Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do sábado 2 e domingo 3

O sábado 2 e domingo 3 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:

Sábado 2
11:00 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. «Olladas cruzadas». Club de lectura. Lectura dos libros Sangue 12, de Cris Pavón e Saturno tamén é deus, de Uxía Casal. Modera: Paula Gómez del Valle.
12:30 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. «CríticAs». Conversa sobre lecturas Por que é necesaria unha crítica feminista? Outros xeitos de facer crítica literaria. Modera: Antía Marante.
12:30 h. Hércules ed. Ring… Ring! Quen rima? Obradoiro de ilustración e lectura a cargo do ilustrador Enrique López.
13:30 h. El faro de los tres mundos. Cara de velocidade. Marga Tojo. Presentación do Poemario ilustrado da Ed. Kalandraka coa presenza da autora.
17:30 h. Libraría Palacios. Lola e as 21 vacas. Xogos e contacontos da man da ilustradora Blanca Millán. Ed. Triqueta Verde.
18:30 h. Chan da Pólvora. Diálogo entre Daniel Salgado e Ismael Ramos. Conversa arredor de O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler e Lumes. Ed. Apiario.
18:30 h. A Corva. Compoñedora de contos Cristina Collazo compón fermosos contos extraídos da cultura popular galega.
19:30 h. Paseo literario Salvador García-Bodaño. Percorrido polos espazos dos afectos e feitos do poeta, en colaboración coa AELG. ▸ Inicio: Praza do Obradoiro.

Domingo 3
13:30 h. Autoedicións Micromundos. Disto non se fala. Presentación da plaqueta de Verónica Martínez Delgado e Emma Pedreira sobre o acoso e a desigualdade de xénero.
18:00 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. Ex-céntricas. Autoras desde a periferia. É importante falar con autoras que escriben desde a periferia, lonxe dos centros nos que se congregan as actividades culturais. Modera: Andrea Barreira.
18:00 h. Urco Editora. Xandra, a landra que quería voar. Mercedes Queixas. Contacontos para público infantil do conto de Mercedes Queixas.
18:30 h. Urco Editora. Reunión coas Nosoutras de María Victoria Moreno. Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e Ursula Heinze en conversa con Xavier Senín.
18:30 h. Xandobela. Navegando entre papel e contos. Paseo narrativo, lúdico e creativo a través das historias que María Victoria Moreno nos deixou no seu libro Mar adiante.
19:00 h. Encontro con Dulce Maria Cardoso. Encontro coa escritora portuguesa Dulce Maria Cardoso en colaboración co Instituto Camões.
20:00 h. Hércules de Edicións. Galicia inmaterial, Galicia máxica. Presentación e sinatura de exemplares do libro.

Emma Pedreira: “Quería rir do elitismo que nos afasta do contacto directo do público e que crea unha endogamia triste e podre”

Entrevista de Montse Dopico a Emma Pedreira en Praza:
“(…) – Praza (P): De Corazón e demais tripas dixeras que non era “un conxunto de microrrelatos” senón “unha unidade de microrrelatos que se interconectan para formar algo consonte”. Supoño que de Bibliópatas e Fobólogos podería dicirse o mesmo, non? Dalgunha maneira, supón continuidade de Corazón: volta á narrativa, ao microrrelato… Que pode haber de continuidade entre ambos? -A presenza do humor e a ironía, por exemplo-.
– Emma Pedreira (EP): De Corazón e demais tripas fixen algún descarte porque tiraba cara a un lado que non cadraba moi ben dentro da unidade dese libro; eran relatos menos eróticos ou moi lindantes entre o erótico e o bibliófilo e aí dei co que sería o xermolo de Bibliópatas. Foi pechar ese libro e comezar co seguinte. Foron tres ou catro textos que enlazaron os dous libros, por iso son tan semellantes que trato de consideralos libros irmáns e parte dunha triloxía na que estou aquelando xa o terceiro volume, que tamén resulta dos descartes de Bibliópatas e Fobólogos. Supoño que fondo e forma son un contínuum nos dous libros, o tratamento e a estética dos textos son comúns a ambos polo humor e tamén pola contención na forma. (…)
– P: Eu penso que, malia todo o xa comentado, no fondo, o libro é unha sorte de declaración de amor aos libros. Como neses relatos nos que se trata o libro como un obxecto prohibido, remitíndonos a un futuro posible, ou como un obxecto que okupa o noso espazo na casa, a nosa cabeza e o noso corazón. Poderiamos resumilo así, é dicir, é o sentido xeral do libro?
– EP: Totalmente. Bibliópatas é un libro de amor polas palabras e pola vida paralela que transmiten. Polo humor e a alternativa que nos ofrece o seu refuxio cando a vida propia falla, pero tamén é un discurso do desalento e un tirón de orellas aos nosos egos. Sempre que alguén me di que leu ou que está lendo Bibliópatas pregúntolle o mesmo: riches? E se me di que si digo, pois xa está. O amor está no humor, na activación dos músculos do riso, na liberación de substancias químicas que fan sentir ben e iso é o que pretendo en primeira instancia. Un goce coas bragas postas. O que veña despois, a reflexión, a crítica, a autoexploración, o pouso é o premio.
– P: Por último, pregunta obrigada -e parva-, como foi para ti recibir a noticia do premio da crítica?
– EP: Sigo sen crer que un libro un pouco antisistema como este -borra o de un pouco- teña recibido semellante premio por parte do propio sistema literario galego e, por riba, con proxección cara fóra -que non creo que se dea, debido a moitos factores-. Supoño que refrenda e ao mesmo tempo asume tamén con humor os defectos dos que adoece a nosa literatura. Como ademais coñecer a noticia tivo un punto surrealista -fun a última en sabelo, malditas queridas redes sociais-, o libro segue arrastrando ese humor que quero tanto.
Faime remexer un pouco que sexa esta obra, e non vinte anos de discurso poético fondo e grave, a que se recoñeza pero precisamente iso contribúe a visibilizar que o que precisabamos era unha maior sinceridade e contacto coa xente que nos le. Estou moi feliz e son consciente de que pasado mañá xa non implicará nada máis que unha faixiña amarela no libro, pero é unha honra dicir que son a cuarta muller en recibilo desde o ano 1976 en que se estableceron estes premios para a lingua galega. Porque, como din por aí, non hai narradoras e tal, sobre todo con anterioridade a 2005 en que se galardoou a Teresa Moure -despois virían Begoña Caamaño e Anxos Sumai– e fin. Son feliz e son aínda máis feliz por compartir este premio con Lupe Gómez en poesía, coa que se fai unha xustiza e un labor de reposición tremendo. Podo dicir que celebro máis ese premio para ela e que este ano distingue o labor de dúas irmás de letras, rosmonas, antisociais e incómodas. Grazas!”

Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2018

Os Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago.
Trátase dunha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

As inscricións, gratuítas, poden realizarse desde agora no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal, indicando o nome, apelidos, un teléfono de contacto, e o(s) Paseo(s) ao(s) que se quere asistir.

Estes son os paseos previstos:

Xoves, 31 de maio, ás 18:00 h.
Compostela negra, con Diego Ameixeiras.
Punto de partida: Praza de Cervantes.

Sábado 2 de xuño, ás 19:30 h., no marco da SELIC.
Paseo por unha cidade na palabra, homenaxe a Salvador García-Bodaño. Con Xosé María González Xil.
Punto de partida: Praza do Obradoiro

Xoves 7 de xuño, ás 18:00 h.
Roteiro arredor de Fermín Bouza-Brey en Compostela, con Antón Lopo.
Punto de partida: número 43 da Rúa do Vilar.

Xoves 14 de xuño, ás 18:00 h.
A cidade das augas, con María do Cebreiro.
Punto de partida: Ponte Vella do Sar.

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VI)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións nos premios ás seguintes traxectorias:

Premio á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Viñetas desde o Atlántico.

Premio ao Proxecto literario na rede: Caderno da crítica, de Ramón Nicoláshttps://cadernodacritica.wordpress.com/

Xornalismo Cultural: Ana Romaní

Isabel-Clara Simó: “En Catalunya xa non é obrigatorio pasar por Madrid”

Entrevista de Daniel Salgado a Isabel-Clara Simó en Sermos Galiza (foto de Laura R. Cuba):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que lle di recibir un premio que se chama Escritora Galega Universal?
– Isabel-Clara Simó (ICS): Déixame patidifusa, atónita e dáme moita seguridade en min mesma. É estupenda.
– SG: E o feito de que a declaren Galega Universal?
– ICS: Iso paréceme moi normal. Os galegos por definición sodes universais, uns dos grandes emigrantes do mundo.
– SG: Mantén relacións coa literatura galega?
– ICS: Antes si.
– SG: Na época do semanario Canigó?
– ICS: En Canigó e tamén en Galeusca. Pero cando rematou Galeusca, os contactos fixéronse menores.
– SG: Con que escritores ou escritoras?
– ICS: Eu son moi antiga e son moito da Xeración Nós. Encántame. Este home gústame [sinala o poeta e presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias, que asiste á entrevista]. Pero non quero dicir máis nomes.
– SG: As literaturas non castelás do Estado español parece que teñan que pasar sempre por Madrid para se relacionar…
– ICS: Xa non, iso é antigo.
– SG: Vostede cre?
– ICS: Polo menos desde a literatura catalá. Antes, se te traducían ao francés ou ao inglés, tiñas que pasar polo castelán. Agora xa non. Tes contactos directos. Non sei que está pasando na Galiza nin en Euskadi. Pero en Catalunya xa non é obrigatorio pasar por Madrid.”

Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do venres 1

O venres 1 de xuño abre as súas portas a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

17:30 h. Espazo efémero. Inauguración SELIC. Brinde con Rosalía de Castro.
18:30 h. Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos. Deputación da Coruña. Presentación do libro de Xohana Torres. Participarán á Vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación de A Coruña, Goretti Sanmartín Rei, Xan Carballa e Ana Romaní.
19:30 h. Xandobela. Poemas estampados. Obradoiro creativo no que ilustraremos poemas con selos e tintas de cores.
21:30 h. OFF SELIC. Quico Cadaval. Contada a cargo de Quico Cadaval organizada polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago.