“Galicia difunde a súa literatura medieval en Xapón en formato libro e CD”

Desde Código Cero:
“O 15 de xuño celebrouse no Pazo de San Roque a presentación do libro Convite para as Cantigas de Santa María, elaborado por Takekazu Asaka, profesor emérito da Universidade Tsudajuku de Toquio, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dun volume co que difundir a literatura medieval galega en Xapón.
Na cita participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen fixo saber que se trata dunha edición bilingüe en galego e xaponés que recompila sete cantigas de Santa María e analiza as composicións realizadas baixo a dirección de Afonso X O Sabio co fin de achegarllas ao público nipón.
García agradeceu ao profesor Takekazu Asaka “o seu labor como divulgador da lingua e da literatura galega no Xapón, ao que lle leva dedicado moitos esforzos e do que esta publicación é só a última e moi coidada mostra”.
Canda Valentín García tamén participaron neste acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, Henrique Monteagudo, membro da Real Academia Galega e autor do prólogo do volume; Armando Requeixo, crítico literario, e o propio Takekazu Asaka.
Convite para as Cantigas de Santa María compila un conxunto de dez ensaios arredor das cantigas de Santa María, onde se analizan cuestións como a súa historia codicolóxica, o seu contido, as miniaturas que o iluminan, a súa música ou a súa lingua, entre outros. A maior parte destes ensaios débense ao propio Asaka, mais tamén se integran outros artigos dos estudosos Hitomi Asano, Yuri Sugüimoto e Shinya Agario.
Aos ensaios sinalados súmase a edición bilingüe galego-xaponesa de sete Cantigas de Santa María, que se completan cun amplo glosario que explica, en lingua nipoa, moito léxico característico destas composicións galego-portuguesas medievais.
O volume, que se publica baixo o selo Güinga Xobou (que en tradución ao galego quere dicir Vía Láctea), foi editado en Toquio esta primavera e leva como ilustración de cuberta un deseño do artista Xosé Vizoso. O libro vén acompañado dun CD coas sete cantigas traducidas que son interpretadas musicalmente polo Ensemble TrouBour, grupo de cámara xaponés.
Esta obra súmase a outros traballos realizados anteriormente polo profesor Asaka, especialmente á súa Introdución ás Cantigas de Santa María (2022), que a presente obra aumenta e mellora.”

Negreira: Libros, patria, vermú 2023

Ponteareas: actividades do 15 de xullo da Feira do Libro 2023

Padrón: Abride a fiestra 2023

Festival-xornada de portas abertas na Casa de Rosalía con feira de produtos rosalianos, un espazo de xogos tradicionais, e un pianista residente ao Piano de Rosalía: Suso Alonso (desde as 19h. Martiño Rivo). Con entrada libre.

11:00 Visita guiada pola Horta de Rosalía da man de Miguel Lois
11:30 Xosé Luís Axeitos e Henrique Rabuñal conversan sobre “O Centenario de Murguía”
12:00 Actuación de ANTÓN REIXA: “Concerto desconcerto”
12:00 Visita guiada pola Casa da man de Rita Bugallo [público familiar]
12:30 Presentación do libro Airiños. 90 anos de teatro do pobo
13:00 Actuación de ALDAOLADO (poesía, música, humor)
13.30 Conversa entre Belén López e Moncha Fuentes, sobre o seu libro O tradutor de sombras
14.00 Cata de viños con Paco & Lola, da man do enólogo Cayetano Otero
Xantar na Horta de Rosalía
17.00 Obradoiro de xogos sonoros con Cé Orquestra Pantasma [público infantil]
17.30 Visita guiada pola Casa da man de Manuel Lorenzo Baleirón
18.00 Actuación musical de Cé Orquestra Pantasma [público infantil]
18.00 Conversa entre Belén López e Olga Novo, Premio Nacional de Poesía por Feliz Idade
18.30 Visita guiada pola Casa da man de Carme Pérez-Sanjulián
19.00 Acto institucional do 138 aniversario do pasamento de Rosalía. Entrega da Rosa de Galicia á familia de Octavio San Martín. Con actuación do Cuarteto de Clarinetes da Banda de Padrón.
20.00 Actuación de XURXO SOUTO: “Cantos das Mulleres do Mar: A Cantiga da Conserva”
21.00 Concerto de XISCO FEIJOO
23.15 Observación da estrela Rosalía de Castro canda a Agrupación Astronómica Ío [recoméndase traer prismáticos]”