Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
O Seminario do Consello da Cultura Galega sobre a internacionalización da cultura galega recomenda mudar o sistema de internacionalización da nosa literatura
Desde
o Consello da Cultura Galega:
“O pasado mes de xuño, o Consello da Cultura Galega organizou un seminario internacional que analizou a internacionalización da literatura galega hoxe en día, principalmente no mercado editorial inglés. As reflexións desta cita recolléronse nun documento en que se conclúe que estamos no momento ideal para conseguir unha maior visibilización da literatura galega nese ámbito. Pero, segundo este texto, actualmente existen certos atrancos para acadar ese obxectivo: o tecido editorial galego está formado por pequenas e medianas empresas con limitados recursos para o investimento a medio prazo, as editoriais galegas non teñen os dereitos de tradución e os esforzos non responden a unha estratexia comercial senón máis a un compromiso cultural. A internacionalización da literatura galega contemporánea é positiva en canto que incrementa o capital cultural e simbólico pero tamén aumentará o capital económico como resultado de ampliar mercados.
Propostas de acción
As propostas de acción que se recollen neste documento elaborado polas coordinadoras da cita, Olga Castro e Laura Linares, diríxense aos axentes culturais, ao sector editorial e ás administracións públicas, estas últimas, cun peso máis destacado.
No que respecta á Administración, o documento proponse a creación dun organismo independente que se encargue de maneira profesionalizada do traballo de proxección e difusión exterior da lingua e da cultura galegas, incluíndo a promoción do libro por medio da tradución; menciónanse como posibles modelos o Raimon Llull en Cataluña (creado en 2001) ou o Instituto Vasco Etxepare (creado en 2010). Entre as súas posibles funcións salientan ofrecer un catálogo de dereitos e mais crear unha base de datos de editoriais e de tradutoras. Ademais, tamén xestionaría as axudas á tradución que, pola súa vez, deben incorporar melloras (entre elas a simplificación dos trámites das axudas e o aumento do tipo de accións subvencionables). O texto suxire tamén un incremento no apoio ás empresas editoriais galegas para que poidan acudir ás feiras internacionais con bolsas de viaxe e aloxamento e unha caseta colectiva xestionada polas propias editoriais.
As coordinadoras consideran fundamental a implicación doutras entidades ás que tamén propoñen mecanismos de mellora. No que ten que ver coa acción dos axentes culturais, ínstanos á organización doutras xornadas que aborden os desafíos, problemáticas e necesidades doutros axentes claves no proceso de internacionalización, doutros xéneros alén da narrativa e doutros destinos, non exclusivamente o inglés. Con respecto ao sector editorial, propoñen que asuma os dereitos de tradución das obras que publica en galego como primeiro paso para involucrarse logo de maneira activa na promoción exterior do seu catálogo.
Este documento é o resultado dunhas xornadas, que se desenvolveron o pasado mes de xuño, nas que se analizou o contexto de apertura do mercado editorial británico, así como o seu funcionamento. O programa daquela cita artellouse nunha sesión na que expertos das literaturas inglesa e galega falaron do sistema de axudas, das traducións e da situación actual destes sistemas literarios, para dar paso a dous días de obradoiros formativos sectoriais. O evento contou coa colaboración do Centre for Language Research at Aston da Aston University, o Irish Centre for Galician Studies da University College Cork, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras.
Neste enlace podes consultar os vídeos e fotografías do evento.”
A Coruña: presentación de Os jeans de María, de Lois Alcayde
Ribadavia: actividades do Día da Biblioteca no Museo Etnolóxico
A Pobra do Caramiñal: presentación de Consolación a Marcia. Consolación a Helvia, de Séneca
Compostela: presentación da edición de Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña (1707), a cargo de Salvador Francisco Roel
A Coruña: presentación de Fuxir de Proxeria, de Manuel Blanco Desar
Vigo: presentación de A araña que lles tiña medo ás arañas, de Ramón D. Veiga
Unha obra de Xavier Lama sobre policías infiltrados nos movementos sociais, premio Laudamuco de teatro
Desde
Sermos Galiza:
“Na miña alma ouvea un lobo é o título da peza coa Xavier Lama (Guntín, 1962) gañou a primeira edición do premio Laudamuco de teatro, organizado polo Concello de Brión. Baseada en feitos reais, trata da infiltración de policías nos movementos sociais ingleses. O texto, publicado por Edicións Positivas, acaba de chegar ás librarías.
“Esta é unha obra de ficción conectada cunha casuística real que ten a súa orixe na Gran Bretaña”, explica o autor nunha nota introdutoria, “en 2011, no xornal The Guardian, comezan a agromar os primeiros datos: uns 80 policías realizaran labores de espionaxe utilizando a identidade doutros tantos nenos mortos”.
A infiltración policial, desenvolta entre 1969 e 1994, sucedeu en agrupacións ecoloxistas, antinucleares ou nas denominadas “antisistema”. E chegou a tal punto que “polo menos 40 mantiveron relacións duradeiras, de carácter íntimo, con mulleres activistas que non tiñan nin idea de que se deitaran durante anos con axentes secretos. De varias desas parellas naceron fillos”.
O xurado do Laudamuco conformárono Rosa Álvarez, María Barcala, Luma Gómez, Manuel Guede e Damián Villalaín. Salientou de Na miña alma ouvea un lobo “a capacidade do autor para explorar con notable eficacia dramática a través de sucesos e personaxes tomados da realidade zonas escuras de funcionamento dos Estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos”.
As “potencialidades escénicas” dunha obra estruturada en pequenas escenas foi outra das características destacadas, xa que “favorecen un ritmo áxil á vez que contundente”.
O premio Laudamuco recolle o seu nome da peza de Roberto Vidal Bolaño Laudamuco, señor de ningures, estreada o 16 de maio de 1978 e considerada unha das primeiras funcións profesionais do teatro galego. Está dotado con 7.000 euros e a edición en libro da obra da man de Positivas.”







