Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Casa da Matanza, Padrón: 128 aniversario da morte de Rosalía de Castro
A
Fundación Rosalía de Castro organiza o luns 15 de xullo, a partir das 20:00 horas, na Horta de Rosalía, na Matanza, Padrón, un acto en conmemoración do 128 aniversario da morte de Rosalía. O programa é o seguinte:
– Presentación da edición do I Premio de poesía escolar Rosalía de Castro, José Manuel Blanco Aldariz.
– Vixencia de Cantares gallegos, Pilar García Negro.
– Descuberta nun exemplar único da primeira edición, Xosé Luís Axeitos.
– Recitados: María Vilas, Marcela Porto e Fátima Barros (gañadoras do concurso escolar), así como Ana Blanco, Belén Rico Prieto, Olalla Cociña, Daniel Salgado e Luz Pozo.
– Música para Rosalía, Alba María Rodríguez.
– Pecha o acto o Presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
– Himno Galego.
Compostela: inauguración da exposición Unha obra para un país: Fermín Penzol/Francisco Fernández del Riego
Desde
Galaxia:
“O luns 8 de xullo, ás 12:30 horas, no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela, inaugúrase a exposición Unha obra para un país. Fermín Penzol (1901-1981) / Francisco Fernández del Riego (1913-2010) pretende conmemorar dúas importantes efemérides que se celebran neste ano 2013: O Cincuentenario do nacemento da Fundación Penzol e mais o Centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego. (…)
Esta dupla exposición que hoxe se trae a Fonseca distribúese en dous espazos que se complementan:
– No Salón do Artesonado pode percorrerse ao longo de 15 paneis informativos a vida de Fermín Penzol, a historia da súa fundación, a posta en valor dos seus fondos e unha breve presentación da institución na actualidade. Como complemento, nas diversas mesas e peanas pode apreciarse unha selecta mostra deste valioso patrimonio bibliográfico-documental. O denominado “recanto do bibliófilo” recrea este espazo tan frecuentado e querido por Penzol, cos seus propios mobles, libros e obxectos diversos.
– Na Capela gótica, seguindo un esquema similar aínda que con deseño diferente, o centro de interese é a figura e obra de Francisco Fernández del Riego. Presentadas, de novo, a través dunha ducia de paneis e complementadas tamén coas súas respectivas mesas e peanas, que amosan documentación e obxectos varios do devandito persoeiro. Nesta ocasión recréase o seu despacho ou lugar cotián de traballo.
En ámbolos dous espazos poden ser visionados dous vídeos. E na sancristía pode verse, a xeito de colofón ou elo común, unha longa entrevista feita no seu día na TVG a Del Riego dende e sobre a Fundación Penzol.
DATOS TÉCNICOS:
Lugar: Pazo de Fonseca. Praza de Fonseca s/n. Santiago de Compostela.
Datas: 8 de xullo 2013 – 2 de setembro de 2013.
Promove: Fundación Penzol.
Patrocinan: Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e Universidade de Santiago de Compostela (Consello Social).
Comisariado: Mª Dolores Cabrera Iglesias, Henrique Monteagudo Romero, Mª Dolores Villanueva Gesteira.”
Insua dos Poetas, Carballiño: V Festa da Palabra, o sábado 20 de xullo
Santiago: representación de O mundo segundo Rosalía
Vilagarcía: conferencia sobre 150 anos de Cantares gallegos
Ferrol: conferencia de Francisco Rodríguez sobre o 150 aniversario de Cantares gallegos
A
quinta feira 20 de xuño, ás 20:30 horas, na Fundaçom Artábria (Travesa de Batallóns, 7), en Esteiro, Ferrol, Francisco Rodríguez falará sobre a obra de Rosalía de Castro, coincidindo co 150 aniversario de Cantares gallegos.
Máis de catrocentas voces soaron en Bonaval-Compostela na xornada No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía
Desde
o Consello da Cultura Galega:
“Foi un concerto único, cálido e particularmente emotivo arredor da figura de Rosalía de Castro. O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, organizaron a xornada No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía celebrada o 7 de xuño nunha ateigada igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Máis de catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantaron os poemas Maio longo, Rosa de abril, En Cornes e Negra sombra, acompañados polo grupo de metais Hércules Brass e dirixidos por Maximino Zumalave. A xornada veu sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos (1863). Pola mañá os nenos e nenas participantes visitaron a Cidade da Cultura, onde realizaron o ensaio xeral. O concerto debía celebrarse na Praza da Quintana, mais as previsións meteorolóxicas aconsellaron levalo a Bonaval fuxindo da chuvia que, cumpridora da predicción, non faltou á cita. (…)
O acto foi presentado e conducido pola escritora Fina Casalderrey e acolleu tamén as intervencións de Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, e de Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Á igrexa de San Domingos de Bonaval acudiron asemade o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, e a Xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, entre outras autoridades e representacións. (…)”




