Marilar Aleixandre: “Hai un mito de que antes o ensino era mellor, o que é totalmente falso”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Marilar Aleixandre en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela lle gustaría protagonizar?
– Marilar Aleixandre (MA): Non o teño claro, pois moitas das novelas que máis me gustan son historias moi duras, nas que os protagonistas sofren ou mesmo morren. De rapaza querería protagonizar A illa do tesouro, de Stevenson, navegar nun barco de vela –aínda que cando viñamos de Ceuta á península en barco adoitaba marearme–; talvez por iso escribín A expedición do Pacífico, na que Emilia, unha rapaza, viaxa nun barco. Das cousas máis lindas que me dixeron nos encontros con lectoras e lectores nos institutos é “eu sentín que era Emilia”. (…)
– B: Leva vostede un diario ou un dietario?
– MA: Un diario non. Teño varios cadernos nos que anoto cousas; tamén tomo notas no ordenador. Notas que poden ser de algo que ocorreu, dunha conversa, dun libro que lin, dun libro que penso escribir. Nada sistemático como diario.
– B: Escribirá as súas memorias?
– MA: Talvez. De momento os proxectos que teño entre mans son ficción ou poesía.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– MA: Non podo atribuírllo a unha autora, a un autor. De moito ler, acabei escribindo, mais en distintos momentos da miña vida estaba influída por distintos autores. Cando estudaba na universidade Marguerite Duras, lembro ler Des journées entières dans les arbres e decatarme de que era diferente a todo o que lera até ese momento. Foi ese o tempo en que comecei a escribir, non a publicar que daquela era ben difícil; eu nese intre dedicaba máis enerxías á militancia clandestina antifranquista; é o tempo no que me tocou vivir de nova. (…)”

“Unha historia que marca un camiño”

Desde Radio Fene:
““Vivo moito a poesía porque tiven a sorte de vivilo na rúa. A rúa no meu tempo era todo. Estábamos xogando seguido e tiñamos cantidade de xogos tradicionais metidos na cabeza e xogos literarios como cando chovía moito que nos metíamos nun portal e cantábamos romances” Ademais, recordou ter feito poemiñas de neno e a escaseza de publicacións poéticas. “Supoño que a xente na que non entra a poesía será tamén pola falta de insistencia. É moi difícil editar un libro de poesía”, explica Antón Cortizas, escritor de Os dez animais, unha historia “que marca un camiño” ilustrada por Lidia Nokonoko. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Carlos Callón: “É máis simple casar en galego nas Vegas que en Vigo: queremos unha oficialidade de verdade”

Entrevista a Carlos Callón no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Dicía Vicente Risco: “Semella miragre que o galego resistira a unha hostilidade tan ensañada combatido na casa, na escola, na eirexa, no xornal….”. Neste ensaio O libro negro da lingua galega editado por Xerais Carlos Callón documental gran parte das aldraxes que sufriu a nosa lingua dende o século XV ata a actualidade. Un tratado incontestable sobre a historia e o presente do galego. A entrevista pode verse aquí.”

Ribeira: presentación da tradución do Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica