Coñécense as gañadoras do VI Premio de poesía María Mariño

“O xurado calificador do VI Premio de Poesía María Mariño que convoca a Asociación Teenses Pola Igualdade decidiu por unanimidade outorgar o primeiro premio a María Teresa Iglesias Yugat, pola súa obra Nos arrabaldes do tempo.
O segundo Premio recaiu na autora compostelá Claudia Castro, xornalista e filóloga, pola súa obra Ela, muller en construción.
O xurado, composto por Ramón Brea, Guillermina Dominguez, Marisol López, María José Rodríguez e Manuel Rodríguez, destacou a “alta calidade dos traballos presentados”.
As premiadas recibirán o seu galardón durante a Gala Literaria que terá lugar o vindeiro día 19 de maio coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.”

Tabela dos Libros de maio de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

María Reimóndez gaña o XX Premio de poesía Johán Carballeira

Desde o Concello de Bueu:
“O sábado 6 de maio de 2017 reuníuse o xurado do XX Premio de poesía Johán Carballeira, constituído polos/as escritores/as Pura Tejelo, Ramón Nicolás e Antía Otero.
Tralo pertinente debate o xurado decidiu outorgar por maioría o premio á obra Galicia en bus, cuxa autora, unha vez aberta a plica, resultou ser María Reimóndez.
O xurado xustifica a súa decisión por se tratar dun libro de poemas que recrea asuntos como a memoria e a identidade a través da perspectiva de xénero, articulando un percorrido territorial que se estende desde o íntimo ata o cartográfico.”

Taboleiro do libro galego (abril 2017)

Desde Cicloxénese Expresiva:
“Continuamos co excelente traballo que se viña facendo no Caderno da Crítica.
Queremos agradecerlle a axuda a Ramón Nicolás e ás librarías que colaboraron con nós para a elaboración desta listaxe: Pedreira, Cartabón, Paz, Biblos, Miranda, Andel do libro, Suévia e Chan da Pólvora.

Narrativa
Os nenos da varíola, de María Solar. Galaxia.
Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva. Galaxia.
Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira. Galaxia.
Vento ferido, de Carlos Casares. Galaxia.
Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Xerais.

Poesía
Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Editora.
Suicidas, de Francisco Cortegoso. Chan da Pólvora Editora.
A relixión do mar, de Xosé Iglesias. Instituto de Estudos Miñoráns.
Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.

Ensaio
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama. Galaxia.
Non des ao esquecemento, de Luís Bará. Instituto de Estudos Miñoranos.
Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez. Belagua Edicións.
Bolcheviques, de Teresa Moure (coord.). Através Editora.

Xuvenil
Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Xerais.
A soidade das medusas, de Iria Collazo. Galaxia.
Europa express, de Andrea Maceiras. Xerais.

Infantil
Primeira semana na escola de vacas, de Cutbill e Russell. Editorial Patas de peixe.
O monstro das cores, de Ana Llenas. Flanboyant.
Minilibros imperdibles 1 e 2. Kalandraka.

Libro CD-DVD
Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
Aire, de María Fumaça. Galaxia.
A bruxa da discordia, de Mamá Cabra e Carmen Gil. Galaxia.

Banda deseñada
Bichero VI: Ti sacha!!!, de Luís Davila. Autoedición.
Historias Floreánicas, de Gogue. TodoGrove Edicións.
A lei da cidade sen alma, de Víctor Boullón. Kómic librería e Demo Editorial.

Revistas
Luzes.
Tempos.
Follas novas.”

Inma López Silva: “O legado literario de Casares está salvagardado, en boa medida, na súa escrita xornalística”

Entrevista a Inma López Silva na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
– Inma López Silva (ILS): Hai diversos niveis de análise do legado de Carlos Casares que poden dar unha conta aproximada da súa importancia transcorridos case tres lustros desde a súa morte. En primeiro lugar está o punto de vista exclusivamente literario, no que Casares liderou unha corrente de sinxeleza que recuperaba o mellor Castelao e que el popularizou a través da súa narrativa pero, sobre todo, a través das súas colaboracións na prensa. Neste sentido, coido que, en boa medida, o legado literario de Casares está salvagardado na súa escrita xornalística. Desde a súa posición en La Voz de Galicia, soubo renovar e manter o xénero desde un absoluto coidado pola lingua galega, nunha militancia que non coñeceu cesións e que, coido, supón en boa medida a existencia indubidábel dun xornalismo galego a día de hoxe nos nosos medios de comunicación.
Por outra banda, coido que non é posíbel falar de Carlos Casares sen considerar o seu legado institucional, algo que entendo alén do político. Casares representa unha liña de acción galeguista que, nun tempo de alleamento e integración da globalización na cultura galega, soubo conxugar o aspecto local co global a través dunha visión da relación entre Galicia e o mundo que, co paso do tempo, se amosou rendíbel para a promoción exterior da nosa cultura. Finalmente, Casares supón a popularización e xeneralización da cultura e a literatura galegas. A súa obra pode envellecer, e as súas historias poden chegar a non interesar (agardo que non!), mais é innegábel que Casares conseguiu para a causa da nosa cultura moreas de lectoras e lectores que eran fieis á escrita na nosa lingua só por el e para el. Coido que non se volveu dar unha figura así, e precisariámola.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– ILS: O seu xornalismo de opinión, sen ningunha dúbida. Por suposto, as súas obras na narrativa de ficción están entre o máis elevado da literatura galega contemporánea (eu, persoalmente, quedo coa miña obra casariana de referencia, O sol do verán), pero teño para min que é nese xornalismo escrito día a día onde atopamos a maior experimentación e autenticidade da súa escrita, a súa vontade de conxugar o presente co seu imaxinario literario, a súa ideoloxía e a súa pulsión creativa.
Quixera ademais, sinalar aquí a importancia da súa achega teatral para a infancia (As laranxas máis laranxas de todas as laranxas) que, desafortunadamente, non viu continuidade nunha obra dramática tanto para a infancia coma para adultos que tería interese, sen dúbida, debido ao seu recoñecemento do teatro como faceta fundamental de calquera cultura normalizada. (…)”

Galicia difunde a súa literatura na Feira Internacional do Libro de Bos Aires

Desde a Xunta de Galicia:
“O sector editorial galego participa na nova edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que se celebra na capital porteña ata o próximo 15 de maio.
Nun total de 12 actividades, que inclúen charlas, mesas redondas e presentacións de libros, as autoras e autores galegos darán a coñecer a súa obra e abordarán diversos temas de actualidade sobre os libros e a lectura no marco da cuadraxésimo terceira edición da feira, que en 2016 tivo como convidada de honra a cidade de Santiago de Compostela.
Precisamente, o posto de Galicia será o escenario da primeira das iniciativas dos autores galegos na feira, que manterán un encontro co público o domingo ás 18,00 horas (hora local). Ao día seguinte, o luns 8 de maio, Inma López Silva e Antón Riveiro Coello propiciarán un diálogo sobre O porqué da escritura, ao que seguirá, o martes 9, a charla Novos escritores, novos lectores, con Sebastián García Mouret e Andrea Maceiras. Ese mesmo día, Riveiro Coello falará sobre A construción da memoria.
Todos os autores e autoras galegos desprazados a Bos Aires participarán o mércores na mesa redonda Escribir en Galicia hoxe e mañá. Nesa xornada, ademais, o booktuber Sebastián G. Mouret ofrecerá unha charla sobre as novas formas de lectura, en relación con internet, mentres que o xoves 11 de maio manterá un diálogo co público acerca da como a rede contribúe a promover a cultura.
Tamén o xoves, Inma López Silva e Antón Riveiro presentarán as súas obras Aqueles días en que eramos malas e Laura no deserto, respectivamente. A xornada completarase coa conferencia de Luís G. Tosar e o académico arxentino Antonio Requeni Xavier Bóveda, a aventura dun poeta galego ultraísta en Bos Aires, moderada polo presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure.
De cara á fin de semana próxima, a programación da feira contará, o venres 12, con varias presentacións de obras galegas. A primeira delas, Europa Express, de Andrea Maceiras, á que seguirá a presentación do libro Maternosofía, de Inma López Silva, que estará acompañada polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro. As actividades de Galicia na feira completaranse o sábado 13 coa participación de Mouret no Encontro booktubers. (…)”

Vanesa Santiago gaña o Illa Nova de Narrativa con A vida sinxela de Marcelo Firmamento

Desde Sermos Galiza (imaxe da propia autora):
“Vanesa Santiago é a gañadora da I edición do premio Illa Nova de narrativa para menores de 35 anos, convocado por Galaxia. A vida sinxela de Marcelo Firmamento, a obra gañadora, é unha “reinterpretación das novelas de viaxes” cunha “comunión moi marcada co universo do mar e das lendas”.
O xurado valorou a construción tanto da mecánica interna como global da novela, a elaboración de imaxes de “gran potencial evocador” e a creación dun universo con elementos máxicos que está “perfectamente integrado e consegue fuxir dos estereotipos”. A novela resalta “polo coidado da procura da palabra exacta, con imaxes moi potentes”, indican. O xurado estivo composto por Mario Regueira, Inma López Silva, Berta Dávila, Nuria Piñeiro e Ismael Ramos. O premio, ademais da contía económica de 3.000 euros, leva aparellado a publicación da obra.
A editorial Galaxia presentaba en xaneiro as bases do Premio Illa Nova de Narrativa 2017 e explicaba que se creaba “coa finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria”.
A entrega do premio tivo lugar na Fundación Barrié, en Vigo, nun acto que contou coas intervencións de Francisco Castro, director xeral de Galaxia, Antón Vidal, presidente da editorial, e Xosé L. Méndez Ferrín, escritor.
Nada en Fontán en 1983, Vanesa Santiago é bibliotecaria e documentalista. Ten publicado un libro Ninguén Lembra (2013) en Urco editora e publicou relatos e poesía. Colabora coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. (…)”

Isaac Xubín: “Unha das razóns pola que escribo é para amolar e berrar que estou vivo”

Entrevista de Xesús Fraga a Isaac Xubín en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que é Staro Selo?
– Isaac Xubín (IX): Staro Selo é a capital dun lugar que estivo a piques de salvarse pero que debido a un feito histórico concreto, que aconteceu de forma súpeta, foi engulida pola besta. O texto presenta a un grupo de habitantes da cidade que tentan sobrevivir e que deben tomar camiños nunhas encrucilladas que ás veces non parecen definitivas. Ao elaborar a capa do libro tentei presentar a situación xeral ante a que se atopan estas persoas, a vixilancia constante dunha administración que pretende unha orde imposible no sarillo de formigón que é Staro Selo.
– LVG: Relacionouse o libro [Non hai outro camiño] coa Nova Narrativa Galega. ¿Como cre que o canon inflúe na actualidade?
– IX: Non estou capacitado para responder a esta pregunta coa rigorosidade que merece. Non son un crítico cunha ampla imaxe panorámica do que se publica en Galicia e, ademais, vivo fóra, con todo o que iso implica. Podo falar por min e unha das vantaxes de ter vivido no estranxeiro (agora, en Inglaterra), é o acceso de primeira man a lecturas, recitais e creadores con bagaxes e tradicións diferentes.
– LVG: Malia o ar case opresivo, hai marxe para a esperanza, igual que no seu novo libro de poesía, A cadencia da fractura. ¿A escrita e a lectura son vehículos para alumar e propagar esa esperanza?
– IX: Existe unha tensión entre o que poderiamos definir como propio, o que eu escollo que me caracterice, ser galego, e a realidade de ser unha persoa que en case 40 anos viviu en máis de 10 cidades diferentes e se atopa na situación de empregar tres linguas ao longo do día. A lectura e a escrita son fundamentais para min porque son o xeito máis profundo que teño de acomodarme nesa tensión que se orixina en min. Máis aló de ver o meu nome escrito no bronce da tribo quero que a miña tribo sobreviva e, xa que logo, unha das razóns pola que escribo é para amolar e berrar que aínda estou con vida, que estamos vivos. (…)”

Xosé Luís Mosquera Camba gaña o certame de poesía Concello de Carral

Desde Sermos Galiza:
“O poeta e profesor de arte, Xosé Luís Mosquera Camba gañou a XX edición do certame de poesía Concello de Carral coa súa obra Das árbores tropicais e do amor, que presentou co seudónimo Sula Bassana. É a segunda vez que Mosquera obtén este premio, pois xa o gañou en 2010 co poemario Nadja c’est moi.
O xurado do concurso estivo formado por Teresa Seara e Inma Otero, da Asociación da Crítica, e Modesto Fraga, gañador da pasada edición, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 46 poemarios. O xurado destacou que a obra gañadora é un poemario “de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado”. O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio terá lugar o 26 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2017. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Devalar sen pel, de Modesto Fraga.”