“Máis que palabras. Rescata cultura”. Campaña para conseguir a adaptación da novela Os incurábeis de Antonio Tizón para podcast ou radionovela

Desde Radiofusión:
“O efecto bolboreta perséguese coa acción denominada “Máis que palabras. Rescata cultura”. A túa colaboración permitirá producir a adaptación da novela Os incurábeis de Antonio Tizón para o formato podcast ou radionovela. Serán actores e actrices profesionais os que se encarguen dese traballo e queremos retribuír o seu labor. Por cada 140 “teamers” que logremos (estimando que cada un deles doará un euro ao mes durante un ano) estaremos reunindo o orzamento necesario para afrontar a produción dun mes, de 22 episodios da obra. Radiofusión encárgase da coordinación e da emisión do programa sen cobrar nada. Non hai gastos de estrutura, nin gastos bancarios nin da plataforma teaming. O euro co que ti colaboras  en https://www.teaming.net/radiofusion irá integramente para pagar á xente do mundo do teatro que participe na iniciativa. Como dicía Mario Benedetti: “É lindo saber que vostede existe”.”

A Coruña: recital de Carlos Santiago e Roger Wolfe no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 25 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Ágora, continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Carlos Santiago e Roger Wolfe. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos xaneiro 2021. Ademais, o evento poderá seguirse por streaming desde a web das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Rianxo: presentación de Aproximacións a Manoel Antonio, de Xosé Luís Axeitos, o 29 de xaneiro

Vigo: charla-coloquio sobre Zona a Defender, de Manuel Rivas, o 25 de xaneiro

O 25 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Salón de actos do MARCO (Rúa do Príncipe, 54), en Vigo, terá lugar unha charla-coloquio arredor do libro Zona a Defender, de Manuel Rivas, publicado por Xerais. No acto, organizado polo Club Faro de Vigo, participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

“Publícase o epistolario entre Carvalho Calero e Otero Pedrayo”

Desde Nós Diario:
“O Pazo do Hórreo acolleu a presentación do volume Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, editado pola Real Academia Galega co apoio do Parlamento galego.
Interviñeron no acto o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o coordinador da obra, Henrique Monteagudo; unha das persoas responsábeis da edición, Patricia Arias; e a filla do homenaxeado, María Victoria Carballo-Calero Ramos.
Trátase, en opinión de Santalices, dun libro “necesario e esclarecedor” que contribúe a render tributo a “dous dos grandes persoeiros da nosa historia contemporánea”.
A obra compila 167 misivas intercambiadas por estas dúas figuras da cultura galega entre 1949 a 1974, que están depositadas no Parlamento e na Fundación Penzol. Foron editados por Patricia Arias Chachero, Adrián Estévez Iglesias e Nélida Cosme. Arias e Estévez asinan ademais o estudo introdutorio e as notas do libro, coordinado por Monteagudo.
Freixanes salientou a importancia das cartas para entender a historia e, sobre todo, a intrahistoria, “esa parte do iceberg que case sempre permanece debaixo da superficie da auga e que non conta, mais que explica moitas cousas”.
Así pois, “a través deste diálogo entre dous xigantes podemos reconstruír, ou cando menos enriquecer, algúns capítulos significativos na historia da cultura galega do pasado século XX”, engadiu.
Santalices aproveitou para lembrar que aínda é posíbel visitar a Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero no Parlamento, xa que foi prorrogada até o 31 de marzo. Na exposición, alén dos fondos propios, tamén se poden apreciar documentos senlleiros da nosa historia recente, como un exemplar do Anteproxecto do Estatuto do Seminario de Estudos Galegos de 1931, ao que deron forma Carvalho Calero e Lois Tobío.”