Carballo: nova edición do Festival Outono Teatro, 2016

“Celebrarfiot-2016 a XXV edición do FIOT é unha oportunidade para festexar a chegada a este fito do noso camiño, un logro importante para unha proposta cultural que naceu e medrou modestamente, pero con coherencia e persistencia, e coa ambición de ser sólida e potente.
Vinte e cinco anos abrindo o telón á ilusión, á reflexión, á sorpresa, á beleza, ao encontro, á provocación, á experiencia, á compañía, á emoción… O Outono de Teatro non é un conxunto de espectáculos programados en outubro, é unha idea compartida e viva que xa moitos, desde o público ata os artistas ou todo tipo de colaboradores, evocamos na nosa memoria como algo máis que teatro, unha illa propia que compartimos.”

O programa completo, que se estende durante case todo o mes de outubro, pode descargarse aquí.

Daniel Asorey: “Que tería pasado se os Irmandiños tivesen gañado?”

Entrevistadaniel-asorey a Daniel Asorey en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: Vés de gañar o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016 por unha novela ucrónica que acontece nunha república galega e no Brasil. Cóntanos máis dese libro que poderemos ler a partir de novembro en Galaxia.
– Daniel Asorey: A historia vai sobre tres mulleres en varios momentos históricos, con amor de mulleres tamén. Unha sería a mediados do século XVII, e outra acontecería nos anos 30 do século XX. Hai tres mulleres en tres momentos determinados. A historia comeza cunha foto dunhas decapitacións, que foi a que inspirou a novela. Decapitaron a uns ‘cangaceiros’, unha especie de bandoleiros que existiron no ‘sertao’ do nordeste brasileiro e que coa época do Estado Novo [ditadura portuguesa do s. XX] acabaron sendo perseguidos e aniquilados. Dentro da mitoloxía popular brasileira, eran xente que roubaba aos ricos para lle dar aos pobres, aínda que cometeran crimes terribles. A historia comeza con esa foto, que son sete cabezas dunha banda famosa no Brasil, e unha xornalista tirando unha foto. Unha das protagonistas é unha desas mulleres que logo foron decapitadas, María, que é unha gran bandoleira; outra sería a fotógrafa, que se chama Matilda en honor a Ruth Matilda Anderson. E a outra sería unha vedora, un cargo que eu inventei, unha inspectora ou algo así do século XVII nunha suposta República das Santas Irmandades da Galiza. Esta ucronía sae dunha pregunta: que tería pasado se os Irmandiños tivesen gañado? Entón podería ser que tivesemos unha república galega, que se cadra puido ter loitado polos territorios que tiña Portugal no nordeste de Brasil, como fixo Holanda. E que fariamos alí? Seguramente practicariamos o colonialismo. Hai algo importante na novela, que é a Compañía Galega de Indias, que tería traficado, como fixeron os holandeses e os ingleses. (…)”

Bases do VI Certame de Poesía María Mariño 2017

1. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que o desexen calquera que sexa a súa nacionalidade sempre que o seu traballo sexa escrito en galego.

2. Os poemas que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados noutros concursos, sendo libres o tema e maila forma.

3. O V Premio María Mariño de Poesía estará dotado cun: Primeiro Premio de 300€ e un Segundo Premio de 200€.

4. Cada concursante participará cun só poema, que non deberá exceder os CEN versos mecanografados a dobre espazo en formato DIN-A4, por unha soa cara e por quintuplicado.

5. Os poemas deberanse presentar baixo lema, indicando no sobre: PARA O IV PREMIO DE POESÍA MARÍA MARIÑO. No interior do sobre que conteña o traballo, achegarase en sobre aparte, pechado e lacrado os seguintes datos: nome, apelidos, DNI ou pasaporte, enderezo e teléfono, da persoa autora do traballo así coma un resumo dos seus datos biográficos que non deberá exceder as quince liñas.

6. O Xurado cualificador estará integrado por cinco personalidades das letras e da cultura galega actuando coma secretari@ con voz e sen voto una persoa, elixida pola directiva da asociación.

7. O fallo do Xurado será inapelable, a súa composición así como o nome dos galardoados, darase a coñecer a través dos medios de comunicación. Os galardoados recibirán comunicación directa por parte da organización.

8. A entrega dos Premios terá lugar nun acto poético en día a sinalar dentro da Semana das Letras Galegas 2017.

9. O prazo para a entrega dos traballos é improrrogable, rematando ás 24 horas do 16 de Abril do 2017.

10. Os poemas remitiránse a:

ASOCIACIÓN TEENSES POLA IGUALDADE
ESCOLA DE VILANOVA, 1º ANDAR. RECESENDE nº 43
15895- TEO- A CORUÑA

11. Os traballos gañadores quedarán en poder da Asociación Teenses pola Igualdade, que se reserva os dereitos sobre os mesmos.

12. Os traballos presentados non premiados deberán ser retirados polos autores previa identificación, no prazo de dous meses, dende a entrega do Premio. Transcorrido dito prazo procederáse a súa destrucción.

13. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes Bases.”

Tódalas incidencias non previstas nas mesmas serán resoltas pola Directiva ou polo Xurado cando este quede constituído.