Gondomar: María Reimóndez visita o Comando Le

Desde Espazo Lectura:
“O sábado 27 de xaneiro, a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, 36388, Gondomar) vai acoller a primeira sesión do ano do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor do traballo das organizacións de cooperación internacional e contará coa presenza da escritora María Reimóndez, quen lles falará aos comandoleiros e comandoleiras da súa experiencia neste ámbito, moi especialmente desde o proxecto de Implicadas no Desenvolvemento, a ONG galega da que ela foi fundadora no ano 1998 e presidenta ata o 2013. Ademais, aproveitaremos tamén para conversar sobre a súa novela Corredora, obra que os mozos e mozas do Comando Le leron no pasado mes de novembro. Como é habitual, a sesión desenvolverase entre as 20:00h e as 00:00h e faremos unha pausa para cear.”

Esther Carrodeguas vén falarnos de #Camiños, a nova montaxe de ButacaZero

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Propostas que xa están aquí, outras que veñen polo camiño, e nunca mellor dito porque #Camiños é precisamento o título da nova montaxe de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego. Vai permanecer no Salón Teatro ata o domingo 28 de xaneiro. Para falarmos desta montaxe e dos seus últimos traballos convidamos a Esther Carrodeguas. Pode verse aquí.”

Andrés Torres Queiruga: “O compromiso de Encrucillada co galego é incondicional”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga na Real Academia Galega:
“- Real Academia Galega (RAG): Encrucillada naceu, como se explica no limiar da monografía, para tender pontes entre o cristianismo e a cultura galega. E fíxoo nun momento complexo, pouco despois da morte do ditador Francisco Franco. Como lembra aquel contexto?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): Era toda unha encrucillada, como di o nome da revista. Naceu, en primeiro lugar, nun momento en que estaba aí o pulo do Concilio Vaticano II, que renovou a conciencia relixiosa na humanidade buscando unha sintonía coa cultura e coas necesidades máis fundamentais dos seres humanos. Por outra banda, estaba tamén o descubrimento, ou redescubrimento, do galeguismo por unha parte máis aberta da Igrexa con persoas da miña xeración, unhas formadas en Salamanca e outras en Santiago de Compostela. E por último, estaba detrás a Revolución do 68 e a revolución política en España. Todo iso confluíu no intento de crear unha revista que respondera a unha visión cristiá desta nova situación, buscando ante todo un cristianismo renovado e encarnado en Galicia. (…)
– RAG: Con estes obxectivos, queda claro que Encrucillada tiña que ser unha revista en galego, non?
– ATQ: Si, iso tamén era evidente. Se cremos nunha relixión que convive coa cultura dun país tamén debe estar escrita no idioma dese país. Isto era para nós prioritario e, de feito, mantivémolo contra vento e marea.
– RAG: Segue sendo hoxe unha reivindicación, a do uso da lingua galega na Igrexa católica, que cómpre repetir?
– ATQ: Sen dúbida. Naquel momento a Igrexa en conxunto, e agora falo da galega, estaba máis viva do que está hoxe, había máis receptividade. Hoxe na Igrexa a mentalidade galega está máis estendida, pero hai menos entusiasmo, a xerarquía desentendeuse disto e segue claramente desentendida. Polo tanto, esta necesidade [de uso do idioma galego] seguímola sentindo posiblemente con máis intensidade ca daquela.
– RAG: A monografía presentada o venres na Academia é boa proba dese carácter plural nos temas abordados por Encrucillada do que falabamos. Que imos atopar nas súas páxinas?
– ATQ: O primeiro tomo recompila os artigos publicados en Encrucillada sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas desde o nacemento da revista (desde López Ferreiro a Carlos Casares) e o segundo xunta outros artigos sobre autores galegos. Cremos que é unha achega moi bonita á nosa cultura e que merece unha presentación solemne na Academia, dado o noso compromiso incondicional coa lingua e o noso recoñecemento ao labor que está facendo a RAG.”

Galaxia promove dúas obras teatrais sobre novelas de María Victoria Moreno e outra sobre a súa vida

Desde a Real Academia Galega:
“Ubú Teatro, tras adaptar o pasado ano A galiña azul de Carlos Casares, volver levar aos escenarios da man de Galaxia unha obra da figura á que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio. Desta volta será a historia do can Leonardo, Antón e os seus compañeiros de curso, os fontaneiros, galardoada en 1985 co 3º Premio Barco de Vapor. Limiar Teatro asume o reto de adaptar a novela máis recoñecida de María Victoria Moreno, Anagnórise, que narra a fuxida de Nicolau, un adolescente que escapa da casa, acompañado da muller que o recolle facendo autostop.
Limiar Teatro representará ademais unha segunda obra baseada na vida de María Victoria Moreno, unha traxectoria que tamén poderá percorrerse a través das páxinas da biografía que preparou para Galaxia a profesora Montse Pena Presas. O libro sairá do prelo a finais de xaneiro baixo o título A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Máis adiante, en colaboración co Consorcio de Santiago, a editorial publicará nunha edición especial É a lúa que baila, un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas de Federico García Lorca prologado polo académico Xesús Alonso Montero.
Galaxia está a reeditar desde 2017 títulos de María Victoria Moreno que son parte do seu catálogo. É o caso das novelas xa mencionadas, A festa no faiado (1983), ¿E haberá tirón de orellas? (1997) ou Guedellas de seda e liño (1999), así como Onde o aire non era brisa, novela escrita nos anos 60 en castelán e traducida ao galego en 2009.”