral terán lugar do xoves 23 ao domingo 25.
Dentro desta mesma iniciativa de estadías artísticas, Artesa Cía. chegará á sede do CDG o luns 28 para continuar traballando sobre Chola a It Girl, montaxe que representará no Salón Teatro do xoves 31 de xaneiro ao domingo 3 de febreiro.”

Cotobade acolleu a inauguración simbólica do Ano Antonio Fraguas

Desde Fervenzas Literarias (foto: Concello de Cotobade):
“O pasado domingo inaugurouse, cun acto simbólico no lugar da Insuela, parroquia de Loureiro, concello de Cotobade, o Ano Antonio Fraguas, a quen a Real Academia Galega homenaxeará este 2019 co Día das Letras Galegas. En palabras de Víctor F. Freixanes, presidente da Academia, “será un ano de celebración arredor da figura de don Antonio e, ao mesmo tempo, de reivindicación da lingua e da cultura popular, expresión da lealdade histórica do pobo galego a prol da súa identidade. Antonio Fraguas dedicou a súa vida a estudar as raíces que nos explican a todos nós”.
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo de anfitrión e deu a palabra a todos os invitados, institucións que se suman á celebración do Día das Letras Galegas: o Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas, representados polo seu presidente, o historiador Xusto Beramendi; a Deputacion de Pontevedra, representada polo deputado de cultura, Xosé Leal; o goberno do país, representada polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a familia de Antonio Fraguas, en representación da cal falou o seu sobriño Xosé Martínez.
Logo das intervencións descubriuse na fachada da casa natal unha placa conmemorativa, deseñada por un canteiro do lugar e, a continuación, interpretouse o Himno Galego. Diante dun numeroso grupo de asistentes, constituído por representantes de institucións políticas e culturais, así como por veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade, os presentes fixeron votos por unha celebración activa e participativa do Día das Letras Galegas, na liña de mobilización civil que nos últimos anos vén animando a onomástica do 17 de maio.
Proximamente, presentarase nos colexios de Cerdedo-Cotobade a iniciativa Primavera das Letras, dirixida a escolares de educación infantil e primaria, promovida tamén pola Real Academia Galega.”