Está aberto o prazo para solicitar unha das 25 prazas do segundo obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da AELG, que se adxudicarán por orde de solicitude, con preferencia ás persoas participantes no primeiro obradoiro, celebrado o ano pasado.
O obradoiro, financiado pola Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, é gratuíto, e será impartido polos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo. A última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.
Baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral, desenvolverase ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración do 24 de setembro ao 17 de decembro. As clases serán os martes de 18:00 a 20:00 horas no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros) e a inscrición gratuíta poderá formalizarse entre o 9 de xullo e o 15 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Lugo (Edificio Administrativo do Concello de Lugo, na Ronda da Muralla s/n). O número de prazas é de 25 e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, con preferencia para as/os participantes no primeiro ciclo do curso.
Durante a presentación aos medios, Carmen Basadre, Concelleira de Cultura, sinalou que “visto o éxito da primeira edición decidiuse continuar xa que entendemos que a oralidade constitúe un dos piares fundamentais para transmitir a nosa cultura”. Pola súa parte, Antonio Reigosa, explicou que “o obxectivo é traballar coa oralidade para transmitir toda a cultura e buscamos chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual”.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de que o alumnado acade notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.
Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesión prácticas abertas ao público.
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega
VI Xornadas de Materiais Didácticos, o 29 e 30 de novembro de 2013
Organizado por Nova Escola Galega e a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
A Idea
As VI Xornadas de Materiais Didácticos pretenden ser continuación dos anteriores congresos de materiais didácticos, pretendendo nesta ocasión baixo o lema Recursos e materiais didácticos para o ensino en Galego crear un espazo de eminente carácter práctico, a través do cal poder difundir e dar a coñecer aqueles materiais didácticos e recursos educativos que están escritos en galego e contribúeno a desenvolver actividades de normalización lingüísticas nos centros educativos ou noutras institucións socioeducativas.
Sabemos das dificultades para encontrar materiais en galego para determinadas áreas e proxectos e polo tanto parece conveniente contribuir á difusión dos existentes e aportar aquelas ferramentas que poidan resultar de axuda para difundir e construir os materiais.
Igualmente, a través do coñecemento e difusión dos materiais elaborados polo propio profesorado pretendemos recoñecer o gran labor que hai detrás da construción de recursos educativos polos propios docentes e do interesante abano de posibilidades que se abre a través do intercambio de experiencias, do emprego e da conciliación de recursos elaborados por compañeiras e compañeiros.
Obxectivos
– Difundir os materiais didácticos innovadores concibidos e promovidos polo profesorado dos diferentes niveis do ensino e tamén dende diferentes colectivos de carácter educativo (concellos, movementos de renovación pedagóxica…), coa finalidade de contribuir á normalización lingüística.
– Reflexionar acerca da relevancia e da necesidade de dispor de recursos educativos en galego para os diferentes niveis do ensino.
– Participar en obradoiros que nos axuden a crear materiais didácticos e a contribuir á súa distribución.
Os materiais
Os obradoiros son sesións participativas, onde a/o asistente ten a posibilidade de iniciarse en técnicas de deseño e selección de materiais didácticos e recursos educativos. Na xomada do sábado realizaranse simultaneamente cinco obradoiros, dous en horario de 09:15 h. a 11:30 h. e tres de 12:00 h. a 14:15 h., as e os participantes deberán sinalar os obradoiros da súa preferencia na folla de inscrición (un entre os desenvolvidos na Sesión A e outro entre os desenvolvidos na Sesión B).
Ademais de asistir ás mesas redondas, conferencias e obradoiros, querémoste convidar a que presentes aos compañeiros/as algúns dos materiais didácticos que teñas elaborado para traballar na escola e que dalgún xeito estean contribuindo á normalización lingüística.
Se estás interesado en dar a coñecer a túa experiencia ou material, convidámoste a que accedas ao enlace Ficha para difundir material e cumprimentes a ficha que aparece no mesmo e a envíes a Rocio García Pazos (rocio.garcia.pazos@gmail.com) antes do 1 de novembro.
Como presentar material
Para pode presentar o teu material é necesario que esteas inscrito no encontro. Unha vez que recibamos o conxunto de propostas organizaremos as presentacións en función das temáticas e da tipoloxia de material. Cada autor de material disporá dun tempo aproximado de 15-20 minutos para presentar o seu recurso. Para as presentacións dos materiais disporase de ordenador e de conexión a intemet. Na realización da túa presentación, agradeceriamos que prestaras especial atención ás seguintes cuestións:
> Breve presentación do material
> Caracteristicas
> Destinatarios
> Por qué en Galego?
> Breve avaliación
As presentacións terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación.
Crónica da homenaxe a Marica Campo, A Escritora na súa Terra, o sábado 15 de xuño
O sábado 15 de xuño tivo lugar a homenaxe A Escritora na súa Terra, dedicada este ano a Marica Campo. Deixamos aquí esta crónica da homenaxe (para ver a reportaxe fotográfica completa, pódese consultar esta ligazón).
A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2013 a Marica Campo, quen nos levou ás terras do Incio o día 15 de xuño, nunha feita coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, a Consellaría de Cultura e o Concello do Incio.













Entrevista a Marica Campo, premiada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A Coruña: recital poético como feche do obradoiro A escrita do poema, dirixido por Dores Tembrás
O xoves 20 de xuño, ás 19:30 horas, na Biblioteca do Centro Ágora da Coruña, con motivo do feche do obradoiro A escrita do poema: da técnica ao sen alento, guiado por Dores Tembrás, os asistentes a este curso, organizado pola Escola de Escritor@s da AELG, amosarán algúns dos textos froito das sesións previas no recital de clausura da actividade. Ponse así o ramo a uns encontros onde o traballo coa palabra poética volveu poñer de relevo algunhas das chaves precisas para a construcción do poema. A entrada é libre e gratuíta.
Neste acto de clausura, con entrada libre, estará a Vicepresidenta da AELG, a poeta Antía Otero.
A Escola de Escritoras e Escritores da AELG é unha iniciativa que ten como obxectivo, cos autores/as como guías, transmitir a experiencia da paixón do acto de crear:
• afondando nos motivos que alimentan a literatura
• proporcionando estratexias para a escrita de ficción
• destacando o desenvolvemento da capacidade de observación, reflexión e intercomunicación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade
• partillando orientacións e metodoloxías de achegamento literario para a mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega de hoxe
• concienciando a sociedade da necesidade de estimulación creativa na escrita que complemente a formación do individuo
• poñendo en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria
A Escola de Escritoras e Escritores da AELG basea a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros literarios, contidos temáticos, idade dos destinatarios…
Cesáreo Sánchez Iglesias: “No Campo da Festa Marica Campo”
Discurso do presidente da AELG Cesáreo Sánchez no Campo da Festa do Val do Mao na homenaxe a Marica Campo “A escritora na súa terra“. 15-06-2013. Publicado tamén en Sermos Galiza.
Vimos Marica Campo chantar a Pedra da Escritora nesta túa terra, xa por ti tan nosa, aquí na cerna túa que afunde a súa raíz no tempo que arrola entre as montañas.
Chantamos a pedra na que, en mineral abrazo, insculpida, a palabra faise eterno dicir no humus da terra fértil, da terra amada que no teu verso canta.
Neste souto que leva o teu nome de poeta de escritora onde os castiñeiros entregan de albor a solpor as súas sombras para medir os días.
Os días que son efémero claror, que son anacos de eternidade para medir tamén para ti o dia de hoxe que chega nelas coas súas gallas extenuadas polo tempo aínda tan vivas cheas de ponlas novas como a terra nosa que abrocha da caracocha da historia.
O rielo que próximo arrola co seu son de auga recen nacida e clara, rumorosa no seu partir, marulla onde o xílgaro repenica o canto e a rula agarda amorosa pola sombra do verao que cantará de mañanciña clara.
Leva o teu nome este souto vedraio e máis o campo da festa que é o lugar comunal onde a ledicia se fai pobo de noso e a cultura expresa o seu ser tan ledo a construír un mundo que abre as portas á luz coma labios que abren e din o teu nome Marica Campo na amizade.
Para o mais vellos sempre é contento este lugar onde a infancia soñou onde a xuventude amou e coma un ventiño morno chegou e partiu e coma ourive teceu coas raiolas do tempo os seus días efémeros no transcorrer que non pasarán nunca xamais.
Para os mais novos é o lugar primeiro do desexo da caricia furtiva dos beixos vermellos coma papoulas ao son das músicas que ficaron gravadas na codia da luz ate se facer en nós só alma só acrisolado misterio.
Coma un neno ou unha nena que levan o seu aro a rodar podemos hoxe facer nós rodar a roda do tempo e convocar aquí as voces todas dos teus seres amados que son o sonoro canto da túa fértil biografía, xenerosa.
Voces que che son familiares Marica, que na memoria do tempo se fixeron túas e son eco antigo de canción nova na tona desta terra que nos fan tremer na beleza, os nomes que nos dan de mao en mao a responsabilidade de que a historia de noso siga e sustente o presente e veña este co seu fulgor.
Que siga a recibir a terra a semente que onte decruou o arado e que nos modelou e inzou esta terra de froitos.
Os castiñeiros coma sólidas e mancadas columna sosteñen os ceos cos seus catro puntos cardinais.
Todo adiviña para ti hoxe o nome de cada un dos carreiros e rielos deste lugar nesta doce mañá ás portas do verao.
A túa obra Marica Campo ven de moi lonxe do mais lonxincuo da memoria colectiva que chanta no seu fértil humus para nos desvendar os segredos.
Este campo da festa e o souto que o acolle e que leva o teu nome é o lugar é o crisol onde o silencio do mundo todo escoita e a palabra florece para o froito se facer cultura de noso.
Aquí a nosa lingua acrecentou o seu maxín e a súa palabra fíxose secreto zume, enchoupada dos sons do traballo e da ledicia, das maos da dor e da festa do amor febril con que cada primavera a natureza de noso faise no seu abrazo.
Aquí o silencio da terra toda é clamor que hoxe te abraza e coa túa palabra insculpida na pedra faise centro do universo que tamén o foi onte na túa nenez cando contigo falaba o rielo e mais o outeiro e a montaña e a pluma que deitaba a rula ao partir, e coma no primeiro dia da creación o Val do Mao confesoute o inexplicábel.
O rumor do vento aínda neno púxoche as azas e fíxote poeta amada por nós, amiga fíxoche tempo de humana tenrura.
Es da estirpe de Rosalía, Marica Campo.
E nós as escritoras, e escritores galegos, hoxe, aquí, no Val do Mao, no teu Campo da Festa e Souto Marica Campo celebramos a túa obra.
Celebramos na amizade a túa tenrura.”
Un souto do Val do Mao leva xa o nome da escritora Marica Campo
Desde Sermos Galiza:
“Acompañada e querida tívose que sentir a escritora Marica Campo ao ir recibindo ás máis de duascentas persoas que se trasladaron de todas partes da Galiza para partillar na xornada que a República das Letras lle tributou. E non só desde o país. Desde Granada desprazáronse Aurora López e Andrés Pociña e desde o País Vasco chegou o amigo Xosé Estévez. Amigas e amigos da poesía como Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Marta Dacosta, Medos Romero, Margarita Ledo ou o propio Cesáreo Sánchez Iglesias participaron nos actos durante toda a xornada nos que tamén tomaron parte coñecidas figuras non só das letras senón tamén da política e o sindicalismo. Polo Incio estiveron Pilar García Negro, Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Mario Outeiro, Cosme Pombo, Silverio Rivas, Montse Prado, Mercedes Queixas, Estravís, Carme García Negro, Ramón Varela, Saleta Goi, Anxo Louzao, David Otero, Xosé Ramón Freixeiro Mato -autor da laudatio- e moita familia e veciños do Incio, a terra na que naceu Marica Campo e na que garda lembranzas da súa infancia e do seu achegamento á literatura.
Por aí discorreron os seus dous discursos, o primeiro na Casa do Concello, coa alcaldesa como anfitrioa e o segundo no Campo da Festa que leva xa o seu nome, pola relación co Val do Mao que fixo que se remitise á infancia feliz no que a literatura comezaba a gañar espazo. Marica Campo falou de maneira íntima e persoal, lembrando episodios familiares para os amigos e amigas, recoñecendo a súa intensa relación da lingua que coñeceu no Incio, o seu compromiso co idioma e as primeiras achegas a un mundo literario que a había acompañar ata hoxe. En diversas ocasións, a escritora tivo que parar, interrompida polas palmas que se manifestaron, de maneira especial, nos fragmentos nos que a autora reparaba na reivindicación do uso da lingua en tempos nos que as dificultades se incrementan.
No souto, o Campo da Festa, xa queda prendida unha placa que lle dá o nome da escritora a ese espazo que tantas lembranzas ten para ela, boas e malas, intensas fixo, daquelas que quedan para toda a vida porque forman parte da biografía de cada quen. Ao pé da igrexa, do singular camposanto cuberto e do campo de lecer e encontro, no que a música ecoa a través do tempo. Alí queda tamén o monolito cun poema da autora labrado na pedra, o Val do Mao, primeira composición do primeiro libro, poema inaugural da traxectoria literaria da ilustre veciña do Incio.
“Na súa traxectoria literaria e cívica transparece o firme compromiso coa Galiza, patria asumida e sempre reivindicada, e coa causa da xustiza e da solidariedade. Espírito libre, aberto e xeneroso, Marica Campo comprométese en cada texto coa calidade e dignificación artística da lingua, máis outra forma, en fin, de fidelidade e amor á Terra” dixo Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor da laudatio coa que homenaxeou á autora.
Tamén Cesáreo Sánchez, que pronunciou dous discursos nos dous actos da xornada, se dirixiu a Marica Campo para dicir: “Na túa palabra que é idioma na súa máis fonda raíz vai a tranparencia do río primeiro de primavera, vai o noso presente que escoitamos nos ecos da memoria que son patria. E no teu Eu cabe o Nós que contén todos os seres que somos sen nós saber”.”
O Incio e Val do Mao: Homenaxe A Escritora na súa Terra a Marica Campo, o sábado 15 de xuño
A Homenaxe A/O Escritor/a na súa Terra que cada ano impulsa a AELG chega neste 2013 á súa XIX edición, recaendo en decisión por unanimidade da Asemblea de Socias e Socios na figura de Marica Campo.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de case dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeada cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha camelia elixida pola propia autora), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome da homenaxeada a un espazo público, neste caso ao Campo da Festa – Souto Marica Campo.
PROGRAMA
11:30 h. Praza da Casa do Concello do Incio (A Cruz do Incio).
Acto de entrega da letra E.
Interveñen:
• Laura Celeiro García, Alcaldesa do Incio.
• Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Xosé Ramón Freixeiro Mato. Laudatio.
Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención da homenaxeada: resposta á laudatio por parte de Marica Campo.
13:00 h. Campo da Festa-Souto Marica Campo (Val do Mao).
Plantación da camelia (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo e da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao Souto.
Interveñen:
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Marica Campo.
A organización conta co apoio do Concello do Incio, a Deputación Provincial de Lugo e a Consellaría de Cultura.
Vídeos da Gala das Letras 2013 (VIII): entrega dos premios ás Institucións e encerramento do acto
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.
– Entrega do premio ás Institucións, coa intervención de Xosé Manuel Sánchez Rei en representación de todas as entidades premiadas. Pódese ver nesta ligazón.
– Encerramento da Gala das Letras 2013, por Antía Otero. Pode verse aquí.
Vídeos da Gala das Letras 2013 (VII): entrega dos premios Bos e Xenerosos e Mestres/as da Memoria
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.
– Intervencións na entrega dos premios Bos e Xenerosos. Pódese ver nesta ligazón.
– Intervencións na entrega dos premios Mestres/as da Memoria, con Antonio Reigosa. Pode verse aquí.