Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Apenas en cinco libros Pilar Pallarés construíu unha das xeografías máis singulares da poesía galega actual. Radical, arrasada, indagadora, intimista e aberta ao outro, obra e autora son obxecto das honras da AELG como Escritora na súa Terra. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.
“Un espasmo de luz incendia o bosque”, remata o primeiro poema de Leopardo son (Espiral Maior, 2011). Espasmos de luz no corazón do bosque da poesía galega contemporánea, eis unha definición posíbel da obra de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), cuxos cinco libros delimitan un singular e celebrado territorio lírico. Intimismo radical, desposesión, arrasamento, o que o profesor Arturo Casas denomina, con eco a Deleuze, devir animal. A súa escrita é unha indagación brutal no eu e no desexo, na destrución e na intensidade, que comeza na década dos 80 e agora homenaxean as súas colegas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
“Na xeración dos 80 non hai moitas voces femininas”, describe a crítica Teresa Seara para este semanario, “a súa vivencia tan radical do intimismo distínguea. Os homes escriben sobre o erotismo, pero dun xeito completamente diferente”. Ningún como Livro das devoracións (Espiral Maior, 1999), desde logo, peza maior do seu traballo e páxinas de enorme potencia imaxinista: “a beleza dos corpos ten ángulos que doen // corazón: fica imóbil”. A profesora Kathleen March sinalou no seu día a “sorprendente complexidade dos seus referentes” e un campo de batalla “entre Eros e Thanatos, liberdade e opresión, sensualidade e soidade, lingua e silencio”.
Arturo Casas lembra que, na Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram) coordinada por el mesmo en 2003, foi “o cuarto libro de poemas máis considerado polas especialistas que participaron, case un centenar”. Por diante, só títulos de Cunqueiro e Ferrín. Sétima soidade antes das devoracións, Pallarés, que descubrira a lingua e a conciencia da mesma grazas a Moncho Valcarce, publicara o iniciático pero aínda á procura Entre lusco e fusco (Do Castro, 1980) e mais Sétima soidade (Sociedade de Cultura Valle‑Inclán, 1984), co que consagrou a súa voz.
“Naquel tempo falouse de neorromanticismo, leuse noutra chave”, relata a Sermos a profesora e crítica María Xesús Nogueira, “pero ese intimismo tan singular xa estaba aí, como estaba esa tensión do discurso, do verso, e ese mundo animal que creou”. E que Nogueira relaciona con coetáneas como Xela Arias. Foi a época en que Pallarés era a única poeta da súa promoción con certo relevo público. E a única muller do grupo De amor e desamor e da escolma Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega (Sotelo Blanco, 1986), preparada por Luciano Rodríguez con evidente vontade canonizadora.”
Arquivos mensuais: Xullo 2019
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 2 de xullo
O 2 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Concerto de presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Sinatura ilustrada de Pioneiras 2, de Anaír Rodríguez e Abi Castillo, publicado por Xerais, na caseta de Secretaría.
– 18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar polo Vigo vello. Organizado pola Feira do Libro de Vigo. Previa inscrición, posterior á compra dun libro na Feira. Prazas limitadas a 25 persoas.
– 19:00 h. Presentación de Dragal V, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. Ao remate, sinatura de exemplares na caseta da Secretaría.
– 19:30 h. Presentación de Os tempos e o clima en Galicia, de Alberto Martí Ezpeleta, Juan José Taboada Hidalgo, Dominic Royé e Xavier Fonseca Blanco, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Mesa redonda “Vigo, cidade de novela”, con Ledicia Costas, Manuel Esteban e Pedro Feijoo. Ao remate, sinatura de exemplares na caseta da Secretaría.
– 20:00 h. Antonio Seijas estará asinando exemplares de O soño da serpe, publicado por Galaxia, na caseta de Librouro.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 1 de xullo
O 1 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:15 h. Presentación de A utopía que diluíu o vento, de Suso Díaz, publicada por Positivas. Coa participación, xunto ao autor, de Miguel Alonso e Xosé Luís Méndez Ferrín.
– 19:45 h. Encontro con Domingo Villar arredor da súa nova novela: O último barco, publicada por Galaxia. O autor será entrevistado pola xornalista Ana G. Liste.
Betanzos: Proxecto María Balteira. Betanzos na lírica medieval galego-portuguesa, do 1 ao 7 de xullo
Pico Sacro: Lectura de Alba de Gloria, de Castelao, o 20 de xullo
A Coruña: presentación da edición crítica de En las orillas del Sar, de Rosalía de Castro, a cargo de Anxo Angueira
Ramón Vilar Landeira presenta Un peixe no parqué
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Estamos feitos de soños. Son o combustible que nos axuda a movernos. Sen soños é imposible vivir”, di Ramón Vilar Landeira, que veu presentar o seu libro Un peixe no parqué, publicado por Xerais. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Unha canle trinacional para a poesía
Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“En Se calhar não é o tempo o que importa, a poeta Eli Ríos (Londres, 1976) afonda na investigación formal que iniciara en Culpable (Xerais, 2017). O poema estala e incorpora todo tipo de materiais, os ritmos desfigúranse, hai onirismo e ataques frontais ás escravitudes da vida cotiá. É, ademais, un dos últimos títulos de Urutau, recente e activa editora galego brasileira cuxa sección na Galiza dirixe Wladimir Vaz.
O proxecto naceu en São Paulo nun período de crise xeral do país. “E nos períodos de crise é ás veces cando poden xurdir cousas novas”, relata Vaz a Sermos Galiza. Un poeta, un editor e un deseñador -o propio Vaz- foron os impulsores iniciais. Mais o traslado deste último a Ourense en 2015 mudouno todo. Descubriu a literatura galega e Urutau, cuxo nome refire un paxaro nocturno e tropical, converteuse en trinacional: Brasil, Galiza, Portugal.
“Na poesía galega chamoume a atención o mesmo que me chama a atención na portuguesa ou na brasileira”, resume, “aquilo que eu non teño, o que sinto que é diferente de min. Ao cabo, é como un movemento de antropofaxia cultural”. O eco da célebre vangarda brasileira, que chamaba a engulipar tendencias diversas e influencias externas para elaborar discurso propio, serve a Vaz como ferramenta de asimilación do novo.
“É un modo de ollar o mar, un modo de ollar a terra”, esténdese ao respecto, “por exemplo, a figura da avoa está moi presente na poesía galega”. Que, ademais, o abraia coas “moi diferentes estéticas” activas na actualidade. Sen saír da Urutau, o clasicismo rilkeano de Marcus Daniel Cabada (Pontevedra, 1995) en Metafísica da ausencia (2019) e o aire confesional de Silvia Penas (Vigo, 1980) en Fronteira Paraíso (2019) comparten catálogo.
“Existen múltiples voces nun territorio tan pequeno…, resulta incríbel”, engade, antes de anunciar entre as vindeiras publicacións un libro de sonetos elexíacos do coruñés Óscar García e o terceiro volume da contundente triloxía política da portuguesa Judite Canha Fernandes. Os dous primeiros tituláronse a fúria da loiça da china (2018) e o mais difícil do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as bombas (2017). Urutau leva colocado nas librarías case 200 libros. Entre os galegos, obra de Arancha Nogueira, Rebeca Baceiredo, Moncho Iglesias, Patricia Meira, Gaspar Domínguez, Noa Moreira.
Con Vaz traballa agora desde o Brasil un dos fundadores, Tiago Fabris. Os volumes publicados na Galiza chegan a Portugal e comezan a facelo á outra beira do Atlántico. “Aínda estamos pensando como distribuír poesía galega no Brasil, onde teño a sensación de que a poesía galega non é moi coñecida. Queremos preparar unha colectánea antolóxica do que publicamos en Urutau entre 2018 e 2019”, avanza, “e expoñer como de vasta é a literatura galega, da lírica medieval ao debate feminista contemporáneo”.”